Pleno municipal A Coruña

O Pleno aproba a adhesión do Concello da Coruña ao padroado da Fundación CITIC

A Corporación deu luz verde a unha moción do grupo de goberno que insta a AENA a corrixir á alza as previsións de crecemento do aeroporto de Alvedro, así como a levar a cabo os investimentos necesarios para “adaptar as súas instalacións ao seu volume de tráfico”

O Pleno aproba a adhesión do Concello da Coruña ao padroado da Fundación CITIC
Pleno 10 de decembro 2018
Pleno 10 de decembro 2018

A Coruña, 10 de novembro de 2018.- O Pleno municipal aprobou esta tarde por unanimidade a incorporación do Concello da Coruña ao padroado da Fundación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as as Comunicacións de Galicia (Fundación CITIC de Galicia). O concelleiro de Emprego, Alberto Lema, manifestou que esta adhesión “é unha mostra máis da vontade de colaborar dende a administración local no estímulo á investigación e á transferencia de tecnoloxía dentro da Área Metropolitana”. O responsable municipal explicou que a Fundación ten como fin “contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento e mellora da competitividade do sector TIC galego”. Neste momento, a fundación está conformada pola Universidade da Coruña (UDC), ademais de polos colexios profesionais de Enxeñería en Informática e de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia, así como por 10 empresas do sector TIC que operan en Galicia e o Clúster TIC Galicia, que aglutina a meirande parte das firmas do sector. “En 2015, cando se constituíu, o Concello non puido entrar a formar parte desta Fundación dado que a normativa vixente o impedía, xa que aínda estabamos ancorados no Plan de Axuste no que o PP meteu a este Concello, situación, por certo, que o executivo municipal logrou reverter”, recordou Lema, que indicou que, non obstante, “o apoio institucional sempre foi patente”. “Aprobada xa a súa incorporación por parte do Pleno, esperamos que o Concello poida adherirse de forma efectiva ao Padroado antes de finalizar o ano”, explicou o edil, quen engadiu que “segundo o expresado nos seus estatutos, esta integración non suporía para o Concello prestación económica de ningún tipo”.

Ao fío, o titular de Emprego salientou tamén o traballo que o executivo municipal realiza de cara a fomentar a innovación tecnolóxica no tecido produtivo de toda a comarca, un obxectivo para o que, entre outras actuacións, o goberno local ten establecido coa Universidade da Coruña (UDC) o convenio InnovaCM 2030, para a definición de liñas estratéxicas de actuación que contribúan á dinamización de toda a Área Metropolitana. “Dende que comezou o mandato apostamos polo investimento en capacitación laboral así como en innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

Temos cursos municipais para a realización de videoxogos que están a ser altamente demandados, temos unha liña de actuación dentro do proxecto EidusCoruña que está destinado fundamentalmente á promoción da formación no ámbito das TIC, acabamos de ser escollidos e de celebrar un evento punteiro como a Mobile Week Coruña e agora damos un novo paso, coa adhesión á Fundación CITIC. Un paso que podemos dar agora que estamos fóra do Plan de Axuste”, reflexionou.

Noutra orde de asuntos, a Cámara Municipal tamén deu o visto e prace á proposta de modificación dos estatutos do Consorcio do Centro Asociado da UNED da Coruña. Desta forma, o Concello da Coruña poderá facer fronte as obrigas derivadas de ser membro, xunto coa propia UNED, o concello de Ferrol e a Xunta, do Consorcio deste centro.

No que atinxe á área de Urbanismo, o Pleno aprobou de forma definitiva e por unanimidade unha modificación puntual no PXOM de 2013 para poder executar a sentenza a favor da empresa Treneo Inversións SL. “A sentenza obriga a manter a aliñación da nave industrial desta empresa, recualificando parte da parcela onde se asenta. Unha de tantas actuacións que temos que abordar dende o actual goberno local derivada de épocas anteriores”, expuxo o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. “O urbanismo está a mudar nesta cidade e iso a pesar do PXOM que o PP nos deixou enriba da mesa, con moitas pedras na mochila, como por exemplo todo o que vén unido aos convenios do porto”, comentou o responsable municipal, que indicou que, no que vai de mandato, o executivo municipal leva xa 39 trámites urbanísticos. “É curioso que o PP fale sempre de paralización cando no que vai de ano, o goberno local xa tramitou practicamente o dobre de licenzas que en todo o 2014”, apuntou. En relación aos asuntos tramitados no Pleno, a Cámara municipal tamén tomou coñecemento da presentación do informe anual de suxestións e reclamacións (Syr) do exercicio 2017.

