Levará a cabo una análise técnica e económica das propostas máis apoiadas pola cidadanía

O proceso de Orzamentos Participativos abre a súa fase de avaliación

Este novo estadio do procedemento co que a veciñanza decidirá de forma directa en que inviste un millón de euros nos presupostos de 2017 estenderase até o 15 de setembro e precederá a unha votación final das achegas viables. As propostas realizadas pola cidadanía recibiron máis de 13.000 adhesións durante a fase de apoios

O proceso de Orzamentos Participativos abre a súa fase de avaliación
Claudia
Claudia Delso, Concelleira de Participación

Fonte: Concello da Coruña | 18/07/2016

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, vén de presentar en rolda de prensa a nova fase que se abre este luns 18 de xullo e que se estenderá até o 15 de setembro dentro do proceso de Orzamentos Participativos, procedemento polo que a cidadanía poderá decidir de xeito directo o destino de inversión dun millón de euros nos presupostos municipais de 2017. En concreto, e segundo comentou a responsable municipal, nesta nova fase, os servizos do Concello "estudarán polo miúdo as propostas máis apoiadas pola cidadanía de cara a unha votación final que se realizará no mes de setembro". Ao longo destes dous meses, realizarase unha valoración "tanto técnica como económica" das achegas da veciñanza que recabaron máis votos favorables través da ferramenta dixital que dá soporte ao proceso,www.aportaaberta.coruna.es. A cidadanía poderá non obstante, continuar a ver e a comentar as propostas, a través deste sitio web.

"Todo este proceso o que está a demostrar é que a cidadanía da Coruña quere orzamentos participativos, e como unha vez que se abre a porta a veciñanza entra e as persoas fan uso dos seus dereitos, dende a Concellería de Participación e dende o Goberno local comprometémonos a seguir traballando de cara aos presupostos de 2018 para incrementar a contía destinada a este proceso de decisión directa, e incluso a ver os capítulos de gasto aos que se atribúe este proxecto", explicou a concelleira. "A cidadanía ten desexo e necesidade de participar a través de mecanismos de democracia directa. Coñece a súa cidade, coñece os seus barrios e tamén as súas necesidades", comentou.

Delso exemplificou a boa acollida e o interese que desperta este proceso de Orzamentos Participativos. "Na pasada fase deste procedemento, as distintas propostas formuladas pola cidadanía recibiron 13.082 apoios, e a plataforma web que sostén todo o procedemento recibiu un total de 18.643 visitas, entre o 7 de xuño e o 15 de xullo, período no que se levou a cabo tanto a fase de achegas da cidadanía, como a fase de apoios", comentou. A concelleira recordou que durante a fase de achegas (que se desenvolveu entre o 7 e o 23 de xuño), os servizos municipais recibiron un total de 516 propostas de investimento nos Orzamentos Participativos, das cales 362 do total foron consideradas viables. Estas foron as propostas que neste último estadio veñen de recibir os apoios de toda a veciñanza da Coruña maior de 16 anos que quixo participar.

As propostas e os votos da cidadanía

A concelleira de Participación explicou aos medios que existen unha serie de temas "que soen ser recorrentes", tanto nas achegas que fai a cidadanía, como nos apoios que reparte. "As que reciben máis votos teñen que ver coa implantación de zonas verdes, carril bici, mobiliario urbano, transporte público, parques infantís e equipamento deportivo e peonalizacións, entre outras", explicou. Dentro de todos estes temas, a cidadanía que participou neste proceso, sitúa entre as dez propostas máis relevantes as seguintes: o proxecto O Gran Bosque da Coruña, a creación dunha rede de vías ciclables, actuacións no actigo cárcere, ampliación do número de árbores e zonas verdes da cidade, recuperación do carril bus, sendas ciclables seguras entre barrios e ramais da periferia, xestión da tarxeta Millenium a través do móbil, creación dunha APP de incidencias, aumento de árbores nas rúas nda cidade, e a posta en funcionamento de máquinas de reciclaxe de envases de plástico, latas e vidro.

"Agora, unha vez rematada a fase de apoios, na que tanto as persoas que fixeron propostas como as que decidiron apoiar as achegas doutras persoas, situaron as mesmas nunha orde de prioridade, as traballadoras e traballadores revisarán por un lado a viabilidade técnica, xurídica e administrativa das propostas, á vez que analizarán o seu custo aproximado", indicou a edil. "Os Orzamentos Participativos son unha proposta, con vocación estrutural, de todo o Goberno, polo que todas as áreas municipais están volcadas neste proceso, e todas colaboran e analizarán as diversas propostas votadas pola cidadanía", explicou Delso, que destacou especiamente o traballo desenvolvido polas áreas de Rexeneración Urbana, Mobilidade, Medio Ambiente e Innovación Tecnolóxica.

"Na primeira fase xa se levou a cabo un filtro das propostas, por parte tanto de persoal municipal de Participación como de Rexeneración Urbana, no que se analizou se as achegas da cidanía se axustaban realmente ás competencias municipais e se eran realmente investimentos. Agora comezaremos a analizar polo miúdo aquelas que foron máis votadas pola cidadanía, de cara a penúltima fase de todo este proceso de Orzamentos Participativos, no que se levará a cabo a fase final de votación", subliñou.

O proceso de Orzamentos Participativos abre a súa fase de avaliación