"Rrevitalizará o vínculo cultural existente entre a cidade e o mundo mariño"
O Concello súmase á terceira de edición do Festival Mar de Mares,
O edil José Manuel Sande destaca que o encontro, que se celebrará entre o 21 de setembro e o 27 de novembro en distintas localizacións da cidade, “porá en valor a cultura científica”. A concelleira María García salienta a aposta do Festival “pola sensibilización e implicación activa da cidadanía na defensa e protección do litoral”
Fonte: Concello da Coruña | 6/09/2016
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñemento, José Manuel Sande, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, participaron esta mañá na presentación da terceira edición do Festival Mar de Mares, o encontro artístico, educativo e lúdico que xira arredor do mundo mariño e que se celebrará entre os días 21 e 25 de setembro na Coruña, e que prolongará a súa actividade ata o 27 de novembro. Este ano o festival, no que o Concello colabora a través das áreas de Culturas, Medio Ambiente e Igualdade, profundará na relación entre Galicia co mar, o uso sostible dos recursos mariños, e no papel da muller na investigación ou deportes náuticos. O responsable de Culturas destacou a "interesante relación" que o festival establece entre o mar e a cidade, "ao revitalizar o vínculo cultural histórico existente entre ambas, que ata agora non aflorou tan claramente como debería". "A cidade ten máis presente o mar como obxecto de ocio que como espazo de oficios, e con este festival poderemos ter máis presente o potencial evidente do mundo mariño", dixo.
O concelleiro sinalou que a Concellería de Culturas colaborará co festival a través de distintas iniciativas, como a exposición Pel de mar do fotógrafo lucense Xulio Villarino, "o retrato dunha forma de vida, que transluce a relación que as cidades poden establecer co mar". O Kiosco Alfonso acollerá esta mostra entre o 21 de setembro e 27 de novembro, e contará no interior do recinto municipal cun espazo de concienciación ambiental promovido pola área de Medio Ambiente.
Entre as actividades máis destacadas que apoia o Goberno local, atópanse as que ofrecerán dous dos Museos Científicos Coruñeses, "o que supón o recoñecemento da cultura científica e, á vez, pon de manifesto a relación existente entre a arte e a ciencia, unha cuestión que é un reto e un camiño que pode circular a creación e a divulgación, e sobre a que traballan os Museos", expuso Sande. Así, a Domus acollerá o xoves 22 un parladoiro da investigadora medioambiental e activista Lucy Gilliam, impulsora do proxecto eXXpedition, no que falará desta iniciativa, unha serie de travesías mariñas nun velero tripulado únicamente por mulleres coa finalidade de traballar e visibilizar a polución plástica das augas e o seu efecto na saúde. O museo tamén acollerá o venres 23 a estrea na Coruña da longametraxe O legado das rías galegas, do fotógrafo vigués Jorge Candán. Por outra banda, e xa no mes de outubro, no Aquarium Finisterrae celebraranse os distintos obradoiros de O mar a fondo, un proxecto dirixido ao público escolar que fomenta o coñecemento do mundo mariño e o interese pola súa preservación.
O Concello tamén estará presente nesta edición do Festival a través das Bibliotecas Municipais, que ofrecerán desde o 12 ao 30 de setembro puntos de interese nos centros con libros e material audiovisual sobre os oceános, ademais de ter presenza noutros espazos do encontro.
Sensibilización e concienciación
A dimensión medioambiental do Festival Mar de Mares foi abordada pola edil María García, quen sinalou que a cita "incide en cuestións estratéxicas" da sua área, como a sensibilización e implicación activa da cidadanía "desde unha óptica positiva e constructiva", ou a protección e posta en valor dos recursos naturais. Neste sentido, a responsable municipal salientou as políticas municipais para mellorar a calidade dos espazos acuáticos a través da estratexia de vertido cero, "para acabar coas verteduras que están deteriorando os nosos litorais". "A Coruña está orgullosa de ser cidade atlántica e gozar do mar, polo que debemos promover a conservación do litoral", dixo.
Ademais do espazo de concienciación na exposición Pel de Mar, á que se organizarán visitas guiadas para escolares desde a súa área, a concelleira avanzou que se porá en marcha unha nova edición do programa de sensibilización ambiental Móllate!, que se vén desenvolvendo desde a pasarada edición do festival coa finalidade de convidar á reflexión a mocidade para que tome conciencia da produción de residuos que vai parar ao mar e as súas consecuencias para os ecosistemas mariños, "e que conseguiu que, por vez primeira na Coruña, se abordase a cuestión dos residuos na festas de San Xoán desde esta perspectiva". Da Concellería que dirixe García tamén chegará outra das novidades do Festival, coa posta en marcha dunha Illa da Reciclaxe dentro da iniciativa Mercado do Mar, un espazo no que se desenvolverán cuestións relativas a reutilización de residuos e no que se facilitará á cidadanía a separación do lixo en orixe coa instalación de contedores para pilas, baterías, e aceite de cocina.
A codirectora de Mar de Mares, Merce Carballo, e o cociñeiro Iván Dominguez tamén participaron na presentación do Festival, que ofrecerá actividades relacionadas coa gastronomía, de iniciación ao mundo da vela, deporte protagonista nesta edición, ou o mundo editorial. Un dos eixos deste ano será, ademais, o papel das redeiras, as que se dedicará a exposición Enredadas, e que realizarán unha demostración ao vivo do seu traballo o día da inauguración.
Para máis información pode visitarse a web www.festivalmardemares.org