Pleno municipal | Concello da Coruña
Luz verde ás mocións do BNG para mellorar a conexión ferroviaria con Ferrol e Lugo, declarar BIC o cárcere provincial e comprometer o Concello no combate contra a ludopatía
A Coruña, a 3 de outubro de 2019. A primeira demandaba a mellora das conexións ferroviarias con Ferrol e Lugo (tamén para a conexión por camiños de ferro co porto exterior); a segunda procuraba a declaración como BIC do cárcere provincial e a terceira tiña como obxectivo que, desde o marco das súas competencias, o concello se implicase no combate contra a ludopatía.
Dúas desas tres mocións –a ferroviaria e a da loita contra a adicción ao xogo- foron aprobadas por unanimidade, en tanto que a iniciativa sobre a declaración da cadea como ben de interese cultural contou co apoio de PSOE, Marea Atlántica e Ciudadanos, mais colleitou o voto contrario do Partido Popular.
“É un despropósito que continuemos sen ter conexión ferroviaria co porto exterior. Mais queremos centrar a moción na situación das liñas a Ferrol, singularmente, e a Lugo”, dixo Francisco Jorquera no limiar da defensa da primeira das tres mocións do BNG en seren debatidas nesta sesión plenaria.
“Desde 1913 en que entrou en funcionamento apenas houbo investimento para mellorar a conexión con Ferrol”, denunciou o portavoz nacionalista, quen resaltou que idéntico fenómeno acontece coa liña a Lugo, operativa desde 1875.
Un dato abonda para ilustrar até que punto estas liñas están obsoletas. “Ir a Lugo por ferrocarril desde a cidade leva máis tempo que o AVE Madrid-Valéncia”, indicou Jorquera.
Modernizar o traxecto A Coruña-Betanzos, co necesario by pass na estación de Infesta, non só achegaría a nosa cidade, corazón do Golfo Ártabro, a Ferrol, senón que permitiría criar un tren de proximidade que enlazaría a urbe coruñesa con Guísamo, Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler, remarcou o portavoz do grupo municipal nacionalista.
Tren de proximidade para as persoas e camiños de ferro para o transporte de mercadorías. Iso está no cerne da proposta do BNG. “O itinerario A Coruña-Lugo-Monforte é a saída natural das mercadorías con orixe na área da nosa cidade”, dixo Jorquera, para quen “a potenciación do transporte de mercadorías esixe a realización da conexión co porto exterior”.
O cárcere como BIC
O Pleno tamén deu o seu respaldo á iniciativa do BNG para o concello se dirixir á Xunta de Galiza con vistas a que esta, como administración competente, clasifique o cárcere provincial como BIC.
O BNG aceptou incorporar á súa proposta unha emenda da Marea e o texto resultante foi aprobado cos votos, alén destas dúas forzas políticas, do PSOE e de Ciudadanos. Foi votado en contra polo PP. A formación conservadora considerou irrelevante dotar de protección como BIC o cárcere co argumento de que a tramitación administrativa do asunto pode demorar anos e que é probábel que antes o Supremo resolva o litixio sobre a devolución gratuíta do penal ao concello.
Veira contra-argumentou que a protección do cárcere como BIC, amparo que se xustifica sobradamente polos seus valores históricos e arquitectónicos, non obsta para que se continúe a negociar a cesión gratuíta ao concello como lexítimo dono do inmóbel.
“O cárcere é un ben patrimonial de moito valor, cun deseño sobre eixo panóptico que respondía ás teorías disciplinarias de Jeremy Bentham”, relatou Avia Veira, quen lembrou que á altura de 1914 a cidade acolleu o II Congreso Penitenciario Español, con destaque para a participación no debate de Concepción Arenal.
No cárcere, alén do máis, recluíronse presos políticos durante a ditadura, e xa no presente réxime político “persoas que exerceron a insubmisión ao exército español”. “O exercicio da memoria xa xustificaría por si só a inclusión do inmóbel no Rexistro de Bens de Interese Cultural”,dixo.
Se se declarar o cárcere como BIC, o Estado terá que investir no seu mantimento e estaría obrigado a estabelecer un réxime de visitas ao público, indicou a concelleira nacionalista.
Combate contra a ludopatía
A terceira e última moción en ser defendida polo BNG neste pleno chamaba a comprometer as administracións galega e local no combate contra a ludopatía. Defendeuna tamén Avia Veira, quen aceptou unha emenda da Marea, e obtivo o respaldo do conxunto da corporación.
“Estamos diante dun problema social que afecta especialmente a mocidade. E tamén ante un grande negocio: un dos grandes xigantes do sector supera xa os 564 millóns de euros de facturación”, denunciou a concelleira nacionalista, quen ofereceu máis datos para retratar a gravidade do fenómeno: a idade media das persoas tratadas pola adicción ao xogo é de 18,2 anos e na Coruña hai un salón de apostas por cada 10.500 habitantes (a media do Estado é un por cada 12 mil).
Veira resaltou o carácter “obsoleto” da Lei de Xogo vixente, promulgada polo Parlamento galego en 1985, e nese sentido a moción chama o concello a que inste da Xunta a elaboración dunha nova norma legal consensuada con todos os grupos presentes no Parlamento galego visando dotar o país dunha ferramenta que permita enfrontar con éxito un fenómeno especialmente daniño para a mocidade e para os sectores sociais máis castigados pola crise.