Mocións

No capítulo de mocións, o Pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta que ten como obxectivo evidenciar o intención do Concello de ampliar o comedor escolar do CEIP Curros Enríquez. Do mesmo xeito, a moción tamén especifica a necesidade de que o Concello garanta o seu compromiso de investimento no citado centro escolar, e chama a instar á Xunta de Galicia para que reserve nos orzamentos autonómicos as partidas precisas para acometer as actuacións da súa competencias que demanda o centro, como é, por exemplo, a instalación dunha cuberta no patio interior. A este respecto, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, sinalou que o goberno local, “aínda a pesar de ser una obra maior e, polo tanto, competencia da Xunta de Galicia, elaborou un proxecto de ampliación do comedor actual que, neste momento, pasou todos os trámites requiridos, entre eles, por exemplo, o de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Non obstante, o pasado 5 de decembro, a concelleira mantivo unha reunión coa Anpa do colexio na que se solicitou unha serie de modificacións no proxecto, “que serán estudadas e consensuadas con todas as partes implicadas”, tamén a propia Escola Municipal de Música. A responsable municipal incidiu, ante todo, “no compromiso do goberno local con esta necesaria actuación e coas garantías de levar esta acción á realidade”, así como destacou as numerosas xuntanzas que, sobre esta cuestión, o goberno local xa ten desenvolvido coa comunidade educativa. “O noso compromiso está con este e con todos os centros da cidade, esperamos o mesmo da Xunta de Galicia que leva máis de 10 anos sen facer o patio cuberto deste CEIP”, dixo Cameán, que tamén recorda a necesidade de que cambien a actual cuberta do centro educativo.

Tamén recibiu luz verde, por unanimidade, unha moción do grupo de goberno pola que o Concello instará a AENA a “corrixir á alza as súas previsións de crecemento para o aeroporto de Alvedro para o período 2021-2025 contempladas no seu plan director”. Desta forma, tamén instará ao ente aeroportuario “a levar a cabo os investimentos necesarios para, á maior brevidade posible, adaptar as súas instalacións ás esixencias e prestación necesarias para albergar un tráfico superior ao estimado nas súas previsións”. Ao respecto, o concelleiro Lema, quen tamén é presidente do Consorcio de Turismo, manifestou que “os datos de crecemento de Alvedro dos últimos anos demostran, como dixemos anteriormente, que as previsións do xestor aeronáutico non están axustadas á evolución real de tráfico de pasaxeiros desta terminal, un erro de diagnose que ten evidentes efectos negativas para o noso aeroporto, cuxas instalacións amosarán, xa a partir do ano que vén, problemas para adaptarse a un volume de pasaxeiros que, sen dúbida, vai superar os 1,2 millóns anuais, xa que no seu cómputo interanual, outubro superou xa esta cifra”.

O Pleno tamén deu luz verde á segunda moción do grupo de goberno, presentada a solicitude da Coordinadora Galega de ONG, que solicita ao goberno de Nicaragua que responda ás recomendacións feitas pola Comisión Interamericana de Dereitos Humanos e o ACNUDH que instan ao cesamento inmediato da violencia contra a poboación civil. A moción aprobada cos votos a favor de todas as formacións excepto o BNG, que se abstivo, insta, ademais, ao goberno español “a incidir nos organismos internacionais para que se free a escalada de violencia, se investiguen os feitos acontecidos e se depuren responsabilidades con ánimo de restablecer a democracia no país, de forma transparente, duradeira e con garantías”, así como a “estudar formas de atención que integren unha política local de acollida para os e as nicaraguanas que
chegan ao noso municipio”.

