Marea Atlántica
A Marea Atlántica trasládalle o seu agradecemento ás direccións de área e o persoal de apoio municipal polo seu excelente traballo no último mandato
Xulio Ferreiro: “En nome de todo o goberno saínte e da Marea Atlántica, quero darlle as grazas a todas as persoas que puxeron o seu tempo e esforzo ao servizo da veciñanza nun mandato duro e difícil, pero no que se conseguiron avances importantes”.
A Marea Atlántica quere trasladarlle o seu agradecemento ao persoal directivo e de apoio do anterior goberno municipal polo gran traballo realizado e pola súa enorme implicación á hora de poñer o Concello ao servizo da cidadanía e desenvolver políticas públicas destinadas ao ben común.
Como sinalou o exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro: “En nome de todo o goberno saínte e da nosa organización municipalista, quero darlles as grazas a todas as persoas que puxeron o seu tempo e esforzo polo benestar da veciñanza, moito máis aló das esixencias laborais, quitándolle horas á súa vida persoal e ás súas familias”.
Ferreiro lembrou que “o persoal directivo e asesor axudounos a seguir adiante nun mandato especialmente duro e difícil, pero no que conseguimos logros como converter á Coruña na cidade galega con maior investimento social por habitante, avanzar en feminismo, transparencia e responsabilidade ambiental, entre outras moitas cousas. E non tería sido posible sen este gran equipo humano”.
Este agradecemento diríxese aos cargos directivos que foron cesados hoxe, 28 de xuño, na Xunta de Goberno Local, por parte do novo executivo municipal: Juan Carlos Martínez, Carlos García Touriñán, Eduardo Mera, Jorge Cao, Hipólito Pérez Novo, Miguel Ángel Martín, Juan José Pernas e Marta Núñez Corbalán. E faise extensivo tamén a todo o persoal eventual que deixou de exercer as súas funcións o pasado 15 de xuño, así como á directora da Asesoría Xurídica Municipal, Marta García Pérez, nomeada tamén no período do anterior goberno. Sen o compromiso de todas elas, poucos dos avances dos últimos catro anos terían chegado a facerse realidade.