"Meirás e a Casa Cornide foron o botín de guerra", di Xosé L. Rivas 'Mini'

A dous días do comezo na Coruña do xuízo no que o Estado reclamará aos Franco a propiedade de Meirás, o BNG realiza en Compostela un acto de campaña no que o nacionalismo chama a levantar “a lousa de silencio” das institucións para “exhumar definitivamente os restos do franquismo”.
"Meirás e a Casa Cornide foron o botín de guerra", di Xosé L. Rivas 'Mini'
@BNG

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas afirmou nun acto en Compostela que un pobo que quere avanzar require de memoria e nesa liña indicou que “un goberno do BNG na Xunta impulsará unha Lei de Memoria histórica para restituír a todas as vítimas do franquismo e recuperar os bens roubados ao pobo galego”.

O Pazo de Meirás e a Casa Cornide foron “o botín de guerra espoliado polo ditador” e a Illa de San Simón o símbolo “dos asasinatos e torturas franquistas”. Temos que converter a Illa de San Simón nun lugar da historia para non esquecer o acontecido nin as vítimas do franquismo. Ese lugar, dixo, debe ser conservado como “Illa da Memoria”. “Gobernaremos na Xunta e impulsaremos esa recuperación que tanto precisamos” recalcou o nacionalista.

Rivas  reiterou que “un pobo que quere avanzar debe ter memoria e o BNG non esquece a un “ditador asasino e despiadado” que roubou o que lle pertence ao pobo e ao  patrimonio público  galego. Seria unha “anomalía  democratica” que o xuízo que comeza o luns non repare o roubo e a devolución do Pazo de Meirás en mans da familia do ditador.

Néstor Rego apela a exhumar todos os restos do franquismo

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, un dos denunciados pola Fundación Francisco Franco por participar nunha acción simbólica e pacifica no Pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao patrimonio público galego, afirmou que a colonización de Galiza fixo posible que nos “roubasen parte da nosa historia” e a inmensa maioría do pobo galego aínda descoñece fitos fundamentais. Neste sentido, apelou a “levantar a lousa de silencio” que continúa en moitas institucións e ámbitos porque  recuperar a memoria histórica, recalcou, e abrir os camiños para conquistar un futuro diferente.

Rego insistiu  en que resulta imprescindible recuperar o Pazo de Meirás pero sobre todo, “exhumar definitivamente os restos do franquismo”

Goretti Sanmartín destaca  a resposta social na reclamación do Pazo

A portavoz municipal do BNG no concello de Santiago de Compostela, Goretti Samartín lembrou que o movemento asociativo, o movemento pola recuperación da Memoria histórica na Coruña, colectivos culturais e asociacións veciñais apoiaron a reclamación e sacaron a luz a “verdadeira historia do espolio de Meirás”. Toda esta demanda é recoñecida internacionalmente tras a “toma simbólica e pacífica do Pazo polos 19 de Meirás”.

Nun primeiro momento, engadiu Sanmartín, o BNG mantivo unha posición decidida pola devolución do ben roubado e a través do goberno nacionalista en Sada o Pazo foi declarado Ben de Interese cultural (BIC) para abrilo ao público. A portavoz do BNG no concello de Santiago tamén salientou o importante labor do historiador, Carlos Babío, autor do libro, Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio que relata como o Pazo chega a mans do ditador a través da coacción e o abuso a unha poboación baixo a represión do franquismo. 

"Meirás e a Casa Cornide foron o botín de guerra", di Xosé L. Rivas 'Mini'