Unha medida que "desde hoxe é unha realidade, por xusta e por necesaria"
O Pleno municipal da o visto bó definitivo á Renda Social Municipal
"Nun momento como o actual, con tantas persoas en situación de vulnerabilidade, articular ferramentas transformadoras das políticas sociais municipais é unha obriga e unha responsabilidade para os gobernos, que se deben por enteiro á súa veciñanza. A pobreza non é unha cuestión individual, senón de vergoña colectiva", salientou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán
Fonte: Concello da Coruña | 12/08/2016
O Pleno da Corporación municipal deu na mañá deste venres, en sesión extraordinaria, a aprobación definitiva á ordenanza da Renda Social Municipal, unha prestación económica periódica asociada a itinerarios de inclusión sociolaboral, que se dirixe a aquelas persoas residentes da Coruña que se atopen en situación de vulnerabilidade social -e non perciban outras axudas como a Risga (A Renda de Inclusión Social de Galicia)-, e destinada a cubrir as súas necesidades máis básicas, como o aloxamento ou a comida, ao tempo que se presta apoio para que as persoas beneficiarias poidan recuperar a súa autonomía vital. "Entendemos que nun momento como actual, con moitas persoas en situación de vulnerabilidade, articular ferramentas como a Renda Social, transformadoras da política social municipal, non só é unha responsabilidade, senón tamén unha obriga, como representantes que somos das nosas veciñas e veciños. As políticas sociais deben ser unha guía para calquera goberno decente, que se debe por enteiro á súa veciñanza", salientou durante a súa intervención a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, quen recalcou o carácter prestacional que poderá ter esta axuda municipal. "Incrementar unha partida de axudas de emerxencia social non é suficiente. O social é moito máis que aumentar unha partida, é poñer ás persoas no epicentro das políticas. Esta renda vaise aprobar e desde hoxe vai ser unha realidade, por xusta e por necesaria", subliñou.
O proxecto recibiu o visto bó definitivo cos votos favorables do PSOE e o BNG, ademais dos do grupo de Goberno, e coa abstención do PP, o que permite a súa posta en funcionamento inminente, despois de que a Corporación aprobase de forma inicial a medida no pleno do pasado mes de xuño e recollese unha serie de medidas durante o período de alegacións. Delas, a responsable municipal de Xustiza Social destacou a posibilidade de que as persoas inmigrantes en situación irregular teñan posibilidade de acceder a esta axuda, ao terse retirado do articulado o requisito de residencia legal das persoas beneficiarias, unha mellora que se inclúe despois dunha análise xurídica que reafirmou o seu encaixe.
O Goberno local reserva este ano 2,1 millóns de euros á Renda Social Municipal, un proxecto que, segundo as estimacións municipais, poderá axudar a preto de mil familias a recobrar a autonomía. A ordenanza establece que o pagamento da prestación económica terá un máximo de 18 meses, e sempre estará vinculado ao establecemento de itinerarios de inclusión activa orientados ao logro da mellora persoal e social das persoas beneficiarias, así como a súa unidade de convivencia. A contía máxima da axuda será o 100% do IPREM -o indicador estatal de referencia para a prestación de axudas sociais- para unidades de convivencia dun único membro e irá aumentando en 20 puntos porcentuais por convivinte adicional até un máximo do 200% do IPREM. Para poder acceder á prestación, as veciñas e veciños solicitantes deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles, estar empadroados na cidade, ser maiores de 18 anos, atoparse nunha situación de vulnerabilidade social e colaborar en itinerarios de inclusión social que tutelarán as traballadoras sociais de referencia. "Esta ordenanda nace cun obxectivo -sinalou Cameán-, que é rescatar á xente. Entendemos que a pobreza non é unha cuestión individual senón de vergoña colectiva".
A norma aprobada incorpora tamén a creación dun Consello Sectorial de Inclusión Social, no que poderán estar integrados representantes do Goberno local e do resto da corporación, así como persoas e colectivos de especial relevancia social e entidades cívicas, e pasa a considerar o transporte como unha "necesidade básica". "A participación veu da man deste Goberno local; esta ordenanza vai existir un consenso porque xamais tantas entidades puideron participar nela", valorou a concelleira, quen agradeceu o traballo e a implicación de todos os profesionais e colectivos implicados na posta en marcha da ordenanza. A este respecto, o alcalde da Coruña, ao remate do Pleno, saudou tamén a "mostra de colaboración" que supón a aprobación da Renda Social Municipal. "É unha boísima noticia da que estamos plenamente satisfeitos e é unha mostra de que cando hai persoas con ganas de traballar e lle botan horas, que saben que a prioridade aquí e sacar os proxectos adiante, as cousas funcionan", destacou, en alusión á implicación dos grupos municipais do PSOE e o BNG na elaboración da ordenanza.
Aprobación inicial da nova ordenanza da ORA
Igualmente, o plenario deu este venres a aprobación inicial á nova ordenanza reguladora da Ordenación e Regulación do Aparcadoiro, a ORA, así como da ordenanza que regula a taxa do estacionamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas, que recibiron os votos favorables do equipo de Goberno e a abstención do BNG e o PSOE e PP. Como principal novidade, a nova ordenanza incorpora a posibilidade de anular os avisos de denuncia por exceso do tempo de estacionamento permitido en zona ORA ou por falta de autorización para aparcar nun destes espazos, sempre que non se excedan un tempo limitado, a través do pagamento duns importes de entre 1,5 e 6 euros.
Por outra parte, a Corporación rexeitou, cos votos en contra de PSOE, PP e BNG, o expediente levado á sesión polo Goberno local para o recoñecemento extraxudicial de obrigas, de concesión de créditos extraordinarios, suplementos de crédito, baixas por anulación de créditos, modificación dos anexos de investimentos e de subvencións nominativas do Orzamento de 2016, un modificativo por un importe de 2,405 millóns de euros.