A Coruña

Reunión do alcalde co presidente da Xunta

Ferreiro e Feijóo acordan estudar nos vindeiros meses que mecanismo de tramitación urbanística permitiría axilizar os prazos para comezar cando antes a construción da estación de autobuses na intermodal

O rexedor avanza que, unha vez se confirme a autorización por parte da Comisión de Prezos da administración autonómica, o Concello aplicará no menor tempo posible a rebaixa de tarifas do transporte público

Reunión do alcalde co presidente da Xunta
20181204_ALCALDE_FEIJOO_DELEGACION_XUNTA_DE_GALICIA_002
Reunión do Alcalde co Presidente da Xunta

A Coruña, 4 de decembro de 2018.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, solicitou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no marco dunha reunión de traballo de case dúas horas de duración, que a administración autonómica delegue no Concello as competencias sobre as escolas infantís públicas da cidade, “de xeito que o goberno local poida xestionar unha única rede de centros de 0 a 3 anos”. Esta delegación, posibilitaría, ademais, que o executivo municipal puidese acometer a construción de dúas novas escolas infantís, “o mínimo que precisa agora mesmo a veciñanza”. Ademais, e entre outros dos asuntos debatidos, o rexedor acordou co mandatario galego que as dúas administracións estudarán a fórmula de tramitación urbanística máis áxil que permita acometer as obras da estación Intermodal no menor prazo de tempo posible. O futuro tanto do borde litoral da cidade como da Área Metropolitana, así como a ampliación e mellora do Complexo Hospitalario Universitario (CHUAC), foron outros dos asuntos abordados dunha xuntanza que o primeiro edil coruñés cualificou de “construtiva”.

Con respecto á cesión das competencias sobre a “creación, mantemento e xestión das escolas infantís de educación de titularidade pública de primeiro ciclo de infantil”, Ferreiro indicou que esta posibilidade, que foi estudada xa polo Concello de forma exhaustiva, permitiría que o goberno local puidese acometer a construción de dúas novas escolas de 0 a 3 anos. “A nosa intención é facelas directamente dende a administración local pero, neste momento, o contexto legal non nolo permite debido a que se entende que non son competencias municipais. Esta situación leva anos xerando problemas á cidadanía. Entendemos que a solución pode estar na cesión de competencias”, explicou o alcalde coruñés aos medios tras a reunión, na que engadiu que “o presidente se comprometeu a valorar esta posibilidade de delegación”. A este respecto, Núñez Feijóo indicou que “non hai ningún precedente na comunidade autónoma”. “Non temos obxección en estudar esta proposta e ver se é xuridicamente posible. Se non o é e a cidade precisa de dúas novas escolas infantís, deberemos ver como as construímos, unha vez que o Concello cedese os terreos”, apuntou. A Lei autonómica 5/2014 de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local (LRSAL) especifica que a administración da comunidade autónoma pode delegar en municipios o exercicio das súas competencias. Esta delegación debe ir acompañada, en todo caso, do correspondente financiamento, para o cal será necesaria a existencia dunha dotación orzamentaria adecuada e suficiente nos presupostos autonómicos.

Intermodal

O alcalde referiuse tamén á tramitación da construción da nova estación de autobuses, que depende da Xunta de Galicia, no marco da intermodal, “un proxecto vital para a cidade da Coruña e para o que sería importantísimo que fixásemos un horizonte temporal o máis axustado posible dentro do realismo”. Ferreiro manifestou que o acordo acadado co presidente do Goberno galego pasa por buscar o “mecanismo de tramitación urbanística máis sinxelo que permita acelerar prazos” para o inicio da súa construción, que a Xunta, a través da conselleira de Infraestruturas, situou entre 2022 e 2023. “Imos ver se o mecanismo pode ser recorrer á lei autonómica e declarar o proxecto de interese autonómico e, polo tanto, poder tramitar os cambios urbanísticos necesarios a través do Parlamento de Galicia, que entendemos que iso pode acelerar o proceso, ou se, polo contrario, o máis rápido sería que o tramitase o Concello”, explicou Ferreiro. A construción da nova estación para o transporte por estrada deixaría libre o edificio actual da estación de autobuses, sobre o que existen discrepancias respecto da titularidade dos terreos, que o rexedor defende que corresponden ao Concello da Coruña. “Trasladeille a miña preocupación ao presidente da Xunta porque non teñamos clara a titularidade da vella estación e, ao respecto, acordamos aclarar xuridicamente a situación e, unha vez estea decidido, buscar usos en común para ese edificio”, manifestou Ferreiro.

Respecto da mobilidade, o alcalde acolleu como unha boa nova as palabras do presidente da Xunta, que comunicou que o Goberno galego non se posicionará en contra da baixada de tarifas do transporte público urbano que anunciou o Concello este ano e que está pendente da autorización da Comisión de Prezos da Consellería de Industria, que se reúne nesta semana.

