A concelleira de Igualdade e Diversidade reuniuise cun representante do comercio da zona centro para avanzar nas medidas para unha mellor convivencia do sector cos e coas ‘manteiras’
Rocío Fraga salienta o traballo do Concello cos colectivos migrantes “no obxectivo de ofrecer novas alternativas laborais”
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, avanzou este mércores algunhas das liñas de traballo que o Goberno local ten abertas cos colectivos migrantes e que, nos próximos días, dará un paso cara adiante coa posta en marcha da Renda Social Municipal, a prestación económica impulsada polo Goberno local que permitirá ás veciñas e veciños en situación de vulnerabilidade dispoñer dunha cobertura para as súas necesidades máis básicas, ao tempo que acceden a itinerarios de inclusión sociolaboral, incluídas persoas en situación irregular, como ocorre nalgúns membros deste colectivo.
Fonte: Concello da Coruña | 21/09/2016
"O primeiro paso é conseguir que estas persoas sintan que se lles recoñece como cidadáns e cidadás, que teñen dereitos, e facilitarlles a comunicación co Concello, es nisto é no que estamos a centrarnos. Nese obxectivo van iniciativas como a celebración que tivo lugar a pasada fin de semana nas Conchiñas, '72 horas de Senegal na Coruña', que serviu para achegar ao barrio a cultura de moitos dos seus veciños e veciñas, ou programas como o PIPE -o programa de identificación policial eficaz, que forma ao corpo municipal de Policía para atender ás diversidades dos diferentes colectivos, así como a adaptación da Policía Local ás novas demandas sociais, desde a formación e cun traballo de achegamento do labor policial ao tecido social-", exemplifica a responsable municipal, avanzando que a cidade acollerá a finais de ano unhas xornadas no marco desta iniciativa.
Dentro desta vía aberta de traballo, a concelleira mantivo este mércores unha xuntanza co presidente da asociación comercial Área Obelisco, un encontro no que tamén participou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e que estivo dirixido abordar e mellorar a convivencia o comercio da zona centro e este colectivo, en concreto cos 'manteiros' e 'manteiras', continuando cos contactos desta concellería, que xa mantivo encontros previos con representantes do colectivo, e que prevé continuar nesta liña nas próximas semanas. O obxectivo, observa Fraga, pasa por "avanzar nas alternativas laborais destas persoas, tanto de actividade como de ubicación da súa actividade". Neste sentido, a concelleira apunta que a cobertura que ofrece a Renda Social Municipal, así como os itinerarios de inseción sociolaboral que esta prestación ten aparellados, será unha vía prioritaria para poder ir regularizando a situación daquelas persoas do colectivo migrante que hoxe ven dificultades para acadar un posto de traballo e "evitar que teñan que seguir na rúa, malvivindo para gañarse a vida". "Este é un traballo de fondo que ningún goberno anterior asumira, e require de sensibilidade, planificación e unha visión e traballo transversal que permita ao Goberno ofrecer unha solución integral, que ademais será consensuada; nunca adoptaremos accións tomadas de xeito unilateral por unha das partes", engade.
A responsable municipal avanza que, como complemento a esta vía aberta, o Concello ten previsto ampliar esta liña de traballo coas persoas migrantes a un marco máis xeral, con accións dirixidas a que a cidadanía tome conciencia dos valores e potencialidades que ofrece unha sociedade diversa e tome unha "posición antirracista", e a facer pedagoxía para evitar actitudes de discriminación aos colectivos por razón da súa raza ou da súa cultura. "Na Coruña podemos gabarnos de ser unha cidade acolledora coas persoas que nos necesitan, e, como Goberno, sentímonos na obriga de poñer a disposición da cidadanía todas as ferramentas que permitan avanzar tamén nese modelo de cidade inclusiva, onde calquera veciña ou veciño ten a mesma consideración, independentemente do seu lugar de orixe", salienta.