Axenda cultural
A Carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei acolle este sábado a VI Edición do Convivio da Cultura Galega
A xornada de festa e encontro, ao redor da figura de Manuel María, está organizada pola Casa-Museo Manuel María e a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura
Outeiro de Rei, 9 de xullo de 2019.- Este sábado, día 13 de xullo, a Casa-Museo Manuel María, xunto á Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, levan a cabo, en Outeiro de Rei, a VI edición do Convivio da Cultura Galega. O Convivio, aberto a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base, pretende ser unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría da Santa Isabel de Outeiro de Rei, de foliadas e merendiñas. Todo isto ao redor da figura de Manuel María, alicerce fundamental na construción e dinamización do movemento cultural galego.
O Convivio dará comezo ás 11.30, na horta da Casa-Museo, coa acollida de todas as persoas participantes e a actuación do coro da asociación cultural e musical Solfa. Desde alí, sairase camiñando ao son das gaitas cara ao cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei onde haberá unha ofrenda floral a Manuel María, na que intervirá o arqueólogo e divulgador cultural Felipe Senén , para baixar logo á Carballeira de Santa Isabel. Ás 13 horas, a Banda Municipal de Música de Rábade-Begonte-Outeiro, “Sons e soños”, dirixida por Armando Morales Blanco,ofrecerá un concerto ao pé do río Miño e ás 14 horas será o momento para o xantar campestre demorado e colectivo (cada quen deberá traer a súa comida e comida). Após o xantar, ás 17 horas, será o momento para a foliada que estará dinamizada pola actriz Isabel Risco. As Pandeireteiras de Filseira; [email protected]; Reviravolta; Parabéns; Os da Tribo; Coitelo de Pau; e Birloque Gaiteiros porán a música para cantar e bailar.
Encontro da Federación de entidades culturais Galiza Cultura
No marco deste Convivio, as entidades culturais que forman parte da Federación Galiza Cultura terán un encontro, ás 12.15 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María para preparar o desenvolvemento de próximas iniciativas conxuntas.