Música
Culturas presenta a nova programación da Banda Municipal de Música, que incluirá o novo ciclo ‘Seráns’, concertos gratuítos entre semana no Teatro Rosalía
José Luis Represas regresa como conductor da agrupación esta tempada, na que se realizará unha homenaxe ás Irmandades da Fala e Cántigas da Terra o 18 de decembro.
Fonte: Concello da Coruña | 21/10/2016
O Pazo de María Pita acolleu esta mañá a presentación da programación para a tempada 2016-2017 da Banda Municipal de Música da Coruña. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou a "calidade" tanto da súa formación "como das propostas" que presenta a banda, que este ano terá como director, por segunda vez, a José Luis Represas. "O Goberno entende que este Concello conta cun gran conductor, polo que celebramos o seu regreso esta tempada", dixo Sande, quen avanzou que os concertos deste ano ofrecen como novidade principal, o ciclo Seráns coa BMMC, citas musicais, tamén gratuítas, que teñen lugar nos días de diario no Teatro Rosalía Castro "co obxectivo de chegar a máis público, alén do que habitualmente asiste nas fins de semana", expuxo o edil, ao Pazo da Ópera. Este recinto acollerá os recitais da agrupación que teñen lugar os domingos ás 12.15 horas. Serán cinco concertos ata decembro, e oito entre xaneiro e abril de 2017.
O primeiro deles terá lugar esta fin de semana, o domingo 23 de outubro, no que a Banda Municipal estará dirixida por Represas e contará co saxofonista Jorge García como solista. Ambos acompañaron ao edil de Culturas na rolda de prensa. Neste primeiro recital, Fantasía do Saxofón, interpretaranse obras de Claude T. Smith, Ronald Binge, Camilo de Nardis, F. A. Bort Ramón e Alfred Reed. O director da Banda Municipal salientou que tanto neste, como noutros concertos, "búscase combinar pezas contemporáneas con aquelas máis recoñecidas polo público".
O segundo concerto do Ciclo outono - inverno da Banda, Suiza, revivindo outros tempos, chegará o día 13 de novembro, e terá a música de compositores helvéticos de protagonista, con obras de Oliver Waespi e Franco Cesarini. Nesta ocasión, a banda contará coa dirección do vigués David Fiuza e coa presenza como solita de Sabela Galbán. O terceiro concerto, que terá lugar o día 20 de novembro, tamén contará cun conductor convidado --que neste caso será o belga Bart Picquer--, ao igual que a cuarta cita do ciclo, Alén dos mares, na que Javier Viceiro dirixirá a unha Banda na que o trompeta da orquestra sinfónica de Sevilla, José Forte, exercerá de papel principal. Esta sesión, na que se interpretarán obras de Fikret Amirov, Alexander Arutunian e Andrés Gaos, terá lugar o día 4 de decembro. Finalmente, o ciclo pecharase o 18 de decembro e, baixo a dirección de Represas, terá lugar o concerto homenaxe ás Irmandades da Fala e a agrupación coruñesa Cántigas da Terra no seu centerario, Cántigas e amigos, no que participarán, ademais da BMMC, Susana de Lorenzo e Xurxo Souto. "Será un concerto moi popular, na que A Coruña lle agradecerá a Cántigas o que supón como punto de encontro social e musical", explicou Represas.
Ao respecto do ciclo Seráns, que se veñen celebrando desde o pasado 29 de setembro, as vindeiras citas terán lugar o 24 de novembro e o 20 de decembro. O primeiro deles, O serán con... clarinetísimo, contará con catro solistas que intepretarán, xunto a Banda, obras de Verdi, Rossini Weber e Ponchielli. Por último, a cita de decembro, a derradeira coa BMMC deste ano, terá como protagonista ao tradicional concerto de Aninovo. O serán con... Vienna na Coruña,achegará ao TRC, baixo a batuta de Juan Lois Dieguez, obras de Haydn e dos Strauss. Entre elas, a coñecida Marcha Radetzky, que pechará o programa.
O concelleiro de Culturas avanzou que, "unha vez finalice a tempada, no mes de xuño de 2017, incorporarase unha nova persoa á dirección da Banda". O resultado do proceso de selección levado a cabo nos últimos días para escoller a persoa responsable "coñecerase nas vindeiras semanas", sinalou Sande.