a veciñanza poderá elixir entre 98 propostas en proxectos para a cidade
O proceso de Orzamentos Participativos abre o luns a fase de votación final
“O Concello está a punto de culminar o seu primeiro proceso de democracia directa”, salientou hoxe a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quen indicou que todas as achegas, tanto as viables como as que foron declaradas inviables, “son para o Goberno local unha ferramenta de traballo, ao representar desexos e necesidades da cidadanía e das entidades participantes”
Fonte: Concello da Coruña | 16/0-/2016
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou na mañá deste venres a nova fase na que entra o vindeiro luns o proceso de Orzamentos Participativos posto en marcha polo Goberno municipal para permitir á veciñanza decidir en que se empregará un millón de euros dos Presupostos municipais do ano 2017. "O Concello está a punto de culminar o seu primeiro proceso de democracia directa. Falamos de que a xente da Coruña decide directamente en que quere investir un millón de euros do Orzamento municipal" sinalou a responsable municipal, quen indicou que o proceso, inédito ata a data no Concello da Coruña, ten "carácter estrutural", polo que se repetirá durante os seguintes exercicios orzamentarios, e tamén "transversal", dado que implica a todas as áreas de goberno.
Nesta primeira edición, as persoas participantes poderán elixir entre as 98 propostas que foron consideradas viables polo equipo técnico municipal despois de someterse, ata onte mesmo, á fase valoración, e que se refiren tanto a proxectos de cidade como para barrios concretos. Como informou Delso, ao longo do proceso recibíronse na plataforma un total de 516 achegas, das que 362 pasaron a fase de priorización, e ata as 98 que conforman o catálogo final unha vez sometidas á análise, en función de criterios como o de pertencer o proxecto ás competenecias municipais, encadrarse no capítulo de Investimentos do Orzamento Xeral e non rebasar o máximo investimento dun millón de euros. "Pero todas as propostas feitas pola veciñanza son para o equipo de Goberno unha ferramenta de traballo de cara aos Orzamentos de 2017, xa que conteñen desexos e necesidades expresadas pola xente da cidade, tanto persoas individuais como entidades que tamén participaron no proceso; todas son de interese para o Goberno local", subliñou a concelleira, animando a aquelas persoas cuxas achegas foron declaradas inviables a prestar apoio a algunha das que si poden ser votadas, e que xa se poden consultar a través da plataforma dixital habilitada (www.aportaaberta.coruna.es).
Nesta fase do proceso, que se manterá entre o vindeiro luns, día 19, e o 30 deste mes, as persoas que queiran participar poderán elixir na plataforma unha ou varias das achegas que resultaron seleccionadas ao longo das fases previas, por ter recabado máis apoios e axustarse aos requirimentos do proceso. Deste xeito, e como indicou Delso, "cada persoa conta cun presuposto dun millón de euros e pode elixir investilo nunha única proposta que teña ese custo, ou repartilo entre varias ata completar ese investimento máximo". Como tamén apuntou a responsable municipal de Participación, nesta fase do procedemento poden votar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas na Coruña, tanto se xa interviron en fases previas deste proceso participativo como se se incorporan nesta fase de votación, para o que deberán rexistrarse na plataforma. Neste sentido, Delso salientou hoxe a "implicación que está a ter a mocidade". Como vén ocorrendo desde o inicio do proceso, os e as veciñas que queiran usar a plataforma acompañadas teñen a posibilidade de acudir ao CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil) e ás bibliotecas municipais, que teñen ao seu persoal á disposición e que, como valorou Delso, "están a desenvolver un rol fundamental, tanto de mediación como de información". Finalizado o período para votar, as propostas serán ordenadas por número de apoios. A selección final, composta dun único proxecto ou varios -en función do investimento e votos de cada un deles- pasará a integrarse "de forma vinculante" no proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello para o ano que vén.