Para favorecer a igualdade e a cohesión social
O Concello impulsa un Plan de Acollida ás Persoas Migrantes
A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, recordou “o fondo compromiso do Goberno local coa sanidade pública e universal” na presentación, por parte de Médicos do Mundo, dun informe sobre a reforma sanitaria en Galicia
Fonte: Concello da Coruña | 15/09/206
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, avanzou este xoves que o Concello prepara un Plan de Acollida a Persoas Migrantes, dentro do compromiso do Goberno municipal co respecto dos dereitos deste colectivo de veciños e veciñas. "Neste momento estamos a elaborar os pregos para sacar a licitación este plan de acollemento que ten como obxectivo levar a cabo un traballo coordinado coas políticas e accións que está a impulsar o Concello para favorecer a igualdade de oportunidades e a cohesión social, así como coas entidades sociais que actúan neste eido", comentou a edil. "Queremos abordar con este plan un servizo que para nós é básico, como é o asesoramento e acompañamento de persoas migrantes, algo que xa levamos a cabo, pero que estará incluído de forma integral neste plan", indicou a concelleira. Así o manifestou na rolda de prensa na que participou co gallo da presentación, por parte de Médicos do Mundo, dun informe sobre os catro anos de reforma sanitaria en Galicia, traballo que leva a cabo unha avaliación do acceso das persoas migrantes aos servizos de saúde da comunidade durante o pasado ano. Ao fío, Fraga recordou "o compromiso que sempre amosou con este tema toda a cidade, como quedou referendando na vaga de apoios e ofrecementos da propia veciñanza cando decidimos dar os pasos necesarios para establecernos como Cidade Refuxio".
"Se estamos hoxe aquí --acompañando a Médicos do Mundo e outras entidades como Amnistía Internacional, Viraventos, o Foro Galego da Inmigración ou a Coordinadora Antiprivatización-- é polo fondo compromiso deste Concello, e da súa cidadanía, coa necesidade dunha sanidade pública universal, que por suposto tamén atenda a persoas migrantes, veciños e veciñas da Coruña", comentou a edil.
"Dende o Concello atendemos todas as demandas e vulneracións que se nos trasladan pero nós, como administración, demandamos o mesmo compromiso da Xunta e Goberno estatal, que teñen competencias na materia", explicou. "Hai moitas necesidades na cidade que precisan de compromiso de todas as institucións, vinculado co ámbito sanitario por exemplo, destacamos o que ocorre co Centro de Orientación Familiar (COF) do Ventorillo, ao que lle foi retirado polo Sergas en 2013 o servizo de atención xinecolóxica, o que derivou non só nunha falta de atención, senón na saturación do outro COF da cidade, situado en Orillamar", relatou. "A sanidade pública e universal ten que estar garantida, tamén para as persoas das que hoxe falamos, persoas migrantes que vén vulnerados os seus dereitos", dixo "O Concello da Coruña seguirá adiante co traballo que está a desenvolver neste eido e seguirá a manter unha colaboración permanente coas entidades sociais do ámbito. Así, recordamos ao resto de administracións públicas a necesidade de que teñan en conta esta situación e actúen",