Pleno municipal

Coruña aproba converter os terreos do campo da Grela en solo para Estrella Galicia

Os orzamentos saen adiante cunha rebaixa de 7,3 millóns e cos votos a favor do PSOE.

Coruña aproba converter os terreos do campo da Grela en solo para Estrella Galicia
Pleno municipal da Coruña do 8 de maio
Pleno municipal da Coruña do 8 de maio.

As contas aprobáronse no pleno de hoxe, tres meses despois da moción de confianza do pasado 4 de febreiro. O ditame da comisión de Facenda sobre as reclamacións ao proxecto de orzamentos saíu adiante cunha rebaixa de 7,3 millóns de euros con respecto ao proxecto proposto polo grupo de goberno. As rebaixas obedecen a un recorte na estimación dos ingresos de 5,6 millóns de euros (4 millóns proceden de anular a previsión dos dividendos de Emalcsa e 1,6 millóns atenden á redución das previsións de ingresos de varios tributos).

O pleno tamén deu luz verde a modificacións puntuais do PXOM de carácter definitivo, que posibilitarán tanto a posta en marcha da residencia universitaria no colexio Calvo Sotelo como a mellora de equipamentos deportivos e a ampliación de solo industrial no polígono da Grela. Deuse o visto e prace definitivo ao cambio de uso do actual terreo no que se asenta o campo de fútbol de Agrela II de dotacional deportivo a industrial. Esta modificación permitirá a ampliación das instalacións de Estrella Galicia, mentres será mellorado o campo de fútbol de Eirís.

Moción a favor da dotación de servizos sanitarios nos barrios

Foi apoiada por unanimidade unha moción do BNG que solicitaba instar ás administracións con competencias a que doten dos servizos sanitarios necesarios a distintos barrios da cidade como o Birloque, Someso, Monte Patelo, As Rañas, Vío, Novo Mesoiro, Feáns, Mesoiro, Pocomaco, Urbanización Breogán e outros núcleos máis dispersos dentro do municipio.

ETA e Venezuela

O pleno aprobou de forma unánime unha moción presentada polo grupo municipal socialista de recordo e recoñecemento aos tres coruñeses que foron asasinados pola banda terrorista ETA en 1973. Tamén saíu aprobada unha moción do PP co apoio dos e das integrantes do seu grupo e do socialista, a abstención do grupo de Goberno e o voto en contra do BNG, na que instaba ao Pleno a manifestarse "en contra da insostible situación en Venezuela, que afecta a miles de galegos".


 

Coruña aproba converter os terreos do campo da Grela en solo para Estrella Galicia