Orzamentos A Coruña 2018
Máis de 10 millóns para o fomento da Mobilidade Sostible
A Tarxeta Millenium mellorará as súas condicións de uso, de forma que os e as usuarias poderán usar o teléfono móbil para acceder tanto ao bus urbano como ao aluguer de bicicletas públicas
As políticas de Mobilidade Sostible conforman un dos eixos principas do proxecto de Orzamentos Municipais para 2018, que o vindeiro venres, 29 de decembro, será debatido polo Pleno municipal. De feito, e segundo destaca o concelleiro do ramo, Daniel Díaz Grandío, experimentarán un impulso de máis dun 30% con respecto ao 2017, superando os 10 millóns de euros. O responsable municipal salientou que "2018 está chamado a ser un ano fundamental de cara a abordar proxectos fundamentais para o futuro da nosa cidade nos próximos 30 anos, e imprescindibles para repensar o transporte público dende unha perspectiva metropolitana, a única posible".
A este respecto, o concelleiro salientou a mellora das condicións de uso que experimentará a tarxeta Millenium durante o próximo exercicio, cometido para o que se reserva unha partida de 100.000 euros. "Trátase dun vector de traballo fundamental. O que pretendemos é optimizar o sistema de xestión de cara ao usuario, que poderá usar o teléfono móbil para acceder tanto ao autobús urbano como para facer uso da bicicleta pública", salientou. "Por outro lado, e de cara a preparar este novo ano trascendental, cun escenario moi marcado pola nova licitación do contrato de transporte público urbano e co reto da creación da Área Metropolitana e da xestión mancomunada do transporte, as contas municipais inclúen a continuidade do convenio de colaboración coa Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona para o remate dos traballos de definición da nova rede de transporte", evidenciou.
Ao fío, Díaz Grandío recordou o "esforzo sen precedentes" que o goberno local pretende levar a cabo para o fomento dunha mobilidade tranquila e, nomeadamente, do uso da bicicleta. "Este orzamento será o que estableza a bicicleta como elemento común na imaxe da nosa cidade, aportando o seu potencial integrador como medio de desprazamento respectuoso coa cidadanía e os seus espazos comúns", salientou. As contas municipais inclúen a execución de máis de 8 quilómetros de vías ciclables tecendo, por ver primeira, "unha rede ciclista funcional e cun marcado sentido de mobilidade diaria, cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros". Este investimento desglósase en distintas partidas como os 173.644 euros reservados para vías ciclables en Praza da Palloza e Matogrande, os 557.067 para a rede ciclista da Área Metropolitana, os 250.000 para a conexión de carril bici que pasará por Cidade Escolar e Fernández Latorre, ou os 120.000 euros comprendidos para a ampliación dos trazados ciclables e comprendidas dentro das partidas procedentes dos fondos DUSI europeos.
O fomento do uso da bicicleta como medio de transporte calmado non está unicamente baseado na ampliación e mellora do carril bici. O vindeiro ano tamén está previsto que se leve a cabo "unha renovación integral do sistema para o alugueiro de bicicletas públicas BiciCoruña". Non só se duplicará o número de estacións, pasando das 23 actuais a un mínimo de 46, senón ademais 500 novas bicicletas serán postas a disposición da cidadanía, a metade delas eléctricas. O investimento para este proxecto sobrepasa o millón de euros.
Ademais, os orzamentos destinarán 80.000 euros a un ambicioso proxecto para integrar toda a información sobre mobilidade na cidade. "Pretendemos que todos os datos necesarios sobre autobuses, bicicleta pública, taxis e roteiros peonís figure nun único portal de información accesible e claro, que complemente a aposta pola elección dos medios de desprazamento sostible nos traxectos habituais", indica o edil.
O goberno local desexa tamén seguir afondado na liña de traballo xa iniciada para o fomento da seguridade e a mobilidade peonil no entorno dos centros escolares. Tanto por medio de partidas procedentes dos fondos DUSI, como mediante fondos propios, está prevista a execución de melloras a este respecto nos pasos peonís e na contorna de sete centros escolares. Esta inversión ascende a 206.000 euros.