Samaín
Aquí chamámolo Samaín
Ás cousas polo seu nome, que dirían algúns: a festa que celebramos o 31 de outubro en Galicia chámase Samaín ou, en gaélico, “Samhain” porque se trata dunha celebración de orixe celta.
Samhain” significa fin do verán. É dicir, o final da tempada de colleitas e a entrada cara a ese territorio escuro do inverno. Para os celtas era un momento importante e moi especial. Para eles o fin do ciclo e o comezo do novo facíase mediante unha noite de transición na que os espíritos dos mortos volvían ao mundo dos vivos. Así que aínda que era un día festivo, tampouco había que esquecer os perigos que entrañaba.
Esta clase de crenzas pagás estaban moi relacionadas coas tempadas das colleitas. A súa vida, sempre pendente do bo ou mal resultado da agricultura, interrompíase con distintas xornadas ao longo do ano. Eran importantes, pois estaban profundamente convencidos de que estas celebracións e ritos marcarían a senda proveitosa ou non do ano.
Moitos investigadores sinalan que o Halloween norteamericano provén desta celebración propia de Irlanda que, os colonos, levaron ao continente xunto a outros costumes típicos. En Galicia, Asturias e outras zonas de España mantivéronse moitas dos costumes que os moradores norteños deixaron ao seu paso, esta entre outras.
Máscaras, lume e calacús
Os pobos celtas, convencidos de que o 31 de outubro había que andarse ao mollo coas pantasmas, tomaban algunhas medidas de seguridade para que non se achegasen demasiado ou, mesmo, para telos contentos. Durante as celebracións acendíanse fogueiras que quedaban acendidas toda a noite para escorrentar aos inoportunos visitantes.
As castañas, como alimento que comezaba a aparecer na época, convertíase como hoxe nunha das protagonistas. Facían o seu propio magosto e, do mesmo xeito que fan hoxe os pequenos ante as chamuscadas castañas, pintábanse as caras, creando co tizne dos froitos, máscaras que os volvían irrecoñecibles para os espíritos. Este foi o comezo da nosa tradición de disfrazarnos en Samaín.
Hai máis tradición relacionada coas castañas. Segundo conta a lenda, por cada un destes froitos que un come, unha alma sálvase do purgatorio. Se sobraban algunhas, o mellor era deixalas nas portas das casas con outros tentenpiés e así aplacar a ira das ánimas con malas intencións. É dicir, truco ou trato?
Tamén había que protexer os fogares dos atacantes do máis aló. En tempos seguramente se usasen caveiras, pero cos anos, optaron por usar nabos e cabazas. Baleirábanse e os customizaban ata que se parecesen a cranios. Finalmente, poñían unha vela no seu interior para que velase toda a noite pola familia. En Galicia, ademais, temos unha variante das cabazas que é especialmente adecuada para Samaín polo seu tamaño: os calacús.
A santa compaña
En San Juan e en Samaín cobra máis forza que nunca una das lendas máis arraigadas en Galicia, a da Santa Compaña. A grandes liñas, esta é unha comitiva de ánimas encapuchadas, cun vivo á fronte que as guía. Este debe de levar unha cruz. O cheiro da cera das velas e o son dunha campá sinalan a aparición do desfile e, tal e como conta o mito, o mellor é non cruzarse con ela ou serás o seguinte en morrer. Portadores das máis funestas noticias, a comitiva espectral calou profundamente na nosa cultura e tradición. Aínda que agora xa non nos encerramos en casa a noite de Samaín para non cruzarnos coa Santa Compaña, como facían os galegos en tempos, poida que sexa unha das historias de pantasmas que máis nos poñen os pelos de punta na terra. Algúns din que se te cruzas con ela, debes buscar un cruceiro, facer un círculo, rezar ou… saír correndo.
Con calacús ou con cabazas, con castañas ou sen elas, mesmo aínda que non che gusten os disfraces… Samaín é un momento perfecto para gozar de algo moi noso. Trátase dunha tradición que sobreviviu século a século, sobrepoñéndose á romanización que converteu en cristiá a data e desde hai algúns anos moitos colectivos defenden a súa reivindicación como recordo das nosas raíces celtas.