Urbanismo

A Marea e o PSOE rexeitan a moción da Comisión Aberta para fixar prazos nas accións sobre a fachada marítima

O Goberno municipal insiste no seu “compromiso coa titularidade pública dos peiraos”, pero di que “a loita debe facerse desde o consenso”.

A Marea e o PSOE rexeitan a moción da Comisión Aberta para fixar prazos nas accións sobre a fachada marítima
Pleno municipal do 3 de xullo
Pleno municipal do 3 de xullo.

A Comisión de Defensa do Común viu defraudadas as súas expectativas respecto dunha nova sanción plenaria ás súas demandas, que incluían nalgún caso -como o da convocatoria dunha consulta popular sobre o custe da devolución dos terreos da fachada marítima- prazos para a súa execución.

Cos votos en contra da Marea Atlántica, do PSOE e do PP quedou rexeitada no pleno desta tarde a moción que a Comisión Aberta fixera chegar a semana pasada aos distintos grupos. Deulle curso o BNG, mentres desde a Marea Atlántica sinalaron que a moción se lles presentara de forma precipitada.

Entre outras iniciativas, a moción pedía un acordo plenario polo que o Concello lle esixira ao goberno do Estado a elaboración dun novo convenio entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento  -desta volta engadía un prazo: “antes de que remate o 2017”-, proposta case calcada dunha que o propio grupo que apoia ao Goberno municipal levara a un pleno anterior. Tamén solicitaba que se apoiará a Consulta Popular “nos termos aprobados no Pleno de 6 de marzo de 2017” para levala adiante nun prazo de catro meses, e se insistía na necesidade de que o Concello interpelara directamente aos ministerios de Defensa e Fomento para garantir a devolución gratuíta dos terreos que posúen na fachada marítima.

Xiao Varela, o concelleiro de Rexeneración Urbana, explicou a negativa da Marea Atlántica a apoiar a moción sinalando que o Concello está tratando de abrir espazos para o diálogo coa Autoridade Portuaria, pero que estaba de acordo “co 90% da moción”, inda que votarían en contra.

“Na Comisión Aberta, da que fai parte Marea Atlántica e tamén o PSOE, a moción aprobouse por unanimidade e así a presentamos o venres aos grupos”, explicaba onte Ricardo Vales, portavoz da plataforma, “serán Marea Atlántica e o PSOE os que teñan que dar agora explicacións respecto a por qué non apoian as demandas no pleno”.  Desde a Comisión Aberta indícase que a moción “é unha proposta cidadá”, que non cabía ningunha negociación cos grupos que xa fan parte da propia Comisión, e que era urxente levaba a este pleno –o último antes das vacacións de verán- porque o 23 de agosto remata a moratoria para a puxa que a Autoridade Portuaria pretendía facer sobre a Solana e o Hotel Finisterre.  “Non podiamos esperar a setembro para dar este debate porque entón podémonos encontrar diante de feitos consumados, cunha poxa de novo aberta”, explica Vales, quen considera que a negativa de onte non invalida os acordos alcanzados en anteriores plenos.

Concello “con menos” eucaliptos

Por outra banda, o pleno acordou unha declaración a prol dun municipio con “menos eucalipto e máis biodiversidade” na que ademais se insta ao Parlamento de Galiza a promover a replantación de especies autóctonas, recuperar terras agrícolas e incentivar a multifuncionalidade do monte. A declaración, na liña do que se está acordando noutros concellos do país despois do lume de hai dúas semanas en Portugal, tamén solicita do Parlamento que declare ao eucaliptus nitens como especie invasora e desenvolva un plan para a súa substitución.


 

A Marea e o PSOE rexeitan a moción da Comisión Aberta para fixar prazos nas accións sobre a fachada marítima