Deportivo
A Marea Atlántica denuncia a irresponsabilidade sanitaria da Liga e a Federación, e a inxustiza cometida co Deportivo
Despois dunha dificilísima tempada, e dun apoio exemplar da afección, nin o Dépor nin a cidade da Coruña merecen isto.
A Coruña, 21 de xullo de 2020.-
- O descenso do equipo á Segunda División B, nunha xornada que rachou co principio de igualdade, terá graves consecuencias económicas nun momento de crise
- A viaxe do Fuenlabrada, con sospeitas de contaxios de COVID desde a fin de semana, nunca se debeu ter producido
Desde a Marea Atlántica queremos denunciar a enorme irresponsabilidade sanitaria cometida onte, primeiro ao permitir a viaxe do Fuenlabrada cando xa existían sospeitas de contaxios de COVID19 dentro do equipo, poñendo en risco a saúde na cidade da Coruña. E, en segundo lugar, por adulterar a competición e rachar o principio de igualdade ao suspender só o partido do R.C. Deportivo- C. F. Fuenlabrada en Riazor mentres se xogaba o resto da xornada. Nin a cidade da Coruña nin o deportivismo merecen isto.
A Liga, a Federación Española de Fútbol, o Consello Superior de Deportes e o propio Fuenlabrada deberían dar explicacións e asumir responsabilidades pola decisión de manter a súa viaxe á Coruña a pesar dos indicios médicos. Desexándolle unha pronta recuperación aos xogadores e corpo técnico do Fuenlabrada, non podemos deixar de denunciar a súa actuación no medio dunha pandemia que xa custou máis de 28.000 vidas. Agardamos, a partir de agora, o cumprimento máis estrito das medidas de confinamento, e un escrupuloso control dos contactos que mantiveron desde a súa chegada a Alvedro.
Non pode entenderse, tampouco, que a decisión de suspender o partido se tomase só unha hora antes do seu inicio oficial, mentres o resto dos encontros continuaban coma se nada. A xornada debeu suspenderse por completo. Permitir que os equipos rivais xogasen sen a presión de coñecer o marcador en Riazor foi un xeito de adulterar a competición. Amosamos o noso apoio ás medidas legais que o Deportivo xa anunciou que tomará.
O descenso a Segunda B do Deportivo é unha moi mala noticia para A Coruña, e terá graves consecuencias económicas nun momento no que a cidadanía xa está a loitar cunha crise derivada da pandemia. Moita xente perderá o seu traballo e a cidade quedará sen unha importante proxección exterior. Por non falar do impacto nunha afección que en ningún momento, nin sequera nos peores, deixou de apoiar ao club. So a pandemia foi capaz de baleirar Riazor.
A cadea de irresponsabilidades cometida neste caso non pode quedar impune. Con case 24.000 persoas aboadas, e cunha historia de superar inxustizas (como amosa a Liga conseguida hai xusto 20 anos), o Depor é un dos símbolos da Coruña e e sabemos que, tamén neste momento, terá unha cidade detrás.