“Para absorber coñecementos, pero sobre todo para impregnarse de valores como a solidariedade e o respecto pola diversidade”
O alcalde salienta a “oportunidade” que deu ao alumnado a primeira edición de ‘Idiomas do mundo’
Xulio Ferreiro e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, recibiron esta tarde en María Pita aos e ás estudantes que participaron durante o verán no programa de inmersión lingüística e cultural, que foi gratuíto para un 72% dos e das beneficiarias a través das bolsas municipais
Fonte: Concello da Coruña | 19/09/2016
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, recibiron na tarde deste luns no pazo de María Pita aos e ás alumnas participantes na primeira edición de Idiomas do Mundo, o programa educativo impulsado polo Goberno local que, entre xullo e agosto, levou a preto dun cento de estudantes de 4º da ESO da cidade a vivir unha experiencia de inmersión lingüística e cultural en tres capitais europas como son Dublín, Berlín e Montpellier, "unha oportunidade para mergullarse noutra cultura, absorber coñecementos e, sobre todo, para impregnarse de valores como a solidariedade, a amizade ou o compañeirismo e o respecto á diversidade", indicou o rexedor.
En concreto, Idiomas do Mundo deu a oportunidade a un total de 96 rapaces e rapazas de vivir este proceso de inmersión lingüística durante catro semanas, co obxectivo de avanzar en linguas europeas como son o inglés, o francés e o alemán e de coñecer de preto unha nova cultura. Nesta primeira edición, un 72% do alumnado beneficiario participou na actividade a custo cero, ao obter unha bolsa completa do Concello para o mesmo, mentres que o resto das familias recibiron axudas de entre o 10% e o 50% do importe da praza, en función da súa renda. "Este Goberno local busca dar as maiores facilidades posibles ás familias, para que estas semanas no extranxeiro fosen unha grande oportunidade para os e as rapazas, pero non se transformasen nunha pesada carga económica para as familias. Neste Concello cremos que a riqueza verdadeira dun pobo está na capacidade que teña para xerar as mesmas oportunidades para todos e todas as súas habitantes", salientou a este respecto o alcalde, quen reafirmou a aposta municipal por "unha formación de calidade, e non guiada pola capacidade económica".
O programa, posto en marcha desde a Concellería de Xustiza Social e Coidados -que ten as competencias municipais en materia educativa-, incluía a estancia no país de destino, en réxime de pensión completa, os desprazamentos, as clases intensivas de idioma, a subministración de material para as mesmas e a realización de accións culturais e lúdicas, así como o seguimento e control da vida da alumna ou alumno, ademais dunha xornada preparatoria e unha proba do nivel académico, para a obtención do diploma correspondente, acreditativo das competencias lingüísticas acadadas. Á hora da concesión das bolsas, a concellería, que dirixe Silvia Cameán, incluíu como prioritario os criterios de xustiza social, para beneficiar ás familias con menor renda, de xeito que aquelas unidades cuxa renda per cápita anual inferior aos 8.387,15 euros obtivo a axuda completa.
"O meu desexo é que esta experiencia contribuíse ao o voso crecemento, tanto a nivel educativo como humano e persoal. Espero tamén que, se decidides marchar desta terra, por unha semanas ou por uns anos, o fagades sempre pola vosa propia vontade, e non movidos polas circunstancias económicas, como lle está pasando a miles de mozos e mozas", sinalou Ferreiro.