Ferreiro avanzou que, en canto haxa unha comunicación oficial, o Concello poñerá en marcha os cambios técnicos precisos para implantar o antes posible as novas tarifas. Con esta autorización, o billete xeral rebaixarase até os 1,20 euros e o da tarxeta Millennium até os 75 céntimosO billete social pasaría a custar 23 céntimos, mentres que o billete dos e das universitarias quedaría en 30 céntimos. Ademais, as persoas menores de 13 anos non terán que pagar por usar o transporte público urbano (até o de agora a exención só chega a menores de 4 anos) e os transbordos serán universais e gratuítos durante 45 minutos.

O ámbito do transporte tamén foi abordado polo alcalde a respecto do proceso de constitución da Área Metropolitana da Coruña, sobre a que Ferreiro manifestou a súa preocupación “pola falta de avances” tanto na súa construción como sobre a iniciativa do Consorcio de Transportes plantexada polos alcaldes e polas alcaldesas á Xunta de Galicia. “É fundamental integrar o transporte urbano e interurbano. A Xunta está agora inmersa no proceso de renovación das concesións do transporte por estrada e creo que a cooperación interinstitucional é fundamental para a realidade da Coruña, na que desprazamentos entre concellos son habituais”, apuntou.

Terreos portuarios

Un dos temas relevantes que se trataron na reunión foi tamén a situación dos terreos portuarios interiores da cidade e a estratexia a seguir para gañar ese espazo para a cidadanía. O alcalde insistiu na necesidade de “atopar un marco de colaboración entre as administracións interesadas en facer unha incorporación ordenada dos terreos portuarios do bordo litoral, o asunto máis importante para a cidade dende o punto de vista urbanístico”. Neste sentido, Ferreiro lembrou que o Concello segue mantendo a súa posición inicial, “unha postura que afortunadamente vai gañando adeptos, como puidemos ver no Parlamento de Galicia con todos os grupos defendendo principios como os de que non podemos facer unha poxa sobre os terreos ou a busca dunha condonación da débeda”, e que o protocolo asinado pola Xunta de Galicia no seu día co Ministerio de Fomento e Puertos del Estado “ten cuestións febles”. “A primeira foi non contar co Concello da Coruña, o que foi un erro, e a segunda a pervivencia dos convenios urbanísticos, que é unha cuestión que hai que abordar. A partir de aí, temos que buscar fórmulas de colaboración e empurrar cara a dinte, porque creo que se facemos un escenario de cooperación, todo o sector privado da cidade se vai sumar a un proxecto importante para os terreos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego”, analizou. Neste punto, o rexedor considerou que o Goberno central “debe mover ficha” tras meses “de conversas e boa sintonía”. Así, solicitou que se convoque o antes posible a comisión de seguimento dos convenios asinados en 2004.

Hospital e Alcoa

Por outro lado, o alcalde amosou ao presidente da Xunta a vontade de colaboración do Concello no proceso que derive na ampliación e mellora das institucións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). “A nosa disposición é máxima, ben sexa para unha ampliación das infraestruturas actuais ou ben para buscar unha nova ubicación que, en todo caso, parta do consenso entre administracións e entre entidades e actores do sector sanitario e dos coidados na cidade”, aclarou. “O noso afán está en que A Coruña teña unhas instalacións sanitarias á altura dos e das súas profesionais”, dixo.

Noutra orde de asuntos, tanto Ferreiro como Núñez Feijóo referíronse á necesidade de garantir a permanencia da actividade industrial e dos postos de traballo ligados a planta de Alcoa na Coruña. “Ambos os dous falamos sobre este tema e ambos os dous estamos preocupados, eu agardo que poidamos chegar a unha solución. Para iso é necesario que o goberno do Estado dea pasos firmes e estableza un marco regulatorio e tarifario que permita a continuidade da planta pero, do mesmo modo, tamén é necesario esixirlle a Alcoa que actúe con responsabilidade”, reflexionou o mandatario coruñés, que volveu amosar o apoio do Concello a calquera actuación que vaia encamiñada a manter actividade e postos de traballo. 

MAC

Por outro lado, e no marco da reunión, o alcalde reiterou ao presidente da Xunta a proposta municipal que pasa pola colaboración de todas as institucións con implicacións para a posta en marcha na cidade dun proxecto cultural estable e ambicioso que sexa herdeiro do MAC (Museo de Arte Contemporánea), logo do anuncio de peche emitido por parte da empresa Naturgy. A proposta municipal pasa pola constitución dunha fundación que mesture institucións públicas (Ministerio de Cultura, Xunta, Deputación e Concello) e empresas vencelladas á Coruña. “A acción conxunta e a lealdade son claves para o mantemento do valor simbólico e a singularidade dun proxecto de excelencia na cidade”, explicitou ao longo da xuntanza.

Reunión do alcalde co presidente da Xunta