Dirixidos á inclusión social
Novos programas municipais de adquisición de competencias básicas e apoio no ámbito domiciliario
A concelleira de Xustiza Social e Coidados pon en valor estas accións formativas e de intervención como “unha ferramenta básica para favorecer a igualdade e para prestar un apoio especial a aquelas persoas que máis o precisan”
Concello da Coruña | 30/12/2017
Un total de 217 persoas participaron no último trimestre deste ano no primeiro programa para a adquisición de competencias básicas para a inclusión social impulsado pola Concellería de Xustiza Social e Coidados e dirixido a usuarios e usuarias dos servizos sociais residentes no municipio con dificultades de inclusión. Este proxecto, desenvolvido no mes de novembro nos centros cívicos de Palavea, Pescadores, San Pedro de Visma, Monte Alto, Labañou, Os Mallos e Monelos, incluíu un total de 24 accións formativas ao longo de 418 horas, con materias que abrangueron o reforzo de habilidades sociais -habilidades sociais básicas e avanzadas e habilidades para a prevención e manexo de conflitos-, accións de adquisición e reforzo de habilidades domésticas e persoais -hixiene no fogar, organización persoal e familiar no coidado da vivenda, primeiros auxilios básicos, coidado de persoas maiores e atención de menores no fogar- e, por último, accións de adquisición e reforzo de habilidades prelaborais -aspectos físicos e habilidades sociais básicas para a procura de emprego, aspectos condutuais e habilidades para a procura activa de emprego e adestramento de habilidades para afrontar procesos de selección de persoal-. Do total das persoas participantes 114 foron mulleres e o resto, 103, homes.
"O programa vai dirixido a desenvolver accións que fomenten a adquisición de competencias básicas nos ámbitos educativo, social e comunitario para proporcionar as ferramentas necesarias para que as persoas participantes poidan desenvolverse de forma autónoma, adquirir as habilidades para relacionarse de forma adecuada nos diferentes contextos e obter capacidades para afrontar os seus problemas, conflitos e necesidades, en calquera tipo de situacións e dunha maneira normalizada", sinala a concelleira desta área, Silvia Cameán, que ve nesta acción formativa "unha ferramenta básica máis para favorecer a igualdade e a xustiza social entre a veciñanza e para prestar un apoio especial a aquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social na nosa cidade e que presentan unha maior vulnerabilidade".
Na mesma liña se inscribe o programa de apoio á inclusión social no ámbito comunitario, desenvolvido tamén o pasado mes de novembro e concretado en intervencións individualizadas no ámbito domiciliario para a mellora da organización doméstica e familiar, a educación para a saúde, a adquisición de habilidades parentais, a normalización educativa das persoas menores de idade, o establecemento de hábitos e rutinas axeitados e a adquisición de pautas para a formación de relacións comunitarias e a mellora da convivencia veciñal. Como sinala a concelleira, neste caso, a finalidade das accións desenvolvidas nun total de 19 domicilios, pasa por achegar, desde o marco cotiá, ferramentes e estratexias para que estas persoas poidan desenvolverse adecuadamente. En total, este programa chegou a un total de 28 persoas usuarias (13 homes e 15 mulleres) dos barrios da Cidade Vella, Elviña, Labañou, Palavea e San Diego, a través de accións específicas relacionadas coa organización e economía familiar, a educación para a saúde, as habilidades parentais, a normalización educativa, as habilidades para a convivencia e a participación social.