"Permitirá definir a cidade que queremos ter nos próximos 50 anos”
O alcalde salienta o “desafío” que supón a creación da Lei da Área Metropolitana da Coruña
Xulio Ferreiro solicitou esta mesma mañá unha entrevista co presidente da Xunta “para falar con el desta iniciativa que parte do consenso dos concellos da comarca da Coruña”. “A nosa intención é falar con todo o mundo. Hai que poñer á Coruña por diante”, comentou, á vez que agradeu “a valentía e a confianza nesta aposta” por parte dos seus homólogos na comarca
Fonte: Concello da Coruña | 18/10/2016
O alcalde, Xulio Ferreiro, salientou este martes a boa acollida entre os alcaldes e alcaldesa da comarca da proposta formulada onte desde A Coruña para a construción dunha Área Metropolitana da Coruña a través dunha lei específica, que deberá ser aprobada no Parlamento de Galicia o vindeiro ano. "A proposta é que desde aquí, desde a Coruña, lideremos este desafío, este proxecto, e entre todos e todas sexamos quen de consensuar un texto que remitir no seu momento á Cámara para acadar esa Lei da Área Metropolitana da Coruña. Chegou o momento de poñer A Coruña por diante, necesitamos instrumentos que nos permitan abordar os desafíos do presente e do futuro, que nos permitan planificar estratexias de crecemento económico e de planeamento territorial, este é o noso desafío", declarou o rexedor, quen avanzou que esta mesma mañá solicitou unha entrevista co presidente da Xunta para abordar a cuestión. "Entendemos que este é un proxecto que vai moito máis alá dun concello, é un proxecto para toda unha Área Metropolitana e un desafío á altura desta cidade, que non se plantexaba desde hai moito tempo. Nel xogámonos moito, entre outras cosas ter instrumentos institucionais non só para o noso concello, senón para os municipios limítrofes, e o interese de todas e de todos é que saia para adiante", salientou Ferreiro, quen remarcou a "unanimidade absoluta" dos e das representantes da comarca "en que este era o paso que tocaba e que conviña dar". Nese sentido, e segundo indicou, na reunión do luns chegouse tamén a un principio de acordo sobre os pasos a dar no prazo inmediato, que comezan coa sinatura da Declaración de María Pita este vindeiro xoves --un documento oficial no que os distintos concellos explicitarán a súa vontade de impulsar unha Lei da Área Metropolitana da Coruña--, para a súa posterior ratificación por parte dos Plenos dos distintos municipios. En concreto, durante a pasada xornada, ademais do alcalde da Coruña, os rexedores de Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, así como a primeira edil de Bergondo e un representante do Goberno de Betanzos, acordaron comprometerse, de forma pública, "a levar ao Parlamento, en 2017, o proxecto de Lei da Área Metropolitana da Coruña".
Ferreiro incidiu esta mañá ante a prensa na importancia de ter unha normativa que dea encaixe xurídico ás reclamacións e aos traballos conxuntos realizados polas distintas administracións locais, co obxectivo de dar resposta a unhas necesidades comúns. O primeiro edil coruñés subliñou, do mesmo xeito, a transcendencia do consenso acadado. "Recoñecemos a valentía dos alcaldes e a alcaldesa da Área Metropolitana, así como a confianza na aposta do Goberno municipal da Coruña e na súa capacidade de liderado para con este proxecto, que non é noso exclusivamente, senón de toda a área", destacou.
Traballo conxunto
O mandatario local salientou que a importancia de conseguir unha Lei da Área Metropolitana da Coruña transcende as siglas políticas, algo que se deixa evidenciado no traballo conxunto que están a desenvolver dende hai meses os concellos da comarca, gobernandos por distintas formacións. "É responsabilidade de todos e todas imaxinar a Área Metropolitana que queremos. Os próximos 50 anos desta cidade decídense agora", remarcou. Neste punto, lamentou que esta mañá a Xunta de Portavoces convocada polo Goberno local non se chegara a levar a cabo debido á oposición dos representantes de PP e PSOE, que non quixeron ratificar a súa urxencia. "Non sei se están a favor ou non da creación da Lei da Área Metropolitana, sei que perderon a oportunidade de recibir información directa, tanto pola miña propia boca, como con información por escrito", indicou, á vez que insistiu en que "este desafío require poñer á Coruña por diante".
Durante a súa comparecencia, o primeiro edil da Coruña recordou que en Galicia, e dentro do Estado español, hai moi poucos precedentes de leis de Áreas Metropolitanas consolidadas, en concreto Barcelona e, moi recentemente, Vigo. Ferreiro explicou que o proxecto que se elaborará, de forma conxunta, na comarca coruñesa, beberá destas primeiras experiencias, pero buscará as súas singularidades. "Todos e todas coincidimos en que imos ir máis rápido que Vigo, que tardou 15 anos en sacar á luz a súa normativa. Entre outras cousa porque temos moito camiño andando, ao ter xa un clima metropolitano establecido, hai entendemento entre os distintos alcaldes e contamos con equipamentos con clara vocación metropolitana como é o caso da Edar de Bens ou Emalcsa", comentou.
Experiencia metropolitana
"Temos que buscar o noso propio encaixe e definir a fórmula concreta que queremos. Por exemplo, a Lei da Área Metropolitana de Vigo fala de promoción económica, emprego, servizos sociais, turismo, promoción cultural, mobilidade, medio ambiente ou prevención de incendios. En moitos casos, servizos que, dunha forma ou outra, nós estamos xa a facer xa dun xeito metropolitano. A ninguén se lle escapa que o actual Consorcio xestiona a recollida de lixo, pero o tratamento faise nunha instalación do Concello da Coruña que é a planta de Nostián. Do mesmo xeito, a empresa de Augas da Coruña abastece ao resto de concellos da comarca. Funcionamos en moitos casos dun xeito metropolitano. Agora, o que debemos facer é seguir por ese camiño e darlle unha institucionalidade", resumiu.
A este respecto, Ferreiro salientou o avanzado nos último ano polos concellos da comarca coruñesa, que permite agora dar este paso. "Desde aquel Pacto de Mariñán que asinamos levamos meses de traballo, ás veces discreto, e moi serio a nivel técnico e político, que nos permite construír lazos de confianza e sinerxias que nos levaron, primeiro, a poder ter unha diagnose común da área metropolitana e unha estratexia común nesa área, e agora comezar a dar pasos cara á conformación da área metropolitana", indicou.