BNG | nota de prensa
O BNG empraza ao goberno local a que constitúa a comisión especial axenda urbana 2030 no prazo máximo dun mes
O Goberno Local debe deixar de actuar como se tivese maioría absoluta e cesar na súa actitude “kamikaze” no que ten a ver coa tramitación da Axenda Urbana 2030, defendeu esta mañá Avia Veira durante a comparecencia conxunta BNG-Marea Atlántica-PP ante os medios para apresentaren unha moción asinada polos tres grupos que se debaterá no Pleno do vindeiro xoves.
A Coruña, a 10 de outubro de 2022. A moción ten dous aspectos básicos. O primeiro, reprobar –por antidemocrática- a forma en que o Goberno Local aprobou a Axenda 2030 –a través dun acordo da Xunta de Goberno Local e non dun Pleno do Concello. O segundo, instar o Executivo coruñés a que “no prazo máximo dun mes” constitúa a Comisión Especial Axenda Urbana 2030.
“Queremos que se reconduza o proceso e que o Goberno Local se ateña ao que se aprobou no Pleno de 3 de decembro de 2020, cando si avogou por que o conxunto da Corporación puidese tomar parte nos traballos de elaboración da Axenda Urbana”, dixo Avia Veira.
A concelleira nacionalista lembroulle ao Goberno Local que “estes tres grupos políticos que comparecemos conxuntamente representamos a maioría da Corporación”.
“O Goberno Local non ten a maioría absoluta. Ten que abandonar, por tanto, a súa actitude kamikaze. Van en solitario, sen asumir a máis mínima autocrítica”.
O consenso arredor da Axenda Urbana 2030 é necesario porque “estamos a falar dun documento que transcende este mandato e tamén o próximo”.
Salientou Veira que a decisión do Executivo coruñés de aprobar o documento nunha Xunta de Goberno Local e non nunha sesión plenaria podería mesmo pór en risco a subvención estatal de 250 mil euros que a Administración central outorga para financiar os traballos de elaboración da axenda.