Urbanismo
A Defensa do Común pasa páxina e quere crecer
A asemblea valora coma un “éxito” a manifestación do 7 de maio pola devolución dos terreos da fachada marítima e estuda futuras accións.
Hai menos de un mes, Entre Nós advertía un risco de creba na Comisión Aberta en Defensa do Común apenas uns días antes da manifestación do domingo 7 de maio na que as organizacións e colectivos integrados na plataforma ían medir a forza da contestación social aos plans do Estado de facer caixa cos terreos da Solana, os peiraos e outros da fachada marítima da Coruña. A Comisión Aberta non rachou e as feridas foron pechando. Primeiro, pola repercusión da mobilización. Segundo, porque os que fan parte entenden que só pode haber un inimigo.
A asemblea de onte nos baixos da Casares Quiroga foi concorrida, tranquila e “executiva”, como reclamou con insistencia o representante de Cerna. Estiveron partidos e sindicatos, asociacións culturais e veciñais, foros e movementos, moitas desas setenta entidades que quince días antes conseguiron reunir máis de 5.000 persoas na rúa. Houbo discrepancia a hora de definir se aquilo fóra ou non un éxito. As cifras de participación suxiren que si… nos tempos que corren. Claro que tamén houbo coincidencia en que faltou boa parte da “cidadanía”, e mesmo o Bloque sorprendeuse dicindo que oxalá tiveran estado os votantes de Rajoy.
Coincidir na estimación do resultado permitiu obviar as diferenzas sobre quen marca a estratexia anteriores ao día 7. Onte, todos a unha. Pasando páxina e a pola “segunda fase”. “A manifestación estivo ben, pero temos que medrar se queremos chegar a unha consulta exitosa”, indicou o representante de CC.OO. A consulta, o referendo sobre o futuro dos terreos, mecanismo de presión ao Estado comprometido pola esquerda nun acordo plenario, é o horizonte e a preocupación de moitos. Haberá que facela, axilizar os trámites, apurou un dos portavoces da plataforma.
Antes irán colocando outros fitos. O arquitecto Xosé Loís Martínez, enfermo, non puido estar presente para defender as súas propostas de actuacións. O escultor Pepe Galán viu como a súa saía adiante. Galán ideou unha acción que consiste en espallar area de praia entre a Muralla e a Solana, “onde nace o areal soterrado polo cemento”. “Enriba dos adoquíns reconstruiremos a praia”, explicou Galán recuperando a metáfora dun maio de hai cincuenta anos. Galán mostrou un modelo de cartel –o que aparece na fotografía que encabeza esta información – que se discutiu, aprobou e nas próximas semana empezará a espallar outro maio (inda que sexa xuño) na Coruña, que busca praia ao abrigo da memoria.