Con grandes nomes das letras galegas e estranxeiras
O ciclo Poetas Di(n)versos inicia a súa novena tempada
A cita mensual coa poesía no centro Ágora retomará a súa actividade despois do período estival o próximo luns 23, coa participación de Hu Xudong e Mário Herrero
Concello da Coruña | 11/10/2017
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou esta mañá no Pazo de María Pita a programación do ciclo Poetas Di(n)versos para este outono, que comezará o vindeiro luns 23. Serán tres recitais, de periodicidade mensual, os que terán lugar neste último trimestre do ano, no que a cita estable coa poesía cumprirá o seu noveno ano consecutivo de actividade. Nesta ocasión, segundo avanzou o edil José Manuel Sande, o auditorio do centro Ágora acollerá as voces "de grandes nomes das letras galegas e estranxeiras", entre as que destacan Xosé Luís Méndez Ferrín, Joumana Haddad ou María Xosé Queizán. "De novo, a veciñanza terá oportunidade de gozar, dun xeito gratuíto e próximo, de grandes voces da literatura nun outono de palabras, libros e poesía", sinalou o concelleiro, quen lembrou que o ciclo complementa a aposta do goberno local polo sector editorial e literario, na que afondou este 2017 "coa posta en marcha dun proceso participativo coas librarías da cidade, ademais de ampliar a dotación económica na Feira do Libro", explicou Sande, "o que supuxo, ademais dun incremento notable de actividade do evento de cara á cidadanía, a promoción dun sector fundamental para o municipio".
O concelleiro estivo acompañado na presentación pola directora de Poetas Di(n)versos, Yolanda Castaño, quen cualificou como "flamante" a programación para este outono "unha ocasión única para gozar dunha nómina importante de autoras e autores no ciclo, que conta tamén coa presenza de librarías da cidade". Así, o luns 23 de outubro, o chinés Hu Xudong e o coruñés Mário Herrero iniciarán a tempada nunha sesión "que terá a lingua portuguesa como fío condutor", segundo expresou a directora. "Estamos a falar de autores de poéticas de enorme modernidade, nas que destacan ecos urbanos e carnais", salientou.
Xa no mes de novembro, será a quenda, tal e como sinalou a escritora, de "dous auténticos tótems da escritura chilena e galega". O chileno Raúl Zurita e o galego Xosé Luís Méndez Ferrín participarán no recital do luns 20, no que a veciñanza poderá escoitar "a voceiros da memoria do século XX construídas desde o compromiso e o activismo". Finalmente, o luns 10 de decembro, Poetas Di(n)versos ofrecerá unha sesión en feminino, coa participación "dunha das voces máis influíntes das mulleres árabes, a xornalista e poeta Joumana Haddad, así como do meirande referente do feminismo en Galicia, como é e María Xosé Queizán", afirmou Castaño. "Será unha velada na que a cidadanía poderá gozar das voces e letras de dúas das máis grandes pensadoras revolucionarias do momento", dixo.
Como é habitual, a cita coa poesía terá lugar, nas datas sinaladas, ás 20.30 horas e a sesión, aberta a todos os públicos, será dunha hora de duración. Ao finalizar, as librarías da cidade especializadas en poesía ofrecerán a oportunidade de adquirir exemplares das autoras e dos autores participantes no recital.