Música
Culturas apoia "A Coruña respira música" e "Feminismo e industria musical"
O edil José Manuel Sande presentou as xornadas ‘A Coruña respira música’ e ‘Feminismo e industria musical. A creación dun novo modelo cultural’. Ambas propostas, de acceso libre e nas que o Concello inviste 45.000 euros, terán a súa sede central no centro cívico da Cidade Vella
A Coruña, 4 de decembro de 2018.- A Coruña acollerá, entre os días 10 e 18 de decembro, a celebración de dúas iniciativas vinculadas á reflexión e análise do sector musical. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, deu a coñecer esta mañá as xornadas A Coruña respira música e Feminismo e industria musical. A creación dun novo modelo cultural, que o Concello da Coruña apoia, a través de dous convenios de colaboración, coas entidades Músicas ao Vivo (MAV) e Mulleres de Industria da Música (MIM). Tal e como apuntou o edil, ambas propostas “abren o debate e a reflexión sobre o estado do ámbito musical, a profesionalización do sector e outras circunstancias que determinan a situación dun ámbito que aglutina moita actividade na nosa cidade”. “A Coruña vive actualmente unha clara efervescencia musical. É unha cidade na que a presenza da música é máis que relevante, e pola que o Concello da Coruña aposta con claridade, como é evidente a través de convocatorias como Grupo Xerminal, Arraigo e de axudas ás salas de artes escénicas; os acordos coa Sinfónica de Galicia e a aposta pola Banda Municipal; programas como o Festival Noroeste Estrella Galicia ou Ardelloeixo; ademais de toda a programación en salas e recintos que formar parte do circuíto municipal”, sinalou Sande.
A primeira das propostas, A Coruña respira música, celebrarase entre os días 10 e 15 de decembro e nace co obxectivo de ofrecer unha infraestrutura formativa ás músicas e músicos da cidade e área metropolitana, “que lles permita contar cunha visión global do sector”, expuxo Fran Castro, membro de MAV. A iniciativa, na que a Concellería de Culturas inviste 30.000 euros a través dun convenio de colaboración, contará con clases maxistrais de profesionais do sector, como os membros de Sumrrá, Inés Portela, Luís Pastor, Xabier Díaz e Narci Rodríguez. A Coruña respira música tamén contará con encontros e mesas redondas, vinculados aos Premios Martín Códax, o Estatuto do Artista e outros aspectos relacionados coa carreira musical. Ademais, terá lugar unha sesión de encontros entre artistas e programadoras, denominado speedmeeting, e unha homenaxe popular, que terá lugar o sábado 15, “á rúa Cega, a vía musical por excelencia da cidade”, apuntou Castro, na que se atopan a sala Jazz Filloa e Discos Portobello. As xornadas completaranse coa exposición sobre fotografía musical Soundtrack, de Juan Pérez Fajardo, que se instalará entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro na Casa Museo María Pita, e concertos ao vivo en distintas salas da cidade.
A segunda das iniciativas, Feminismo e industria musical. A creación dun novo modelo cultural, chega a través cun convenio de colaboración con MIM, ao que se dedicarán 15.000 euros. Tal e como expuxo Patricia Hermida, membro da entidade, esta primeira edición das xornadas, “que nacen con vocación de continuidade”, teñen como obxectivo “afondar no debate sobre o papel do feminismo na industria musical, de cara a abordar metodoloxías e solucións factibles que permitan reverter a actual situación de desigualdade no sector”.
Nas xornadas, cuxo acceso será libre e que terán lugar os días 17 e 18 no centro cívico da Cidade Vella, participarán representantes de asociacións feministas así como profesionais do sector.
“Cremos que é viable e posible traballar en clave de cambio. A Coruña, a través da riqueza e extensión da súa industria musical, poder ser o estandarte para acadar un cambio real e efectivo”, apuntou Hermida, quen avanzou que se presentarán iniciativas de ámbito estatal e internacional “que xa están a traballar nesta perspectiva”.