Urbanismo

Unha faixa de dez metros para a marcha contra a especulación

A manifestación do domingo arrancará na Palloza ás 12.00 horas baixo o lema RECUPERAR PARA O POBO O QUE É HISTORICAMENTE DA CORUÑA

Unha faixa de dez metros para a marcha contra a especulación
Rolda de prensa na Casares Quiroga da Comisión en Defesa do Común
Rolda de prensa na Casares Quiroga da Comisión en Defesa do Común.

“Imos ter que levar unha faixa de dez metros de lonxitude para que colleran todos os lemas reivindicativos”, explica Manuel Monge, un dos portavoces da Comisión Aberta en Defensa do Común,antes de comezar a rolda de prensa desta mañá na Casares Quiroga. Hai máis xente ao outro lado da mesa –están catro dos portavoces, e detrás, de pé, representantes de Comisións Obreiras, a CIG e o Bloque–. Poucos xornalistas, un par de dixitais, Radio Nacional de España e un fotógrafo.

Os lemas coas reivindicacións serán os que encabezan o manifesto que publicamos aquí o mércores. Pídese recuperar o cárcere e terreos e peiraos portuarios para afastalos da especulación urbanística que, como no caso doutras cidades, pechou Coruña ao mar durante o último medio século.

A Comisión Aberta anda apurando estes días o traballo. Coladas de carteis, reparto de folletos, coordinación cos distintos colectivos –“haberá liberdade para que cada un leve os seus símbolos, pero detrás da faixa principal”, sinala Ricardo Vales, outro dos portavoces– e recollida de sinaturas. Haberá mesas no centro da cidade até o domingo. As adhesións, oito mil rexistradas até hoxe xoves, inciden na demanda da plataforma. “Non imos pagar polo que é noso”, advirte Manuel Monge mentres le o texto que levan as sinaturas no que se recorda que os terreos foron espoliados polos gañadores da Guerra Civil.

Iniciativa do goberno municipal

Despois da tensión vivida esta semana na Comisión pola decisión de Marea Atlántica de facer un acto propio e levar a súa propia campaña de promoción da mobilización, o goberno municipal anunciou que mañá fará público un Bando de apoio á manifestación, tal e como se acordara no pleno. Ademais, Xiao Varela avanzou que mañá venres a Xunta de Goberno local dará luz ver á “modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña no que atinxe ao parque deportivo actualmente ocupado polo complexo de A Solana”, o que fará posible "mudar a titularidade privada do espazo libre comprendido nesta parcela a titularidade pública”, segundo a nota de prensa do Concello.

A Coruña non se vende-min


 

Unha faixa de dez metros para a marcha contra a especulación