Marea Atlántica | Nota de prensa

O Pleno do Concello da Coruña ratifica de novo a Declaración de María Pita e inicia a construción da Área Metropolitana

Coa única abstención do PP, a maioría da corporación acorda impulsar a redacción dun Anteproxecto de Lei para mellorar os servizos ás 400.000 persoas que viven na Coruña metropolitana

Xulio Ferreiro: “Hai dúas formas de facer oposición, a do bloqueo porque si, e a de impulsar ao goberno a facer cousas beneficiosas para a veciñanza”

O Pleno do Concello da Coruña ratifica de novo a Declaración de María Pita e inicia a construción da Área Metropolitana
20191003_pleno_ordinario_MG_5630
Xulio Ferreiro, Antón Sánchez e Xan Xove
3 de outubro de 2019.- O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que o Pleno Coruña aprobase hoxe iniciar os trámites para construír a Área Metropolitana e ratificase de novo a Declaración de María Pita tres anos despois da súa sinatura, o 20 de outubro de 2016, que xa aprobaran daquela todos os demais municipios. Co voto favorable de todos os grupos, agás o PP que se abstivo, rematan así 30 anos de illamento localista e tres anos de bloqueo á iniciativa que puxo en marcha o alcalde Xulio Ferreiro no mandato anterior, e que agora se recupera grazas a o pacto á coruñesa entre a Marea Atlántica e o PSOE.

Ferreiro, que asistiu hoxe ao pleno, xunto aos deputados do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez e Xan Xove, declarou que “hoxe é un día para celebrar, un día no que bota a andar a Área Metropolitana, pola que traballamos moitísimo no anterior mandato, e que non se puido aprobar por bloqueos difíciles de entender. Cando estea funcionando, dando servizo á veciñanza e garantindo que A Coruña siga a ser o motor de Galicia, recoñecerase o esforzo realizado”.

O ex-alcalde sinalou que os catro asuntos da parte resolutiva do Pleno foron hoxe herdanza do mandato anterior. Á Área Metropolitana hai que sumarlle a aprobación definitiva da Ordenanza da Igualdade (xa tramitada inicialmente o 6 de maio de 2019), a renovación do compromiso coa Axenda Urbana 2030 (para o que A Coruña xa é cidade piloto grazas a un convenio con ONU Hábitat), e a reserva de fondos para o proxecto piloto Conecta Coruña, dentro do Plan Nacional de Edificios Intelixentes de Red.es, que o goberno anterior deseñou e reforzou con axudas europeas.

“Isto amosa que hai dúas formas de facer oposición, a do non a todo e a de impulsar ao goberno a facer cousas beneficiosas para a veciñanza” dixo Xulio Ferreiro, que tamén lamentou que o Partido Popular non quixese sumarse á aprobación da Área Metropolitana, amosando unha vez máis que “non cre na Coruña”.

Cara a un novo anteproxecto de lei

Na mesma liña, o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica, Iago Martínez, saudou como unha “boa noticia” o paso dado hoxe no Pleno, ratificando a mesma Declaración de María Pita e aprobando por maioría absoluta o que rexeitou aprobar o PSOE daquela, iniciar formamente o procedemento previsto no artigo 122 da Lei de Administración Local de Galicia. “O que mudou desde entón foi que agora hai unha oposición capaz de poñer o interese xeral por enriba do partidismo”. O seguinte paso será elaborar, na Comisión Especial para Área Metropolitana, dun anteproxecto de lei que se levará ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación. Servirá para mellorar a mobilidade, a xestión integral da auga, a infraestrutura verde, ou a creación de solo industrial, apostando polo emprego e a innovación.

Martínez agradeceu o cambio de posición do PSOE e o apoio do BNG, xa manifestado en 2016, e “aos alcaldes e alcaldesa que xa aprobaron a Declaración de María Pita, moitas veces en contra dos seus partidos: Benito Portela, alcalde de Sada; Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo; Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros; Óscar García Patiño, alcalde de Cambre; José Ramón García, ex-alcalde de Betanzos; Julio Sacristán, ex-alcalde de Culleredo; o seu sucesor, José Ramón Rioboo; e José Antonio Santiso Miramontes, alcalde de Abegondo. E, moi especialmente, a Xulio Ferreiro”.

Pola súa banda, Xan Xove celebrou “que superemos 30 anos de illamento localista na Coruña e avancemos na interconexión dos concellos limítrofes e a mellora de servizos para as persoas que viven neles. Desde o Grupo Cómún da Esquerda comprometemos xa o noso apoio para tramitar o Anteproxecto de Lei no Parlamento de Galicia”.

Ordenanza de Igualdade: feminismo para avanzar

No Pleno deste 3 de outubro aprobouse tamén, de xeito definitivo, a Ordenanza de Igualdade xa aprobada inicialmente o 6 de maio. Trátase dunha normativa elaborada no mandato anterior, que convirte a loita pola igualdade nunha obriga dos gobernos municipais, sexa cal sexa a súa cor. “É un paso máis cara ao feminismo, cara a onde debe camiñar unha sociedade avanzada”, asegurou a concelleira Silvia Cameán.

Cameán explicou que esta ordenanza “déixanos unha cidade máis diversa, máis libre e máis aberta, pola que a anterior concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, e o seu equipo se deixaron a pel”. Desde agora a paridade nos órganos municipais, a linguaxe inclusiva, a loita contra as violencias machistas e a análise do impacto de xénero das políticas municipais son unha obriga, non unha opción.

“A igualdade debe ter a máxima atención e recoñecemento por parte dos gobernos, porque a nós, as mulleres, a pesar dos avances e a loita incansable do movemento feminista aínda nos falta moito por avanzar”, afirmou Silvia Caméán. “Somos nós as que cobramos menos que os homes, as que temos triples xornadas laborais, as que temos dificultades para acceder a cargos de responsabilidade, as que pasamos medo ao volver a casa pola noite e as que somos asasinadas”.

Por iso, a concelleira confía en que a aprobación da Ordenanza de Igualdade vai ser útil para toda a veciñanza da Coruña, “especialmente cando algúns pretenden regresar a tempos nos que as mulleres tiñan vetado o acceso a todos os dereitos cidadáns”.

O Pleno do Concello da Coruña ratifica de novo a Declaración de María Pita e inicia a construción da Área Metropolitana