Entrevista | Isabel Lema

"A Xunta vulnerou o noso dereito á liberdade de expresión"

Esta semana coñecíase a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que dá a razón a CUAC FM, emisora comunitaria coruñesa á que a Xunta prohibira seguir emitindo a través do dial, e estipula que a radio ten dereito a volver ás ondas nas que empezou hai vinte e dous anos. Isabel Lema, membro do consello coordinador da emisora, di que teñen a sensación de que na defensa da liberdade de comunicación non se atopan sós.

"A Xunta vulnerou o noso dereito á liberdade de expresión"
IMG_20181031_212418_143
#CuacVolve tras a asemblea do 31 de Outubro

Adiante.galFederico Mederos 

A Coruña | 2 de novembro. 

Despois de máis de un ano, como valorades esta sentenza?

En primeiro lugar temos a sensación de que por fin se fixo xustiza. Tivo que ser a xustiza quen faga xustiza, nunca mellor dito. Lamentamos que se tivera que recorrer aos tribunais para que a Administración facilitase que CUAC FM puidese seguir emitindo. Ao final conseguímolo. Isto significa que non estamos sós, que non estamos tolas, senón que non só somos nós, que somos unha minoría que está a defender o dereito da cidadanía á liberdade de expresión. E non só estamos nós a reivindicar este dereito, tamén a Fiscalía, os xuíces, o TSXG neste caso, dannos a razón despois de moito tempo.

Como foron eses meses emitindo soamente por Internet?

A verdade é que podería ter sido peor, no sentido de que a maioría da xente que escoita a radio escóitaa por un receptor habitual, é dicir, no coche, na casa nun transistor… Daquela, que a nosa audiencia fixera o esforzo de descargala aplicación, ir á web, escoitarnos… ao principio parecíanos que era un reto. Doutra banda, todos os programas que facemos están feitos por diferentes colectivos sociais e persoas a título individual, e tiñamos algunhas dúbidas á hora de pensar como iamos seguir traballando con esta xente en Internet, cando a maioría escoitamos a radio en aparellos normais e correntes. Nese sentido estamos moi contentas de que despois dun ano e un mes teñamos tanta xente ou máis que antes escoitándonos, facendo programas, cos mesmos ou incluso máis socios, e de que a repercusión mediática e social que temos, especialmente na Coruña, sexa notoria. CUAC é patrimonio de todos, e esta sentenza xudicial o que fai é recoñecer o que xa sabe todo o mundo: que CUAC é un medio de comunicación comunitario sen ánimo de lucro que presta un servizo á cidadanía. Non esquezamos que a Xunta nos seus escritos insinuaba que non restrinxira o noso dereito á liberdade de expresión porque emitiamos por Internet, pero é que a liberdade de expresión é en calquera medio, non só no dixital. Creo que tras este período saímos reforzados, e agora mesmo a asociación está eufórica.

Ábrese o camiño para que a Xunta cumpra a lei e finalmente outorgue a licenza?

A sentenza o que recoñece son tres puntos importantes. O primeiro é que, efectivamente, existe un dereito fundamental que é o dereito á liberdade de expresión e de comunicación. A sentenza recoñece que existe o dereito para acceder á propiedade dos medios de comunicación e ao acceso a calquera espazo de comunicación dispoñible. É dicir, recoñécesenos o dereito a existir, a estar aí, e a unhas condicións de igualdade e dignidade. En segundo lugar a sentenza di que a Xunta vulnerou o noso dereito á liberdade de expresión con esa resolución xudicial de antes do verán na que se nos advertía que, a pesar de que non incumpriamos a lexislación, non podiamos seguir emitindo, e que se o seguiamos facendo debiamos aternos ás consecuencias. O que di o tribunal é que a Xunta non pode facer isto, e xa o dicía tamén o Fiscal Xeral do Estado. A Administración non pode ameazar cunha futura imposición. En terceiro lugar, o que di é que, salvo que haxa algunha xustificación fundamentada de que non cumprimos os requisitos, por agora temos recoñecida unha autorización provisional de emisión. Entendemos que o TSXG recoñece o noso dereito a emitir, e ímolo a facer. De feito é o que aprobamos. Onte mesmo empezaron as emisións en proba, e esta mesma semana imos empezar as emisións. Imos facer un programa especial mañá sábado, igual que o fixemos antes de ter que parar. O noso desexo é que impere a cordura e que á Xunta non recorra unha sentenza do TSXG que recoñece un dereito fundamental que estaba a ser vulnerado. Non me quero imaxinar cal vai ser o razoamento de Feijóo e da Secretaría Xeral de Medios para recorrer unha sentenza que recoñece o dereito fundamental de liberdade de expresión para un medio que emite xustamente na cidade onde o presidente vive.