Por outro lado, tamén recibiu o visto e prace de toda a corporación unha moción do BNG pola cal a Corporación Municipal ao completo amosa de forma pública o seu apoio e respaldo aos e ás traballadoras da planta de Isowat na Grela, así como amosa o seu rexeitamento ao peche da factoría. Do mesmo xeito, e tal como xa ocorre no caso de Alcoa, a moción insta ao Concello a apoiar todas as mobilizacións convocadas polo cadro de persoal, así como instar a Xunta e ao goberno do Estado a crear, xunto coa administración local, unha fronte institucional común en defensa dos postos de traballo. O texto aprobado tamén insta ao goberno municipal a pendurar unha pancarta na fachada do Concello que rece “Polo mantemento do emprego industrial: Alcoa e Isowat”.

Tamén saíu adiante por unanimidade do Pleno unha moción presentada polo BNG mediante a que queda explicitado que “o Concello da Coruña entende as reivindicación que están a explicar os e as traballadoras da empresa Valoriza Auga que afectan as súas condicións laborais”, así como “solicita á empresa que tome o máximo interese en atender xustamente as súas reivindicacións”. A moción tamén recolle entre os seus acordos que o Concello demandará á empresa “que desbloquee esta situación, acordando a sinatura dun convenio colectivo que garanta, como mínimo, a recuperación dos salarios perdidos desde o ano 2010”. Por outro lado, e segundo o acordo, a administración local tamén solicitará a empresa “que penalice aos traballadores temporais por participar na folga”.

No apartado das mocións presentadas polo grupo socialista, os votos favorables do propio PSOE, PP e BNG, ademais da abstención do grupo de goberno, serviu para aprobar unha moción que insta ao goberno local a ofrecer información ao resto dos grupos sobre as cifras de execución en materia de rehabilitación. A iniciativa tamén propón a creación dun Plan Local de Rehabilitación. A este respecto, o concelleiro Varela sinalou o traballo levado a cabo polo executivo municipal neste mandato para favorecer á rehabilitación. “Modificamos por dúas veces a ordenanza de subvencións, a primeira vez para favorecer a rehabilitación de núcleos rurais, así como para apostar pola rehabilitación enerxética, que tamén entra dentro deste campo; a segunda, como saben xa que aprobamos en Pleno, pasou por incrementar de forma notable as axudas á rehabilitación, até os 15.000 euros, así como introducir criterios de renda á hora de dar estas axudas, tratando de evitar a xentrificación en determinados espazos da cidade”, manifestou, na súa quenda, o concelleiro de Rexeneración Urbana, quen apuntou que entre 2015 e 2017, o goberno local concedeu 3.905 axudas á rehabilitación de vivendas. “E, neste momento, estamos a resolver axudas que permitirán, agora, que as persoas perceptoras poidan beneficiarse das últimas modificacións na ordenanza e, polo tanto, dese incremento de contías”, explicou, para engadir que o seu departamento xa leva tramitadas axudas por valor de 1,3 millóns de euros.

Tamén foi aprobada a segunda moción presentada polo grupo socialista para a ampliación de recursos do Centro de Información á Muller (CIM), de forma que poida dar resposta á demanda existente. Aprobada por unanimidade, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, indicou a vontade do goberno local “de seguir apostando e mellorando tanto o CIM como a rede de acollemento”. “Ao longo deste mandato logramos dar estabilidade á plantilla, ademais de contar, na casa de acollida, con persoal específico de mediación. Temos unha casa de acollida que está cuberta con traballadoras especializadas durante 24 horas e, non obstante, a Xunta de Galicia danos a mesma cantidade que a casas de acollemento con menos servizos. Ademais, do goberno do Estado non nos permite incrementar a contratación de persoal máis alá da taxa de reposición, cuestións estas que deben mudar se realmente queremos abordar a loita contra as violencias machistas como unha cuestión de estado”, dixo a concelleira, quen tamén destacou o servizo que están a prestar os dous pisos de transición á vida autónoma que existen na cidade. “Na Coruña non podemos falar de saturación da casa de acollida xa que unha das cousa positivas de formar parte da Rede de Acollemento a Mulleres e Menores Vítimas das Violencias Machistas é que, se nun momento dado non hai praza na cidade, búscase noutra da Rede. Desa forma, a casa de acollida pode ter todas as prazas ocupadas pero non presentar saturación. Ademais, hai que recordar que ante unha situación de necesidade, o Concello da Coruña conta ademais con pisos de transición á vida autónoma”, aclarou. Na actualidade, a rede de acollemento na Coruña está financiada en case un 60% polo Concello, mentres que a Xunta financia algo máis dun 12% e a Deputación un 28% en base a convenios nominativos.

