Servizos sociais
Igualdade amplía o servizo de canguraxe cun aumento das horas de atención a domicilio
Na nova licitación haberá un aumento de 1.300 horas anuais de atención a domicilio que se presta ás familias usuarias.
A Concellería de Igualdade e Diversidade anunciou o sábado que en breve sacará a licitación o contrato de atención a domicilio de servizo municipal de canguraxe. O novo contrato, segundo subliñou a concelleira, Rocío Fraga, incrementará até 1.300 horas anuais de atención a domicilio. Con ese fin, o orzamento aumentará dos 51.300 euros por ano para 2.700 horas ata as 4.000 horas de prestación anual, cun tipo de saída de 90.000 euros.
Tamén se pretende mellorar a atención especializada de conciliación das mulleres en situación de violencia de xénero (tanto da Rede de Acollida Municipal como do Centro de Información ás Mulleres) e outras mulleres en situación de vulnerabilidade, máis alá do horario de funcionamento ordinario do servizo, con operatividade, nestes casos, todo o ano e as 24 horas do día, avanzou Fraga.
A concelleira recordou ademais que haberá unha ampliación dos espazos de atención á infancia, que este ano pasan de cinco a seis ao incorporar un Espazo de Atención Infantil no centro cívico de Palavea aos cinco actuais, en Labañou, Castrillón, Sagrada Familia, así como as ludotecas de Monte Alto e Novo Mesoiro, e propiciar a ampliación e homoxeneización dos horarios de entrada.