“Nós non somos xornalistas, CUAC non fai xornalismo, CUAC fai comunicación social, CUAC pon a disposición de toda a cidadanía os seus micrófonos para que conte o que queiran, e dá voz a quen non a ten”.

Desde a vosa experiencia, cales creedes que son os riscos de exercer un xornalismo comprometido nun contexto de represión á liberdade de expresión?

Desde logo sacamos moitas leccións. Aprendemos moito ao longo do camiño, porque CUAC ten 22 anos de historia, que non é pouco. Nós non somos xornalistas, CUAC non fai xornalismo, CUAC fai comunicación social, CUAC pon a disposición de toda a cidadanía os seus micrófonos para que conte o que queiran, e CUAC dá voz a quen non a ten. A nosa é unha aprendizaxe ao redor da idea de como a cidadanía pode defender os seus dereitos, que ten que facer para defendelos. Non é un dereito como profesionais como teñen outros, por exemplo os xornalistas da Televisión de Galicia que están a sufrir a censura nas súas propias entidades, a quen mostramos a nosa solidariedade. No noso caso non é ese o contexto, senón que é moito máis amplo, máis plural. É o contexto de recoñecer á cidadanía como axente directo da comunicación. E non tiñamos tampouco as ferramentas que teñen os sindicatos e colexios profesionais, polo que tivemos que formarnos moito. Tivemos que aprender, cales eran os nosos dereitos, como podiamos defendelos, e como exercer a presión social, mediática, política e institucional para poder reivindicar os nosos dereitos. E, en última instancia, tivemos que acudir aos tribunais, o cal comporta a súa complicación, porque a linguaxe xurídica non é unha linguaxe común para a cidadanía, e niso tamén nos tivemos que poñer as pilas. Contamos con apoio de avogados, procuradores, e expertos en dereito comunicacional que nos axudaron moito, pero tamén nós mesmas levamos adiante un proceso de aprendizaxe. E todo isto significou un exemplo de empoderamento comunitario.

Que lugar hai para medios alternativos en Galicia?

CUAC FM é un medio sen ánimo de lucro, polo que non busca unha rendibilidade económica, senón a súa sustentabilidade. Nós consideramos que os medios que representan á cidadanía e que permiten o exercicio dun dereito deben de contar con apoio social e institucional. Entón cremos que as administracións, no canto de poñer impedimentos, deberían favorecer e sementar o terreo para que este tipo de iniciativas proliferen. Hai moi poucas radios comunitarias en Galiza. Se vemos unha rexión como a nosa en Francia, Alemaña, ou Inglaterra, non veriamos cinco emisoras, veriamos dez ou quince, e iso é porque contan cun contexto favorable. E non se traduce soamente en apoio económico, senón a través tamén doutras ferramentas. CUAC foi capaz de xerar alianzas con outras institucións que favoreceron que sexa unha emisora forte, economicamente independente, e socialmente autónoma, o cal é moi importante, porque senón talvez non poderiamos resistir. É vital contar cun apoio social forte que nun determinado momento pode condicionar o que poidas continuar coa túa actividade ou non.

"A Xunta vulnerou o noso dereito á liberdade de expresión"