Cultura
A Casa-Museo Manuel María convoca a II Edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais
Óptase por unha fórmula orixinal pois, ademais de asignar unha cantidade económica, garánteselle á compañía premiada un bo número de representacións grazas á colaboración de diferentes concellos.
Nesta edición duplícase a cuantía económica do premio
Outeiro de Rei, 21 de abril de 2020.- A Casa-Museo Manuel María convoca a IIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para compañías profesionais para o que fai públicas as bases que a rexerán (achéganse con esta nota).
O Certame, de periodicidade bienal, ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María. Poderanse presentar as compañías profesionais ou produtoras de teatro galegas, así como empresarios/as ou artistas a título individual que conten con cobertura de produción para a súa representación. A valoración dos proxectos realizarase atendendo tanto á súa calidade como a traxectoria da compañía e do elenco para levalo a cabo.
O certame supón a colaboración entre a Casa-Museo Manuel María e diferentes concellos e deputacións. Isto fai que presente unha fórmula absolutamente orixinal en canto que, por unha parte, a Casa-Museo achegará a cantidade de 4.000 euros (o dobre que na edición anterior) como axuda á produción do proxecto gañador e, pola outra, as institucións públicas comprométense a que o espectáculo se represente no seu ámbito territorial. A estas alturas, dado o contexto socio-sanitario que se está a vivir, non está pechado o número de concellos que van participar nesta segunda edición, mais desde a organización agárdase, cando menos, igualar os 26 da edición anterior.
A data límite para que as compañías presenten os seus proxectos é o 30 de setembro. Será en outubro cando a Comisión de Selección analizará os traballos presentados e, posteriormente, comunicará o proxecto gañador, cuxa compañía terá un prazo de dez meses para o producir. Por tanto, o espectáculo gañador estrearase a finais do ano 2021 e permanecerá nos escenarios durante o ano 2022.
Na primeira edición a Comisión de Selección, composta por Manuel Lourenzo, Quico Cadaval e Belén Pichel, recoñeceu como mellor proxecto o presentado por Teatro da Ramboia sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa do Bululú. Precisamente este espectáculo tivo que interromper a súa xira ao se declarar o estado de alarma pola pandemia do coronavirus, tendo que aprazar as súas representacións para cando as condicións o permitan.