Dillo Ti no Novo Mesoiro
O Concello acordará coa veciñanza o proxecto para completar o corredor verde de Novo Mesoiro e acometerá a reurbanización do Camiño do Correlo para mellorar a accesibilidade en Feáns
O alcalde e o equipo de Goberno participaron este sábado en Novo Mesoiro nun novo encontro ‘Dillo ti’ coa veciñanza, no que participaron unhas cen persoas, e onde tamén se avanzou o proxecto para a construción dunhas pistas polideportivas no barrio
Fonte: Concello da Coruña | 01/10/2016
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto con boa parte das concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno local acudiron este sábado ao centro cívico municipal de Novo Mesoiro nun novo encontro 'Dillo Ti' coa cidadanía, o espazo no que os membros do Goberno local póñense a disposición das e dos veciños para responder as súas preguntas e ter "un contacto directo", tal e como salientou o rexedor. No curso do mesmo saíron algunhas das actuacións que o Concello proxecta na zona de Novo Mesoiro e Feáns, como é completar o corredor verde situado entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume. "Temos unha proposta para comezar xa mesmo, pero queremos acordala coa veciñanza, e coa asociación veciñal, para que todos e todas concordemos con este proxecto, que permita disfrutar da zona", adiantou Ferreiro, quen tamén aludiu a outras intervencións previstas para o barrio, algunhas no ámbito da accesibilidade, como pasos de peóns ou a reurbanización do Camiño do Correlo, en Feáns, que permitirá mellorar a conexión deste núcleo co de Mesoiro, así como a creación dunha senda peonil que equilibre o tránsito a pé cos vehículos.
De igual xeito, Ferreiro referiuse á construción do futuro colexio do barrio, "unha necesidade demandada durante moito tempo pola veciñanza", e para cuxa consecución este Goberno local puxo a disposición da Xunta os terreos; a este respecto, indicou que dado que a parcela que ocupará o centro ensino é a que agora se usa para as hortas urbanas, por ser a máis axeitadas para o equipamento educativo, estas "serán trasladadas a unha ubicación que xa se está buscando para que poidan existir as dúas cousas". Nesta liña, o alcalde recordou tamén o millón de euros que inviste este ano o Goberno municipal para a reparación de colexios na cidade pese a non ser estas obras de competencia municipal, dadas "as grandes necesidades que sofren". Cuestionado por un veciño, avanzou igualmente o proxecto, previsto para o 2017 a través dun investimento de 245.000 euros, para executar unhas pistas polideportivas no solar que conecta o campo de fútbol Johan Cruyff e a zona de xogos existente na zona.
Entre as actuacións previstas, o primeiro edil aludiu tamén ao proceso participativo que se porá en marcha nas vindeiras semanas para definir os servizos culturais de Novo Mesoiro e os usos dos baixos da rúa Ribeira Sacra, "para darlle vida aos bloques e prestar un servizo útil para todo o barrio, completando a actividade do centro cívico", e recordou que o Concello xa deu solución ás persoas que habitaban nesta rúa de xeito irregular, "un tema que xa está solucionado porque desde os servizos municipais ofrecéuselles unha alternativa".
Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandio, confirmou, a preguntas dos e das participantes, a intención do Concello de levar algunha parada de Bicicoruña ao barrio de Novo Mesoiro, dentro do "plan de expansión dun servizo que se está a converter en esencial, e que cada mes aumenta os seus usos", o cal situará a próxima estación no centro polideportivo do Castrillón, e avanzou o proxecto para dar tamén continuidade ao carril bici desde Novo Mesoiro coa súa conexión co carril universitario a través de Someso, unha actuación que se contempla incluír nos Orzamentos de 2017. No ámbito da accesibilidade, o responsable municipal desta área avanzou tamén algúns dos principios nos que se basea a modificación da estrutura de liñas de bus nas que está inmersa a concellería, co fin de "dotar de accesibilidade por medio do transbordo de forma que a selección de destino se faga cun único transbordo en moi pouco tempo, mellorando as frecuencias de paso para que barrios que, como Novo Mesoiro, dependen dunha única liña, estean servidos cada menos tempo". A cuestións relativas a accesibilidade tamén se referiu o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que puxo como unha das prioridades deste Goberno local "convertir esta nunha cidade paseable"; ao fío, destacou o aumento de investimento nos contratos de mantemento de vías públicas e beirarrúas ata os 3,2 millóns de euros como "unha das vías para mellorar os espazos peonís".
Varela tamén apuntou como "priodade para o Concello darlle ás zonas de xogos --os parques infantís-- a importancia que mercen e incluílas dentro do modelo de cidade". "Traballamos coa idea de que as zonas de xogos se mesturen con elementos vexetais para naturalizar os espazos de lecer e xogo das nenas e os nenos, no canto de facer cubículos pechados", dixo, e anunciou as vindeiras actuacions nesta materia para 2017, como é dotar ou mellorar esas zonas infantís na praza Isaac Díaz Pardo, en Elviña, na praza de San Pablo, no parque de Visma e na praza da Tolerancia.
No curso do encontro, ao que acudiron arredor de 100 veciñas e veciños, tanto o alcalde como o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, reafirmaron os esforzos do Concello pola creación de emprego. "É a nosa principal preocupación, que todas as veciñas e veciños poidan vivir do seu traballo", manifestou Xulio Ferreiro, quen apostou pola innovación tecnolóxica como unha fonte de creación de emprego a medio-longo prazo. "Como Concello temos que esforzarnos de forma especial cos colectivos como os menores de 30 con menos formación, ou colectivo de mulleres de máis de 45 anos, que teñen moitísimas dificultades de inserción, A vía é habilitar cursos de formación, que aumenten a súa capacidade de empregabilidade e lles dean a estas persoas a posibilidade de especializarse en certos ámbitos que poden crear emprego. Estamos dedicando máis recursos que nunca no Concello da Coruña desde que se teñen datos", incidiu Lema, quen lembrou que o Goberno local está a impulsar a posta en marcha dun Plan de Emprego Xuvenil e outro para mulleres.
Tal como avanzou o alcalde ao remate da sesión, o vindeiro encontro 'Dillo Ti' terá lugar no centro cívico de Monelos o 5 de novembro.