Disco recopilatorio
O Concello publica un novo álbum recopilatorio coa música dos grupos residentes nos Locais de Ensaio municipais
O volume pódese conseguir de balde en todos os centros da rede de bibliotecas municipais así como no Centro Municipal de Información Xuvenil
O Concello da Coruña vén de editar un novo disco recopilatorio que inclúe algúns dos traballos dos grupos usuarios dos Locais de Ensaio. O álbum, gravado nos propios estudos do servizo municipal, inclúe once cortes de música de diversos estilos, entre os que se atopan punk, indie, metal, trap ou rock, e que representan a gran variedade de estilos que se dan cita entre os grupos que forman parte do proxecto municipal. Así, neste novo disco, a veciñanza poderá observar a evolución de grupos veteranos dos locais, e que teñen participado en eventos como o Festival Noroeste Estrella Galicia ou no Festival Solidario Coruña en Directo, como son Ingravity, Harakiri, Proyecto Moucho, Reminders, Quetzal Rider ou Sala 5, Pero o CD recopilatorio tamén inclúe traballos de proxectos que están a iniciar a súa andaina no espazo municipal que se atopa no Coliseum, como Theta Waves, Quieta, Trípod3, Wondermind e Thacheesemakers.
O sétimo traballo recopilatorio dos grupos residentes nos Locais de Ensaio poderase conseguir desde mañá, martes 16, en todas as bibliotecas municipais da Coruña, no Centro Municipal de Información Xuvenil --situado no Fórum Metropolitano-- así como nos propios Locais de Ensaio, nos seus respectivos horarios de apertura.