Arborado urbano. Obxectivo: 1.500 árbores máis
Medio Ambiente pon en marcha a campaña ‘Coruña Viva + Natural + Saudable + Comprometida’
A concelleira María García manifestou que A Coruña rematará o ano con 541 novas árbores, que se incrementarán até as 700 a principios de ano
A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou hoxe a campaña Coruña Viva + Natural + Saudable + Comprometida, que busca informar á poboación dos beneficios da existencia e ampliación das zonas verdes e espazos de arborado urbano da cidade, tendo en conta que a previsión deste departamento municipal pasa por que o ano 2018 remate con 1.500 novos exemplares arbóreos na cidade. En rolda de prensa, a edil recordou que o goberno local "se marcou o obxectivo de incrementar ao longo do ano que vén o arborado urbano nun 10%". Coas plantacións xa en marcha, a cidade rematará o ano con 541 novos exemplares, número que se incrementará ate as 700 árbores de cara ao inicio de ano, para, de cara a final do exercicio vindeiro, dar por cumprido o obxectivo das 1.500 novas árbores. Prévese para isto unha inversión de 800.000 euros. Segundo salientou García, "os novos exemplares que se están plantando son adultos, xa grandes, cunha copa, na súa maioría de máis de 2 metros". Estas árbores deben cumprir cunha serie de requisitos, como é o caso de que xa teñan pasado por procesos de transplantado anteriores, para asegurar un bo sistema radicular, algo que contribuirá a súa perdurabilidade no espazo urbano.
"A campaña que poñemos en marcha busca que a cidadanía sexa consciente dos beneficios das árbores na cidade. Temos un contador de novas árbores que ten que chegar a 1.500 en decembro de 2018", indicou a concelleira, que explicou que os novos exemplares que se coloquen no espazo urbano "irán marcados e numerados". "Queremos implicar á cidadanía xa que todas somos necesarias no coidado e respecto destas especies vexetais para poder acadar este obxectivo", indicou, e explicou que a campaña comprenderá non só publicidade e cartelería presente nos equipamentos municipais, senón que tamén haberá "contadores" na cidade onde se irán indicando do avance nas plantacións. De feito, está previsto que a praza de Ourense teña un marcador electrónico onde se irán actualizando os datos sobre o número de novas árbores plantadas.
"Temos o obxectivo de facer una cidade máis viva, máis natural, máis saudable e máis comprometida. Esta acción de expansión de arborado é un obxectivo fundamental da Concellería de Medio Ambiente para o que precisamos da sensiblización cidadá e dunha cidade que valore o seu arborado e vexetación", comentou a responsable municipal, que indicou que, nese empeño de implicar a toda a veciñanza haberá plantacións colectivos "coas mans de todas as persoas que queiran participar".
Por outro lado, García sinalou que o sistema de plantación non sempre foi o adecuado na cidade. "Existen exemplares que se plantaron no seu momento de especies que non se correspondía co lugar onde foron colocadas. Non obstante, por cada árbore que hai que talar por cuestións de seguridade nesta cidade, o Concello ten o compromiso firme de colocar outras tres no seu lugar", apuntou.
Plan de Expansión do Arborado
A titular de Medio Ambiente incidiu en que o obxectivo de incrementar o arborado da cidade nun 10% inclúese dentro da estratexia municipal para a loita contra o cambio climático. "A primeira fase deste proceso de expansión de arborado iniciouse en primavera coa plantación de 70 árbores de nova plantación en 4 barrios da cidade: Novo Mesoiro, Eirís, Monte Alto e Barrio das Flores", explicou. A segunda fase de expansión, que se está a levar a cabo nestes momentos, contemplaba a plantación, entre outros, de 130 árbores en Novo Mesoiro, 111 en Eirís, máis de 80 na zona dos Rosais, 30 en Oza e outros 30 tanto no Ventorrillo como en Cances, ademais de preto de 10 exemplares novos na contorna de Pablo Picasso. Ademais disto, o plan contempla que antes de finalizar o ano tamén se aborde un proxecto de reposición de arborado en 61 rúas da cidade, con 200 exemplares.
O obxectivo, unha vez completadas todas estas novas plantacións de exemplares xa adultos e de porte, é que contra principio de ano, a cidade conte con 700 novas árbores. A concelleira destacou, ao fío, "o importante investimento que está a realizar o goberno local neste eido, tendo en conta que só na fase de expansión actual, e debido as características das árbores escollidas, xa de gran tamaño, estamos falando de máis de 373.000 euros".
Especies
García tamén comentou que á hora de escoller as especies que se plantarán, así como a súa localización, "priorízanse especies autóctonas, así como aquelas adaptadas ás contornas urbanas e que non causen un problema á veciñanza por un cremento excesivo nas zonas máis próximas ás vivendas". "Buscamos árbores que sexan especialmente beneficiosas para o fomento da biodiversidade, como as froiteiras, así como outras que destaquen pola súa capacidade de retención de CO2 e polución", apuntou.
A concelleira recordou datos como que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda 3 habitantes por árbore para unha cidade cunha boa calidade de aire, "sendo a ratio é moito maior na Coruña, onde falamos de unha árbore por cada 16 persoas segundo os datos de 2015". "Coa plantación destas 1.500 novas árbores damos un paso importante para camiñar cara o noso obxectivo", recordou.