Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “Vai sendo hora de que o Pleno deixe de falar de previsións e comece a falar de feitos”

O Pleno aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, un cambio obrigado no imposto de plusvalías, que se tramita case ao límite do prazo legal
María García: “Vai sendo hora de que o Pleno deixe de falar de previsións e comece a falar de feitos”
20220322_SGR_pleno_extra_Z7F6871
Pleno extraordinario

A voceira da Marea Atlántica pediulle ao goberno local que sexa áxil e comece a atender as necesidades da rúa, executando os Orzamentos 2022 acordados. 

O grupo municipal da Marea Atlántica votou hoxe a favor da adaptación do imposto da plusvalía, para cumprir a xurisprudencia do Tribunal Constitucional do 26 de outubro e as directrices coas que adapta o Goberno do Estado. Son modificacións obrigadas e técnicas, entre as que salienta a exención do tributo cando se transmita un terreo sen incremento de valor. 

Porén, a nosa voceira, María García, lamentou que esta modificación se leve a cabo no límite do prazo legal, e pediu que “cumpramos con ela canto antes e poñámonos a traballar no que lle facilita a vida á xente”. Lembrou que “aí fora, nas rúas, a xente está a encadear a crise da pandemia coa crise da guerra de Ucraína, e cada día é máis difícil cubrir as necesidades básicas”, polo que pediu que “neste Pleno deixemos de falar de previsións e comecemos a falar de feitos, falemos de decisións e non de demandas, de políticas públicas e non de proxectos”. O goberno local ten uns Orzamentos 2022 aprobados inicialmente grazas ao compromiso coa Marea Atlántica, e ten que comezar a executalos. 

Como sinalou García, “o que aprobamos hoxe é un mero trámite, pero un trámite que debería terse producido hai meses, polo que compre aplicalo canto antes e atender ao que realmente precisa a veciñanza”. O prazo para esta adaptación remata en maio de este ano e, tendo en conta o tempo de exposición pública das novas ordenanzas fiscais, o goberno local forzou ao máximo os tempos. 

O PP presentou unha emenda de corrección de erros, que foi aprobada, e outra na que pretendía eliminar as bonificacións para as familias con menor renda para instalar unha tarifa plana tributaria, que foi rexeitada en nome da xustiza fiscal. 

Pero cumprido o trámite, a nosa voceira reclamoulle ao goberno local que comece a materializar os acordos e asumir os compromisos. “Temos xa uns orzamentos expansivos, con políticas de vivenda, transición enerxética, xustiza social, igualdade… Estamos satisfeitas co aprobado, e exerceremos o noso labor de oposición para reclamar que as previsións se fagan realidade”. 

María García: “Vai sendo hora de que o Pleno deixe de falar de previsións e comece a falar de feitos”