Aumentan o gasto social en máis dun 6%, até os 45,6 millóns

Os orzamentos municipais de 2018 revalidan a aposta do goberno polo combate contra a desigualdade

O proxecto presupostario contempla a posta en marcha dun novo local de baixa esixencia, para a atención das persoas sen teito, para o que reserva unha partida de 500.000 euros

Os orzamentos municipais de 2018 revalidan a aposta do goberno polo combate contra a desigualdade
Orzamentos 2018
Web de Xustiza Social e Coidados

Concello da Coruña | 23/12/2017

O Pleno da Coruña debaterá o vindeiro venres, 29 de decembro, o proxecto de Orzamentos Municipais para 2018, que ascenden a 246,8 millóns de euros (un 3,1% máis que en 2017) e que se sosteñen sobre oito eixes temáticos, que son o combate contra a desigualdade, o coidado do espazo público, a mellora dos equipamentos públicos, o fomento do emprego e a promoción económica, cultura e deportes, participación e mocidade. No que respecta ás políticas para favorecer unha maior redistribución da riqueza, así como a igualdade dentro da cidade, o goberno local revalida a súa aposta unha vez máis, incrementando o gasto social nun 6,11% con respecto ao presente exercicio e destinando á implementación destas políticas 45.647.882 euros. Estas partidas acadan un peso relativo sobre o conxunto do presuposto municipal do 18,50%. Neste apartado inclúense os proxectos relativos ao dereito á vivenda, o fomento do emprego, servizos sociais, políticas de igualdade e proxectos en materia de educación e sanidade.

O goberno local entende que é necesario "seguir afondando na atención ás persoas sen teito". A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, indica que "se trata de algo esencial nunha cidade inclusiva, que non deixa a ninguén atrás". Así o referenda a posta en marcha por parte do actual executivo da pioneira prestación da Renda Social Municipal, que trata de devolver a autonomía a persoas en risco de exclusión social e que rematará este ano dando servizo a 300 persoas (200 unidades familiares da cidade, con 80 menores a cargo). "Este 2018 damos un salto de escala, xa que ao Centro Abeiro, ao que se lle dedican 224.000 euros, sumaráselle un segundo local de baixa esixencia, fundamental para a loita contra o senfogarismo, que será dotado cun investimento de 500.000 euros, cofinanciados con fondos europeos Feder, aos que o Concello accedeu a través da convocatoria dos fondos para o Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI)", indicou, para explicar que, ademais, está previsto renovar os convenios subscritos a este respecto con entidades sociais históricas da cidade como é o caso de Cruz Vermella (70.000 euros) e ACLAD (180.000 euros). Do mesmo xeito, tamén se incrementarán nun 44,7% os acordos con ACCEM para a xestión do centro de día para persoas sen teito e o determinado 'dispositivo de frío' e se abrirá unha nova liña de traballo coa posta en marcha do programa Housing First, mediante un convenio de 100.000 coa Fundación Rais e a Asociación Provivenda. Cameán tamén salientou que as contas municipais do vindeiro ano incrementan nun 5,37% os fondos destinados á atención de persoas maiores e dependientes mediante o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Por outra banda, as axudas de emerxencia social, destinadas a dar axudas inmediatas a persoas en situación de exclusión, se incrementan un 7,63% con respecto ao orzamento inicial deste ano.

Talón Restaurante e Bono Taxi

En canto a programas específicos de carácter social,  "durante o vindeiro ano seguirase a afondar nos novos proxectos postos en marcha xa este ano, como é o caso do Programa de Apoio á Inclusión no Domicilio ou o Programa de Mediación na Rúa", mentres que outros, especialmente arraigados, e que favorecen a accesibilidade e a relación de persoas maiores ou de mobilidade reducida coa contorna medrarán porcentualmente. É o caso dos fondos destinados ao programa do Talón Restaurante, que medran un 5%, ao igual que o programa do Bono Taxi, cuxa partida asignada medra un 24%.

No que atinxe ao eido da educación, a concellería de Xustiza Social continúa investindo, dentro das súas competencias, en accións que favorezan un ensino público de calidade que ofreza igualdade de oportunidades, independentemente do volume das rendas familiares. O orzamento destinado as bolsas comedor incrementarase un 66,67%, pasando 900.000 euros a 1,5 millóns, mentres que programas que fomentan a conciliación, como é o caso dos campamentos nos centros cívicos ou Embárriate contarán cun orzamento de 360.000 euros. Tamén se manterán o programa dos Campacoles, de actividades para nenos e nenas en períodos non lectivos nos propios centros escolares, ademais dos servizo de comedor a menores durante os períodos estivais.

Educación

Os programas educativos específicos para o fomento da igualdade de oportunidades tamén se incrementan nun 23,3%. É o caso de Ao meu xeito, sobre democracia participativa, Poténciate, de reforzo escolar, ou Cans e Letras, de atención á diversidade e fomento da lectura a través do acompañamento con animais.

O presuposto específico para as Escolas Infantís Municipais (EIM) incrementarase nun 10,27% de cara a mellorar a calidade das mesmas, así como manter a rebaixa nas tarifas das escolas infantís facilitando o acceso ás mesmas de familias con escasos recursos económicos.

Finalmente, Cameán salientou o esforzo inversor realizado "un ano máis" para manter en bo estado as instalacións dos centros educativos públicos e se ascende a 875.000 euros, dos que 475.000 están ligados ao contrato de mantemento, ademais de 400.000 euros para obras de reposición. "Este Concello seguirá adiante rematando co desleixo histórico co que durante moito tempo as institucións tanto locais como autonómicas trataron aos centros educativos da nosa cidade", indicou, recordando "o histórico investimento neste sento que o goberno municipal leva facendo dende a súa chegada a María Pita".

Os orzamentos municipais de 2018 revalidan a aposta do goberno polo combate contra a desigualdade