Dillo Ti

A Silva prepárase para ser foco de atención preferente do goberno

Xulio Ferreiro escoita as demandas duns setenta veciños, compromete unha nova visita ao barrio e anuncia que o Concello actuará na Silva en outubro co plan A pé de barrio.

A Silva prepárase para ser foco de atención preferente do goberno
Dillo Ti na Silva. Fala unha veciña
Dillo Ti na Silva. Fala unha veciña.

No barrio da Silva os veciños quéixanse dos ratos e das ratas “que coma non se faga nada terminarán sendo coma coellos”. Hai moitas fincas sen limpar, casas abandonadas, camiños tupidos polos fentos e polos toxos. E tamén hai problemas co saneamento. Non todas as casas teñen. Antes de comezar o encontro co alcalde desta mañá un veciño recorda que alí, no Centro cívico, funciona unha fosa séptica.

A concelleira de Medio Ambiente levántase e dilles aos veciños: “Como todo o mundo sabe, as ratas son imposibles de erradicar”.

As ratas nas cidades, tamén nas cidades rebeldes, son unha metáfora dos límites do cambio, da forza das ondas da Marea Atlántica que asolagaron de ilusión a península pero teñen serias dificultades para chegar aos montes.

Os Dillo Ti son un pouco iso, espuma, olor a mar e xa volveremos noutro momento a dar unha volta e ver de ir arranxando algo. O concelleiro de Rexeneración Urbana levántase e dille as veciñas que concreten e despois fálalles das actuacións do Concello na Pasaxe coma exemplo, pero non concreta nin cando nin como.

Dillo Ti na Silva

O catálogo de demandas veciñais estaba feito desde a semana pasada, cando a xente organizouse durante o encontro dos orzamentos participativos e acordou unha lista de necesidades. Son cousas ben concretas: limpeza das fincas, mellora do firme da calzada, limpeza das rúas, mellora da iluminación, limpeza dos camiños, mellora da mobilidade… A veciña máis vella do barrio pediu un semáforo para a saída cara O Ventorrillo; outra convidou ás concelleiras a tratar de cruzar o barrio nunha cadeira de rodas; tamén lle pediron a Dani Grandío, responsable do tráfico, que regule a cousa colocando algún sentido único de circulación.

Grandío foi o primeiro en comprometerse a vir pola Silva, logo o alcalde, Xulio Ferreiro, diante da lista de demandas que leron entre varias porque o mecanismo de participación ten as súas regras, tamén quedou en volver por aquí, e despois foi a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán,a que tamén mostrou interese en volver despois de comprobar “o obvio mal estado” do Centro cívico. Pode que así, de un en un, as visitas lles sirvan aos veciños para algo máis que para desafogarse.

Na Silva hai moita frustración. Non coa Marea Atlántica, senón con todos os gobernos de todos as cores que pasaron por María Pita e apenas ofreceron outra cousa que políticas espumosas. E, por suposto, ningún foi quen de acabar coas ratas. Imposibles.

“Vimos moitas cousas, sufrimos moral,social e economicamente durante anos o problema de Penamoa. E cada vez que nos preguntan polo que lle fai falta ao barrio, dicimos que de todo, porque aquí nunca se fixo nada”. A queixa amarga dun veciño esixiu ao goberno municipal ir concretando algo antes de volver de visita. “A Silva ten que ser compensada”, foi a declaración en ton solemne do alcalde.

Así que A Silva prepárase para ser foco de atención preferente do goberno de María Pita.

Dillo Tina na Silva. Xulio Ferreiro

Máis información:

> O Dillo Ti na Sagrada: http://www.entrenosdigital.com/articulo/novas-mallos/dillo-ti-colle-frio/20170327093230002182.html

> A Marea na Agra: http://www.entrenosdigital.com/articulo/novas-da-agra/marea-vuelve-barrio-vio-nacer/20170302084823001724.html

> A Marea define o seu modelo de cidade:http://www.entrenosdigital.com/articulo/actualidade-coruna/marea-define-nun-acto-seu-modelo-cidade-coruna-proxima/20170320224602002094.html


 

A Silva prepárase para ser foco de atención preferente do goberno