Un espazo para a promoción de emprego

O Goberno municipal aprobará a ordenanza que posibilitará a apertura do viveiro de empresas do Papagaio

O acordo acadado sobre as bases reguladoras (que agora pasarán pola Xunta de Goberno) posibilitará o visto e prace definitivo á Ordenanza de Prezo Público deste novo centro municipal, que terá entre os colectivos de atención preferentes a mulleres, menores de 30 anos e persoas con diversidades e en situación de desemprego

O Goberno municipal aprobará a ordenanza que posibilitará a apertura do viveiro de empresas do Papagaio
papagaio
papagaio

Fonte: Concello da Coruña | 18/07/2016

O Goberno municipal sacará adiante en Pleno a Ordenanza de prezo público do viveiro de empresas do Papagaio que posibilita, por tanto, a apertura deste novo centro municipal destinado a albergar proxectos emprendedores xerados na cidade. A aprobación na Cámara municipal será posible en base ao acordo chegado polo grupo de Goberno coa oposición (nomeadamente o PSOE) con respecto as bases reguladoras que rexen o proceso de admisión ao centro ACCEDE Papagaio. Prevese que as citadas bases sexan ratificadas coa súa aprobación por parte da Xunta de Goberno local.

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou que "o que persegue o Goberno local coa posta en marcha deste centro é promover o desenvolvemento económico local a través do apoio e o fomento de iniciativas empresariais marcadas especialmente pola innovación". "Este procedemento dará como resultado a creación de emprego e o aumento da riqueza do tecido produtivo da cidade", comentou.

ACCEDE Papagaio faciltará as persoas que o soliciten e resulten beneficiarias, a posibilidade de dispoñer dun espazo de traballo dotado dunha serie de servizos e infraestruturas comúns. "Cremos que é importante propiciar a relación con outras empresas e profesionais nun mesmo entorno, de forma que esteamos dando máis oportunidades de consolidar o crecemento", comentou. "O fin deste viveiro de empresas é impulsar a creación de novas entidades, en especial aquelas que basean a súa actividade no ámbito tecnolóxico, así como fomentar a cultura colaborativa, apoiar e asesorar as persoas emprendedoras e crear espazos de reflexión, participación e cooperación de todos os actores implicados na promoción económica da cidade", comenta o responsable municipal.

Incubadora e preincubadora de proxectos

Tal e como se recolle nas bases reguladoras do centro ACCEDE Papagaio acordadas a pasada semana, o centro municipal contará con diversas zonas, como o ESPAZO EMPRENDE, con carácter de preincubadora de proxectos, para atender preferentemente a persoas emprendedoras que queiran crear a súa empresa; o ESPAZO CRECE, con carácter de incubadora, para persoas emprendedoras que xa teñen a súa empresa en funcionamento e queren consolidar o seu proxecto; o ESPAZO NUBE, para emprendedoras externas que non permanezan de xeito continuado no centro, e o ESPAZO CONECTA, unha zona que estará destinada a potenciar o networking, as charlas e o intercambio de información de servizos e empresas. Ademais, o centro conta con zonas comúns como salas de reunións ou espazos de intercambio e formación.

Así, poderán demandar optar ao uso destas instalacións aquelas persoas que estean a desenvolver un proxecto emprendedor e a aquelas persoas cuxa empresa non leve máis de dous anos en situación de alta censal e que, comezando a súa actividade empresarial "precisen de apoio especial para mellorar as súas expectativas". A cesión de espazo para un mesmo proxecto empresarial está limitada a un máximo de cinco módulos distintos do viveiro de empresas. As bases tamén estabelecen que a utilización de espazos e servizos de ACCEDE Papagaio rexerase por un sistema de convocatoria aberta e de carácter permanente.

O acordo acadado coas bases reguladoras deste centro empresarial tamén estabelece que haberá unha Comisión Técnica encargada de avaliar os proxectos daquelas persoas que queiran asentarse no viveiro do Papagaio. Este órgano estará conformado por persoal municipal, ademais de representes da Universidade da Coruña, o IGAPE, a Cámara de Comercio e entidades do sector privado especializadas en materia de emprendemento. Lema destaca que "estas bases reguladoras indican que o Concello considerará colectivos de atención preferente a mulleres, persoas menores de 30 anos, en situación de desemprego ou que presenten algunha diversidade".

O Goberno municipal aprobará a ordenanza que posibilitará a apertura do viveiro de empresas do Papagaio