Edita o calendario LilAgra 2017, en que doce mulleres do barrio dan o seu punto de vista sobre a Violencia de Xénero.
A Asociación Veciñal Agra actúa fronte a violencia de xénero
A Secretaria da Asociación, Marisol, di: “Para nós é prioritario erradicar a violencia de xénero; non é un tema illado, está presente en tódolos ámbitos e, por isto, moitas das formas da violencia de xénero pasan desapercibidas
"Acabamos vendo ou asumindo como normais comportamentos, ideas, crenzas etc que non o son, mais que conforman o noso imaxinario e pautan as nosas relacións e vivencias, mesmo contra toda evidencia, por exemplo: na realidade sabemos da forza de moitísimas mulleres que sosteñen, coidan e protexen persoas, grupos e familias, mais seguimos aturando o conto de que a muller precisa dun home que a protexa.
Este é un dos moitos clixés que mantén o patriarcado (o dominio do home sobre a muller en tódolos eidos).
Cómprenos visibilizar as formas sutís de violencia para combatelas todas.”
Hai tempo que a asociación participa nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outras entidades do movemento feminista galego, e aplica a perspectiva de xénero no seu labor; LilAgra será unha porta máis para debater e actuar no camiño da equidade de xénero.