Servizos municipais
A solución á crise das bolsas comedor: un novo prazo para subsanar erros
Silvia Cameán volve instar ao goberno a facilitarlle ás familias a achega de nova documentación, ante o gran número de erros cometidos pola propia Administración
Ante esta situación, o grupo municipal da Marea Atlántica revisará a fondo as causas de denegación, e volverá solicitarlle ao goberno do PSOE que abra un verdadeiro prazo de subsanación para todas as bolsas denegadas, ante as inasumibles cifras de rexeitamentos e o elevado número de erros detectados. “A ampliación do prazo de alegacións, anunciada este martes, está a ser confusa e as familias están a atopar problemas para presentar documentación. O que agardamos dun goberno preocupado pola infancia son solucións reais, non escusas para cubrirse as costas”. sinalou Silvia Cameán.
A edil volveu reclamar, como xa fixo esta semana na Comisión de Benestar Social, “que se resolva de inmediato todas as bolsas comedor que están concedidas, para reducir ao mínimo a demora ata que as familias poidan cobrar a axuda, que xa é moi longa”. E engadiu que “en moitos fogares, as axudas para o comedor son fundamentais para garantir unha alimentación saudable para as nenas e nenos, polo que deben tramitarse como unha prioridade, con máximo rigor”.