“Unhas contas de impulso á cidade"

O Pleno da Coruña aproba de forma inicial os Orzamentos municipais de 2018

O proxecto presupostario para o vindeiro ano recibiu luz verde por parte da Cámara municipal cos votos a favor do grupo de goberno e o PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP

O Pleno da Coruña aproba de forma inicial os Orzamentos municipais de 2018
Pleno 29 dic
Pleno do 29 decembro

Concello da Coruña | 29/12/2017

O alcalde salientou “a boa noticia” que supón o visto e prace ás contas muncipais “nunha xornada na que tamén completamos a tramitación dos proxectos no espazo público da cidade, por valor de 5 millóns de euros, previstos nos investimentos financeiramente sostibles” “O Concello da Coruña volve poñerse, un ano máis, á cabeza do investimento en Galicia, con 29,2 millóns”, salientou Ferreiro

O Pleno municipal aprobou esta mañá de forma inicial o proxecto de Orzamentos municipais do goberno local para o vindeiro 2018. A Cámara deu o visto e prace a unhas contas expansivas de 246,8 millóns de euros (un 3,1% máis que en 2017) cos votos a favor do grupo de goberno e o PSOE, a abstención do BNG e o único rexeitamento da bancada do PP. O alcalde, Xulio Ferreiro, salientou que "nun momento de incerteza, sen Orzamentos Xerais do Estado no horizonte, e poucos días despois de que a Xunta de Galicia aplicase un novo castigo á Coruña, a cidade peor tratada nas contas do goberno autonómico para 2018 cun terzo do investimento de Ourense e unha décima parte do de Vigo, traemos a este Pleno, para o seu debate, os maiores orzamentos da década, se exceptuamos os anos electorais, nos que é tradición engordar as contas".

Como destacou Ferreiro ao remate da sesión, esta aprobación inicial "é unha moi boa noticia". "Rematamos 2017 cos Orzamentos municipais aprobados de forma inicial, algo que cambia considerablemente a dinámica á que nos abocaron nos dous últimos anos", dixo. "Unha moi boa noticia que se complementa, ademais, coa aprobación na Xunta de Goberno Local de distintas actuacións na cidade cos que se completa o investimento previsto cos investimentos financeiramente sostibles, que foron aprobados tamén en Pleno hai un mes e que suman 5 millóns de euros", engadiu.

O rexedor recordou que os orzamentos para o próximo ano foron elaborados polo goberno local, aínda que inclúen as propostas achegadas polo grupo municipal socialista. Neste termo, lamentou "que o BNG escollese agardar ao período de alegacións" e insistiu en que se trata duns presupostos baseados no diálogo e na capacidade de captación de fondos. "A cidade recibirá un impulso dende esta administración de proximidade porque conseguimos chegar a acordos con quen quere chegar a acordos, como é o caso da Deputación, que achega 1,3 millóns para Riazor e o carril bici metropolitano, e porque o plan de desenvolvemento urbano sostible (DUSI) deste goberno municipal recibiu 15 millóns de euros, a cantidade máxima, de fondos europeos, dos que 5,4 xa se investirán o ano próximo".

Ao fío, Ferreiro tamén destacou que un orzamento destas características é posible pola situación saneada do Concello. "En dous anos, dende que chegamos a María Pita, reducimos por enriba do 25% a débeda viva e nun 44,5% os préstamos con respecto ao goberno anterior. O ano que vén, o custo da débeda para o Concello, ou sexa, para todos e cada un dos veciños e das veciñas que pagamos impostos, volverá baixar, desta vez un 6,6%. Menos débeda, menos custo de amortización, máis recursos para investir no que hai que investir: nas persoas".

A Coruña, á cabeza do investimento

Na súa exposición durante a sesión plenaria, Ferreiro comentou que "ao longo de 2018, con este orzamento, incrementaremos a nosa capacidade de investimento". Así, recordou que o conxunto dos gastos de capital, nos que se inclúen tanto os investimentos do capítulo VI como as transferencias de capital do capítulo VII, destinadas tamén a novos proxectos como é caso da piscina do Castrillón -que se fai mediante unha transferencia á empresa pública EMVSA-, increméntanse nun 5,65% con respecto a 2017. "Con 29,2 millóns de euros, o Concello da Coruña volve poñerse un ano máis á cabeza do investimento en Galicia, duplicando ao de Pontevedra, multiplicando case por catro ao de Vigo e por dez ao de Ourense, a cidade galega que menos inviste e que acumula varios anos de prórroga orzamentaria", apuntou.