Obras no centro cívico de Elviña

Tamén foi aprobada unha terceira moción do grupo socialista que solicitaba reparacións no Centro Cívico Municipal de Elviña. A concelleira de Xustiza Social aclarou que, neste momento, xa está en licitación o contrato para a renovación da instalación eléctrica. Ademais, existen dous proxectos en trámite, que serán abordados durante o próximo ano, un para a estanqueidade do centro cívico –o que rematará cos problemas de humidades– e que ten un orzamento previsto de 175.000 euros, ademais doutro para acometer as obras necesarias de climatización e ventilación, neste caso, por preto de 90.000 euros. A edil recordou que “dende a súa inauguración en 2005 este centro non foi obxecto de ningunha actuación de reparación”.

Por outro lado, o Pleno rexeitou aprobar unha moción presentada polo PP que solicitaba abordar un Plan Integral de Limpeza de Pintadas. A concelleira de Medio Ambiente, María García, recordou que, neste momento, o concello xa ten en marcha un Plan de Acción contra as Pintadas Vandálicas que se aborda tanto dende o punto de lista da limpeza, como con medidas preventivas e educativas, así como dende a posta en valor de áreas degradadas con actuacións de arte urbana. “Temos en marcha un reforzo nos medios dispoñibles para a retirada de pintadas na zona Pepri até xaneiro que está orzamentado en case 17.000 euros. Ademais, temos xa previsto unha partida de 40.000 euros no orzamento do ano que vén para poder levar a cabo actuacións en muros privados en zona Pepri durante o vindeiro exercicio, aínda que para iso necesitamos que as persoas propietarias destes espazos privados nos permitan á actuación. Para poder actuar fóra desta zona necesitamos unha modificación da ordenanza. Ademais disto, estamos a levar a cabo distintas actuacións de arte urbana en distintos espazos da cidade e temos previsto incrementar os efectivos destinados á retirada de pintadas vandálicas no próximo contrato de limpeza viaria. Á vez, traballamos para a identificación de infractores reincidentes, aos que se lles ofrece a posibilidade de conmutar as sancións ás que se enfrontan por traballo social e incluso coa reparación do dano causado”, enumerou a edil.

Do mesmo xeito, tamén foi rexeitada outra moción do PP, neste caso, na que solicitaba a recuperación dos convenios nominativos coas entidades de comerciantes da cidade. Sobre este punto, e no que respecta aos mercados, o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, fixo un repaso a algunhas das actuacións postas en marcha ao longo deste mandato na materia, como é o caso da posta en marcha dun Plan estratéxico de mercados, de cara a dinamizar estes espazos. “Por iso puxemos en marcha distintas iniciativas como a páxina web específica dos mercados, distintos eventos de dinamización cunha partida orzamentada, cousa que antes non existía, renovación da imaxe corporativa, cursos de formación para as praceiras, a edición dun manual de boas prácticas, a posta en marcha de campañas que cambiaban tickets de aparcamento por compras ou o piloto experimental, que se ampliará o próximo ano, de reparto en bicicleta”, explicou o edil, quen tamén puxo en valor distintas obras e actuacións xa realizadas tanto nos mercados de San Agustín, no da praza de Lugo, en Elviña e en Durmideiras, estando previsto proxectos de maior calado tanto neste último, como no mercado de Monte Alto e tamén no de Santa Lucía. “Sacamos a concurso os postos baleiros e tamén fixemos, aínda que tristemente non foi aprobada polo Pleno, unha modificación na ordenanza de mercados que tería sido relevante e beneficiosa”, apuntou. A terceira moción presentada polo PP, que instaba ao goberno local e ao do Estado “a formalizar coa máxima urxencia” o convenio para a remodelación da avenida de Lavedra foi aprobada co voto favorable do grupo impulsor e do grupo de goberno e coa abstención do resto de formacións na Cámara.

O Pleno aproba a adhesión do Concello da Coruña ao padroado da Fundación CITIC