axenda 2030

Todos os grupos da oposición rexistran unha iniciativa conxunta no Pleno para reprobar o xeito de proceder do goberno local na Axenda Urbana

A Marea Atlántica o BNG e o PP reclaman que no prazo dun mes se constitúa unha Comisión Especial da Axenda Urbana, para dotala do maior consenso político e social, tal e como foi aprobado por unanimidade no Pleno de decembro de 2020

 

Todos os grupos da oposición rexistran unha iniciativa conxunta no Pleno para reprobar o xeito de proceder do goberno local na Axenda Urbana
22_10_10_ComparecenciaAxendaUrbana2
Comparecencia Axenda Urbana

María García: “No pasado mandato A Coruña foi cidade pioneira no desenvolvemento da Axenda Urbana. Agora temos un goberno que presenta un documento apresurado e sen asuntos clave como a vivenda, os peiraos ou a xestión de residuos” 

A Coruña, 10 de outubro de 2022.- A nosa voceira municipal, María García, compareceu hoxe xunto coa representantes do BNG, Avia Veira, e do PP, Roberto Rodríguez, para presentar a moción conxunta rexistrada polos tres grupos na que se pide a reprobación do goberno local por “vulnerar os dereitos da oposición, infrinxir un acordo plenario e dificultar que a Axenda Urbana da Coruña sexa froito do maior consenso político e social” ao aprobar este documento de xeito torpe, unilateral e sen debate. 

A iniciativa dos tres grupos da oposición, que se debaterá este xoves, 13 de outubro, insta tamén a reconducir o proceso antes da aprobación definitiva da Axenda Urbana da Coruña e recuperar o establecido no acordo plenario unánime do 3 de decembro de 2020. 

Tramitación apresurada dun documento decisivo 

Para María García, “o goberno incumpriu o acordo de 2020 e incumpriu tamén a palabra que deu hai un mes, de traballar cos grupos da oposición na Axenda Urbana. Non podo dicir que nos sorprenda, pero temos que lamentar que se lle dea este trato a un documento estratéxico, que deseñará as políticas públicas da Coruña para as vindeiras décadas, e que resulta decisivo para acceder a axudas e convocatorias de fondos da Unión Europea”. 

A nosa portavoz sinalou o deterioro desde o mandato de Xulio Ferreiro, cando A Coruña foi cidade pioneira en impulsar a súa propia axenda urbana, ao fío dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. E foi designada como cidade piloto para todo o Estado a comezos de 2019. A Axenda Urbana ten que ser unha estratexia de cidade, que transcende a calquera goberno local e que non cabe nun só mandato. Por iso, e tal como indica a moción, “debería elaborarse de xeito participado, en diálogo co tecido social, e propiciando as achegas de todos os grupos da Corporación”. E así foi aprobado polo Pleno por unanimidade. 

Pero, incomprensiblemente, o goberno local saltou todos estes acordos e o 12 de setembro aprobou en solitario unha Axenda Urbana con graves omisións, que non atende ao problema da vivenda, que non reflexiona sobre a integración dos peiraos, e que non ten en conta a planta de Nostián, o modelo metropolitano de xestión de residuos, nin o problema da soberanía enerxética, entre outras carencias. Por iso consideramos que debe ampliarse nun documento máis traballado, con maior consenso e que se aprobe no Pleno, tal e como recomenda o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. 

O que amosa esta situación, en palabras de María García, é que “temos unha alcaldesa volcada en grandes eventos e grandes fotos, pero que carece dun modelo de cidade a medio e longo prazo. Non é unha opinión miña, queda claro cando presenta unha Axenda Urbana ás presas, falta de ambición e sen ter en conta os principais desafíos dos vindeiros anos”. 

Volver aos acordos de 2020 

Para resolver o problema causado pola unilateralidade do goberno local, esta moción conxunta da Marea Atlántica, o BNG e o PP, sinala que debe constituírse no prazo máximo dun mes, a Comisión Especial para a Axenda Urbana da Coruña, coas seguintes funcións: 

  1. Realizar o seguemento da execución da Estratexia DUSI da Coruña, tal e como foi establecido no proxecto EidusCoruña.
  2. Deseñar a proposta definitiva da Axenda Urbana A Coruña 2030 e o seu correspondente Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL) que se someterán a debate e aprobación no Pleno. 
  3. Realizar o seguimento da implantación de esta axenda urbana e do seu plan asociado, así como das candidaturas que o Concello poida presentar aos Fondos Estruturais de Investimento Europeos 2021-2027 e outras convocatorias que acheguen financiamento para facilitar a execución 

Ademais, a moción propón actualizar a composición do Consello Social da Coruña, para que poida actuar como órgano de representación e participación cidadá no marco da Axenda Urbana A Coruña 2030 e do seu Plan Estratéxico de Acción Local.

DESCARGAR MOCIÓN

Todos os grupos da oposición rexistran unha iniciativa conxunta no Pleno para reprobar o xeito de proceder do goberno local na Axenda Urbana