Eixes principais

As contas municipais aprobadas en sesión inicial contan con oito eixes fundamentais, como son o combate contra a desigualdade e as políticas de benestar, o espazo público de calidade, a mellora dos equipamentos públicos municipais, o fomento do emprego e a promoción económica, a mobilidade sostible, as políticas culturais e deportivas, a participación e a mocidade.

No que atinxe ao combate contra a desigualdade, as políticas de benestar volven constituír un eixe estratéxico. Os Orzamentos de 2018 prevén unha dotación total de 45,6 millóns en gasto social, o que supón un incremento de 2,6 millóns e un 6,1% con respecto a 2017. Por outra banda, no que atinxe ao traballo por un espazo público de calidade, accesible e ao servizo das persoas, as contas municipais experimentan un orzamento neste ámbito do 5,5% até os 58,7 millóns de euros, o que comprende un aumento do 17,9% no gasto en vías públicas, dun 15,4% na protección e mellora do medio ambiente, nun 2,2% na limpeza viaria e iluminación, nun 57% nas praias, dun 5,2% en parques e xardíns, e dun 3,2% na recollida e tratamento do lixo.

Por outro lado, e do mesmo xeito que se fixo nos últimos dous anos, o executivo municipal aposta nos presupostos de 2018 pola ampliación e a mellora da rede de equipamentos públicos municipais, dedicándolle 20,5 millóns de euros, un 28,5% máis que este exercicio. Ademais das obras de grande envergadura, como a substitución das cubertas de Riazor, que elevan un 42,9% os recursos destinados a instalacións deportivas, destacan as melloras nas achegas para os centros de ensino, que medran un 6,7%; bibliotecas, cun incremento do 13,4%; ou centros cívicos e outras infraestruturas sociais, cun crecemento porcentual do 277%, nun ano no que está prevista a posta en marcha dun espazo aberto á cidadanía no antigo cárcere, a reforma do pavillón de Catro Camiños ou a activación do proxecto das Naves do Metrosidero, dirixido á mocidade. Destacan tamén as actuacións previstas nos mercados municipais de Monte Alto, Durmideiras, Santa Lucía, Elviña e Praza de Lugo, así como a reurbanización da contorna do de San Agustín.

As políticas de fomento do emprego e de promoción económica, pola súa banda, superarán os 9,2 millóns de euros, cun incremento do 5,8%, cun crecemento en materia de emprego (1,9%), do apoio ao comercio de proximidade e aos mercados municipais (2,1%), do estímulo ao turismo sostible (7,9%) e da axuda ao desenvolvemento de actividades produtivas (32,2%).

No que atinxe á mobilidade sostible, o incremento orzamentario para o vindeiro ano é do 30%, até os 10 millóns de euros. Os presupostos do vindeiro ano comprenden, neste apartado, entre outras cuestións, a mellora integral de BiciCoruña (1,2 millóns de euros) coa ampliación de estacións e a renovación da frota, coa metade do parque de bicicletas eléctricas,  así como os carrís bici (1,1 millóns) ou o proceso de peonalización da Cidade Vella, se abordará no primeiro semestre do ano, así como outras medidas de gran importancia como o reordenamento do mapa de rutas de autobús.

Por outra banda, as políticas culturais e deportivas recibirán en 2018 39,3 millóns de euros, un incremento superior ao 10,5%. Esta partida vese reforzada especialmente pola obra no estadio de Riazor (6,1 millóns de euros) así como a obra da piscina do complexo deportivo do Castrillón, que recibirá unha inxección de 500.000 euros a través da empresa pública EMVSA. Tamén se verá reforzado o IMCE, ao que se lle incrementan transferencias por valor dun millon de euros, de cara a promocionalo non só como un ente de organización de eventos, senón como un verdadeiro instrumento de políticas de promoción cultural.

Os eixes orzamentarios complétanse coas políticas relativas á participación. No vindeiro ano incrementaranse os fondos para desenvolver ferramentas que faciliten a participación da cidadanía en máis dun 33,7%. O Concello reservará case 3 millóns de euros para os investimentos relacionados co proceso de Orzamentos Participativos, mediante os que a cidadanía decide o destino directo dunha parte dos investimentos municipais. Pola súa banda, a mocidade tamén se converte nestas contas nunha preocupación estratéxica e transversal da acción de goberno, cun incremento do 14% no orzamento desta área e a posta en marcha de accións especialmente significativas, dende o impulso das Naves do Metrosidero ao desenvolvemento do Plan de Emprego Xuvenil e a posta e marcha dun sistema de bolsas de inserción social de 400.000 euros.

