Urbanismo

O Concello abre un proceso participativo sobre os usos futuros do bordo litoral da Coruña

Participación e Innovación Democrática licitará nos próximos días o contrato do servizo que pilotará esta análise.

O Concello abre un proceso participativo sobre os usos futuros do bordo litoral da Coruña
42-min
Xiao Varela na manifestación do 7 de maio, diante da Autoridade Portuaria.

A presión sobre o Estado, sobre os distintos departamentos que xestionan espazos no litoral da cidade que están sendo reclamados pola veciñanza nun amplo movemento de reivindicación (ver aquí, aquí e aquí), intensifícase a poucas semanas de que remate un dos prazos, o da Autoridade Portuaria para retomar as negociacións sobre o futuro da Solana e do Hotel Finisterre.

A concelleira de Participación, Claudia Delso, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, anunciaron onte que o Concello impulsará "un proceso de investigación participado", que inclúe "a celebración dun foro cidadán que garanta a participación de todos os axentes implicados e afectados pola transformación da fachada marítima" para definir futuros usos desde bordo litoral que se quere recuperar para o público, mentres se continúan discutindo as fórmulas.

A investigación

A investigación, cuxo desenvolvemento está orzamentado en 70.180 euros, inclúe varias fases, como é un primeiro estudo, que incluirá un diagnóstico e unhas conclusións operativas, con medidas que o Concello poida desenvolver. Ademais, defínese unha segunda fase, na que terá lugar o desenvolvemento dun foro cidadán. Por último, o proceso inclúe unha diagnose e conclusións operativas das dúas fases anteriores, que quedarán recollidas nun informe de conclusións e recomendacións de usos para o bordo litoral.

A concellería de Participación e Innovación Democrática sacará nos próximos días a licitación o contrato do servizo que pilotará esta análise, de cara á futura integración do porto e a cidade.

"A renovación do espazo litoral da Coruña supón unha oportunidade única para adaptar os modelos de anteriores plans, froito dun contexto socioeconómico obsoleto, cara a un modelo de cidade baseado na calidade ambiental, a conservación do patrimonio e a paisaxe e o equilibrio dos usos produtivos, residenciais e terciarios sustentables e resilientes", recolle o documento de condicións, que establece as pautas dun proceso no que tamén está implicada a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda. 

22-min


 

O Concello abre un proceso participativo sobre os usos futuros do bordo litoral da Coruña