É un programa destinado a “expandir novas prácticas culturais e respostar ás demandas formativas da cidadanía”

A Concellería de Culturas pon en marcha o programa ‘Coruña Dixital’

O Concelleiro de Culturas, José Manuel Sande explicou que o programa arrincará este outono e contará con distintas actividades que “darán visibilidade aos colectivos, espazos e eventos da cidade onde poder experimentar coa cultura dixital”

A Concellería de Culturas pon en marcha o programa ‘Coruña Dixital’
corunadixital
corunadixital

Fuente: Concello da Coruña

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o programa municipal Coruña Dixital, "destinado a expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas a través das dixitais". O responsable municipal destacou a intención do Concello "de contribuír a dar resposta ás novas demandas culturais dunha parte da cidadanía". "A veciñanza non busca tan só consumir productos, senón que quere ser parte activa de contornas colaborativas, horizontais e abertas onde se compartan os coñecementos e recursos precisos para facer e experimentar por si mesmas, con novos procesos creativos", dixo. O programa arrincará na cidade este outono e terá continuidade o vindeiro ano aínda que, o programa conta dende hoxe con presenza na rede a través do sitio web corunadixital.gal, que nace para informar das actividades que se desenvolverán no municipio e que servirá tamén para "dar visibilidade aos colectivos, espazos e eventos da cidade onde inspirarse, aprender e experimentar xuntos e xuntas coa cultura dixital". As persoas que estean interesadas tamén poderán subscribirse a un boletín informativo para estar ao día de todas as novidades, ou coñecer as mesmas a través dos seus perfís en Facebook e Twitter (facebook.com/CorunaDixital e, no Twitter, @CorunaDixital).

O concelleiro avanzou que o reto desta iniciativa "é facer máis accesibles estas prácticas para ampliar os seus usos potenciais". Nesa liña, a cidade acollerá un Encontro Dixital o próximo 13 de setembro, o primeiro de Galicia con apoio institucional, de axentes e colectivos que traballan arredor destas prácticas de cultura dixital. Esta será a primeira actividade do programa, que permitirá amosar unha panorámica de experiencias, seleccionando as especialmente as distintas formas de traballo colectivo e implicadas coa realidade social máis próxima. Sande recordou que, dentro de Galicia, A Coruña é un dos territorios onde existen máis microcomunidades activas, en especial de colectivos 'maker' e de programación.

Actividades

O comisario do programa, o xestor cultural Sergio Lago, explicou queo programa de actividades para o último trimestre do ano busca complementar a oferta existente na cidade, "achegando novas visións e desenvolvendo procesos con voacións tranformadora". "Ademais do importante Encontro Dixital de setembro levaremos a cabo outras moitas actividades que se desenvolven en distintos bloques como o de creatividade dixital e novas narrantivas audiovisuais ou o de innovación social", expuxo. É o caso do Vídeo participativo Outras Coruñas, un proceso audiovisual participativo ao servizo das novas narrativas audiovisuais, que partirá de varios obradoiros para conformar un proxecto colectivo desenvolvido desde a colaboración. O resultado será un webdoc colectivo. En outono chegará tamén o Hackathon, un evento que reúne profesionais do deseño, a programación, o cinema e artistas doutros perfís, enfocados nas novas posibilidades narrativas de internet.

Tamén se impartirá unha charla e obradoiro sobre Realidade Virtual en 360º, tecnoloxía de gran actualidade nestes momentos, así como un encontro e obradoiro sobre as oportunidades e ferramentas para abrir os repositorios audiovisuais institucionais e comunitarios. Buscarase poñer en valor o patrimonio cultural material e inmaterial a través das novas tecnoloxías e o uso audiovisual.

No bloque de actividades relativo a innovación social, tecnoloxía e novas prácticas dixitais terá lugar un Ateneo Atlántico de Prototipado, lugar onde se levará a cabo un laboratorio intensivo aberto no que persoas creadoras, investigadoras e activistas xuntaranse nun clima de cooperación para compartir coñecementos e desenvolver proxectos transdisciplinares. Tamén terá lugar un Hackathon Coruña Dixital, unha experiencia que reúne esencialmente a programadores e programadoras pero que estará aberto a outros perfís nos que se experimenta con prototipos de aplicacións informáticas. Tamén terá lugar un obradoiro de ferramentas dixitais para o traballo colaborativo en rede dirixido a axentes dinamizadores e colectivos sociais.

Os detalles de cada actividade, así como as datas e formularios de inscrición iranse publicando na web do programa e nas súas canles de comunicación.

A Concellería de Culturas pon en marcha o programa ‘Coruña Dixital’