Creación dun Comité Técnico "que represente á veciñanza e ao tecido asociativo da cidade"

O Goberno local propón reformar o regulamento de Participación Cidadá

A concelleira Claudia Delso aposta por “abordar dun xeito eficaz e coherente” a reformulación da normativa “e adaptala á epoca actual, coa participación directa da cidadanía”

O Goberno local propón reformar o regulamento de Participación Cidadá
participación
participación

Fonte: Concello da Coruña | 27/09/2016

O Goberno local convocou na mañá deste martes a xuntanza da Comisión de reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, co obxectivo de abordar a modificación do regulamento aprobado no ano 2004. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou esta mañá o compromiso do executivo coruñés coa reformulación da norma, "unha medida que está na súa axenda desde o primeiro día", e presentou unha proposta para "abordar dun xeito eficaz e resolutivo" a modificación mediante a posta en marcha dun proceso participativo "transparente e horizontal, que implique a toda a cidadanía ". Para isto, o Goberno local propón a creación dunhas xornadas públicas e dun Comité Técnico de Planificación Cidadá que, conformado por membros da sociedade civil, persoal municipal, representantes políticos e académicos, "garanta a participación da veciñanza no proceso, vele polo seu desenvolvemento, estude e avalíe os seus resultados, e eleve á comisión unha proposta concreta de novo ROPC para a cidade", dixo a edil.  

"Este Goberno é coherente co seu mandato e quere implantar políticas de participación reais, e por iso hoxe propoñe unha nova folla de ruta, cun marco adaptado ao momento no que vivimos, no que se contemplan mecanismos de democracia directa", explica Delso, "así como unha calendarización do traballo e a creación dun órgano que garanta que esta reformulación se levará a termo".

O Comité de Planificación, que se podería constituir o próximo mes de outubro, aparece recollido do actual ROPC. Segundo a documentación que a concelleira achegou ás asistentes a reunión, o novo órgano de participación, "baseado na pluralidade e diversidade do propio municipio", contaría con representantes das principais entidades da cidade, agrupadas segundo criterios sectoriais, membros dos distintos partidos que forman parte da Corporación municipal, persoal técnico municipal e profesionais con experiencia en participación procedentes do ámbito académico. "O obxectivo deste Comité", indica a titular de Innovación Democrática, "non é só que os grupos municipais poidan debatir as ideas e propostas, senón que represente os intereses xerais e específicos da cidadanía, no que tamén esté presente a Universidade ou as entidades veciñais para garantir a súa diversidade".

Neste sentido, ao respecto da proposta metodolóxica, o executivo municipal propón convocar unha reunión informativa coas entidades sociais da cidade, na que se plantexe o proxecto e se presente a folla de ruta, calendario, metodoloxía e contidos. As entidades serán as responsables de nomear ás e aos seus propios representantes e, tras unha segunda reunión informativa, terá lugar a constitución do Comité. Para asegurar o correcto funcionamento de todo este proceso, así como o desenvolvemento do traballo do novo órgano, o persoal ténico de Participación Cidadá do Concello realizará seguimento do mesmo, coa asistencia de profesionais da facilitación.  

A Comisión debatirá a proposta do Goberno local, "aberta ás achegas dos grupos", reitera a concelleira, a vindeira semana nunha nova xuntanza. "A proposta presentada, tanto no seu concepto como metodoloxía, responde á realidade da Coruña. Se todos os grupos estamos honestamente comprometidos coa participación cidadá, esta proposta, que é factible, permitirá abordar de xeito eficiente a modificación do ROPC", afirma.

O Goberno local propón reformar o regulamento de Participación Cidadá