Marea Atlántica | Nota de prensa

A Rede da Marea Atlántica decide non participar na campaña das eleccións xerais

A organización fai un chamamento a recompoñer o espazo de confluencia despois do 10N, desde fórmulas de cooperación, e a apoiar candidaturas que defendan os dereitos sociais ante a involución democrática no Estado e o avance da ultradereita

A Rede da Marea Atlántica decide non participar na campaña das eleccións xerais
19_10_18_Rede
Reunión da Rede (imaxe de mareatlantica.org)
18 de outubro de 2019.-  

A Rede da Marea Atlántica acordou non participar na campaña das eleccións xerais do 10N e manter unha postura de neutralidade ante a división do espazo político que na Coruña está representado pola nosa organización municipalista. Deste xeito, e a proposta do Grupo de Traballo de Relacións Políticas, a asemblea celebrada no local da Praza dos Ovos, adoptou por maioría o seguinte acordo:

  1. A Marea Atlántica manterá unha posición autónoma respecto das distintas forzas que concorren ás eleccións, a fin de garantir o respecto á pluralidade interna.
  2. As persoas que forman parte da nosa organización poderán apoiar libremente calquera das opcións, pero tanto a marca coma os recursos da Marea Atlántica quedarán á marxe da confrontación electoral.
  3. As persoas da Marea Atlántica que desempeñen postos representativos, tanto institucionais coma orgánicos, non comprometerán o posicionamento político da Marea Atlántica.
  4. A Marea Atlántica apela á responsabilidade de todas e todos, e comprométese coas forzas do cambio na tarefa de recomposición do noso espazo político, procurando fórmulas de cooperación e innovación que permitan recuperar as institucións para a xente e o establecemento dunha axenda política plural, coherente co espírito que deu lugar ao nacemento das candidaturas municipalistas e ao servizo das maiorías sociais. Esta cuestión resulta urxente polas convocatorias electorais vindeiras e pola necesidade de adaptarnos ao novo ciclo político evitando que a posible nova recesión se resolva como a anterior, caendo sobre as costas dos máis febles.

Cara á reconstrución do espazo político

O texto aprobado onte sinala que “é evidente que as lóxicas competitivas dentro do noso espazo político abócannos a unha situación subalterna, cando non residual, mentres que as dinámicas de cooperación convértennos na alternativa ás políticas neoliberais”. En todo caso, nun momento de involución democrática no conxunto do Estado, cómpre facer un chamamento á participación electoral, apoiando sempre opcións progresistas e cunha axenda clara a favor dos dereitos sociais, capaz de facer de contrapeso ao avance da ultradereita.

E, como engade o texto, “tampouco podemos esquecer que estamos a poucos meses doutra convocatoria electoral, na que se pretendemos que o espazo do cambio teña algunha oportunidade, vai ser imprescindible construír”.

A Rede da Marea Atlántica decide non participar na campaña das eleccións xerais