Xustiza Social

A Renda Social Municipal chega a 102 familias, informa o goberno municipal

A maioría das persoas que a reciben pertencen a unidades convivenciais dunha soa persoa.

A Renda Social Municipal chega a 102 familias, informa o goberno municipal
Sala de espera para trámites municipais no Ágora
Sala de espera para trámites municipais no Ágora.

A día 1 de xullo, Coruña tiña concedidas a 98 unidades de convivencia a Renda Social que axuda a cubrir as necesidades básicas de persoas en risco de exclusión social que non poden optar a subsidios como a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou similares. Onte, en rolda de prensa, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, informou de que a cifra xa chegara a 102. E subliñou que nos últimos meses, a media de novas rendas concedidas é de 25 cada mes. En concreto, no mes de abril comezaron a darse 25 rendas novas, 26 en maio, 18 en xuño, e 28 no mes de xullo, segundo informa o Goberno municipal nun comunicado.

A titular de Xustiza Social recordou que a Renda Social Municipal adáptase ao caso de cada persoa, establecéndose uns límites baseados no 100% do IPREM para as unidades de convivencia dun só membros e do 200% do IPREM segundo o número de membros da unidade convivencial. Neste momento, a contía media que están a percibir as persoas beneficiarias é de 456,86 euros.

A concelleira informou ademais que do total de persoas perceptoras, case o 39% eran mulleres, fronte a un 61% de homes. A media de idade dos e das perceptoras é de 41 anos para as mulleres e 40 para os homes. A maioría das persoas que a reciben pertencen a unidades convivenciais dunha soa persoa, aínda que das unidades familiares de dous membros, en xuño, un 64,20% se correspondían con unidades monomarentais cun fillo a cargo.

Silvia Camean

Silvia Cameán: "Estamos satisfeitas, pero non somos conformistas"

"Esta é unha prestación pioneira. Non había ningunha experiencia previa nin similar. Agora mesmo, e logo de implementar diversas melloras na tramitación derivadas da propia experiencia, como por exemplo simplificar o modelo de solicitude, os tempos de tramitación se foron regulando, oscilando entre os 20 e os 24 días", comentou Silvia Cameán, antes de engadir que "se ben dende o Concello estamos satisfeitas co desenvolvemento da renda, non somos conformistas, e seguimos traballando, como até agora para poder introducir todas as medidas que sexan necesarias para mellorar o seu alcance".

A responsable de Xustiza Social manifestou que, dende a súa posta en marcha, a prestación municipal foi "evolucionando", e que desde o 30 de setembro do ano pasado, cando se abriu o período para a recepción de solicitudes, "na medida na que puidemos debido ás restricións á contratación que sofren os municipios, fomos aumentando a dotación de medios humanos".

Cameán recordou que programa que é pioneiro en todo o Estado e dixo que non entendía "as críticas e lecturas interesadas a unha prestación que foi exemplo para moitos outros concellos de todo o Estado e na que seguimos traballando, de forma constante, para mellorar".


 

A Renda Social Municipal chega a 102 familias, informa o goberno municipal