Execución ao 80%

As contas para 2018 do grupo de goberno foron aprobadas tras rexeitarse unha emenda á totalidade por parte do grupo municipal do PP. A este respecto, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, salientou na súa quenda de intervención que, "a falta de rematar de contabilizar as últimas operacións de peche de exercicio, podemos afirmar que o Concello pechará o ano cunha execución superior ao 94% dos créditos iniciais e próxima ao 80% dos créditos finais". Como indicou, esta cifra global de execución só foi superada no anterior mandato nos anos 2013 e 2014, a pesar da maioría absoluta do anterior executivo. "A pesar das críticas que fai o PP, a realidade é que a día de hoxe superamos en dous puntos a execución do seu mellor ano, 2014, nesta mesma data", explicou. "Se estes orzamentos entran en vigor nas datas previstas, é moi probable que en 2018 superemos os datos de execución do mellor exercicio do seu mandato", salientou.

Por outro lado, a concelleira Vieito manifestou que "o Período Medio de Pago do Concello da Coruña en novembro foi de 19,5 días, 48 por debaixo da medida dos concellos con cesión de tributos". No que vai de ano, e segundo os datos do departamento municipal de Facenda, a media de PMP na administración coruñesa foi de 24,8 días, dentro dos prazos legais establecidos.

Gasto social

A responsable municipal quixo poñer en valor a aposta do grupo de goberno por destinar unha importante parte dos fondos orzamentarios ao "combate contra a desigualdade". "Neste presuposto, as políticas sociais no seu conxunto medran o dobre do que o fai o orzamento global, un 6,1%", destacou. "Se nos cinguimos exclusivamente as políticas de servizos e promoción social, o crecemento é do 5,7% con respecto a 2017, do 36% con respecto a 2014 e de máis do 50% con respecto a 2011", evidenciou. "Con estes orzamentos, o Concello dedicará máis de 28 millóns de euros a políticas de Igualdade e Servizos Sociais, 8,8 millóns máis que en 2012, 7,8 máis que en 2013 e 7,5 máis que en 2014", explicou.

Ao respecto do gasto social, a concelleira quixo salientar a aposta municipal polo programa da Renda Social Municipal, prestación pioneira que trata de devolver a autonomía a persoas en risco de exclusión social. "Grazas a que este goberno impulsou este programa, neste momento hai na cidade aproximadamente 300 persoas que a perciben, de 200 familias con 80 menores a cargo", dixo. "A estimación da partida deste programa, do que non había precedentes nin este nin outros concellos, é para 2018 e en vista ás solicitudes recibidas este ano, de 1 millón de euros", dixo. "Pódolles asegurar que neste Concello non se vai denegar ningunha renda social por falta de recursos, como si ten pasado, por exemplo, coa Risga da Xunta de Galicia. Ademais, se no futuro fosen necesarios máis fondos para atender a todas as solicitudes con dereito a esta axuda, tramitaremos un modificativo que, entendemos que pola súa orixe, terá todo o apoio do Pleno", engadiu.

Gasto corrente

Por outro lado, e derivado das solicitudes apuntadas polo grupo popular na súa emenda á totalidade, a titular de Facenda tamén quixo recordar que nos Orzamentos de 2018, "o gasto corrente increméntase un 3,2% en liña co crecemento total dos orzamentos, pero por debaixo dos gastos de capital, que medran un 5,6%". Así, aclarou que neste capítulo se comprenden gastos como as nóminas de persoal ou a publidade, pero tamén outros investimentos como o contrato de recollida de lixo, que aumenta en 700.000 euros, os contratos da área de infraestruturas, contratos de papeleiras e contedores de lixo, o contrato de parques e xardíns, mantemento integral dos mercados, cursos de formación para as persoas desempregadas, comedores escolares, axuda a domicilio ou o contrato de canguraxe.

Vieito quixo ademais poñer en valor non só o incremento dun 5,6% nos gastos capital, senón que salientou que o capítulo VI e o VII suman máis de 29 millóns de euros, "aos que hai que engadir os 5 millóns de euros procedentes dos investimentos financeiramente sostibles que se empezarán a executar a partir do 1 de xaneiro de 2018, mellorando espazos públicos de varios barrios da cidade".

A titular de Facenda tamén quixo deixar claro que "non existen nestas contas ningunha suba da taxa impositiva". "Tanto IBI, como IAE como o Imposto de Vehículos prevense en termos constantes. Nestes tres impostos, por certo, nas dúas fases de reforma levadas a cabo por este goberno, non só non se introduciron os tipos impositivos xerais, senón que se adoptaron medidas redistributivas da carga fiscal, incrementando os beneficios fiscais aos sectores máis desfavorecidos", dixo.

 

O Pleno da Coruña aproba de forma inicial os Orzamentos municipais de 2018