Vivenda

Protesta en Sada para frear o desafiuzamento duns veciños

Stop Desafiuzamentos realiza a terceira acción en dúas semanas mentres segue viva a ameaza sobre a familia.

Protesta en Sada para frear o desafiuzamento duns veciños

Desta volta foi en Sada, onde se sitúa a vivenda familiar sobre a que pesa unha ameaza de desafiuzamento. Os afectados, unha familia de anciáns. A entidade impulsora, o Banco Pastor, que fora absorbido polo Banco Popular que acaba de ser absorbido polo Banco de Santander. A primeira data fixada para o despexo era a do pasado venres, 9 de xuño. Adiouse pola presión dos activistas, que apoian aos fillos dos propietarios, que son os que están levando as negociacións co banco. A inestabilidade que sufre a entidade trala compra por parte do Santander é un problema máis que vén a sumarse ás dificultades de todo tipo polas que atravesa a familia. O caso xa provocara esta semana unha acción de solidariedade en Ferrol. Frear o despexo é un paso, mais non é suficiente, advirten desde Stop Desafiuzamentos Coruña. Pendentes das conversas co banco, non desbotan novas accións na rúa. Esta mañá en Sada, xunto a veciñas, veciños e activistas, estiveron tamén o alcalde, Bieito Portela, e representantes de En Marea e do BNG, forzas que tamén acompañaron a última protesta na Coruña.

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Sada este domingo 11 de xuño (2)


 

Protesta en Sada para frear o desafiuzamento duns veciños