Música
Dequenvessendo presenta o seu primeiro disco Canto das xacias
Músicos como Bieito Romero, Javier Cedrón e Víctor Iglesias, ademais dos bailadores Xiao Mogín e Nacho Couselo, acompañarán ao grupo na estrea ao vivo do seu álbum debut
O disco, producido por Mirmidón, conta tamén coa colaboración de Sés, Xosé Liz, Nani García ou Xabier Ferreiro ‘Man’, entre outros artistas
A Coruña, 14 de setembro de 2020.- O Teatro Rosalía Castro converterase no serán do vindeiro venres, 18 de setembro, nun auténtico escenario de lenda. O grupo de folk contemporáneo Dequenvessendo dará a coñecer ao vivo, e ante o público coruñés, Canto das xacias, o seu álbum debut.
Con Canto das xacias, publicado o pasado 8 de setembro, Dequenvessendo mergúllase na lenda dos xacios ou xacias, os seres metade humanos e metade peixes que habitan, segundo o imaxinario popular, no fondo dos pozos e dos ríos galegos. Sonoridades celtas, atlánticas e de raíz conflúen sutilmente nun álbum no que a banda fía un relato singular, a da lenda da xacia de Chouzán, a través de once temas de creación propia que se acompañan de textos de autores das notas letras. O disco, editado por XINGRA e producido por Mirmidón, chega após unha campaña de micromecenado e pódese escoitar nas principais plataformas dixitais (https://links.altafonte.com/ee5d5vk).
O concerto deste venres 18 comezará ás 20.30 horas. Sobre as táboas do Teatro Rosalía Castro, a banda, que emerxe de agrupacións de música tradicional, exporá o seu son singular, ateigado de influencias e matices que converten este primeiro álbum nunha estimulante actualización do folk celtoatlántico. Dequenvessendo, ademais, contará coa compañía dos bailadores Xiao Mogín e Nacho Couselo, así coma e de músicos de recoñecido prestixio no país. É o caso de Bieito Romero, Javier Cedrón e Víctor Iglesias, que tamén colaboran neste primeiro disco, ao igual que artistas como Sés, Xosé Liz, Nani García ou Xabier Ferreiro ‘Man’. As entradas para esta sesión, a primeira das datas da xira de presentación, pódense adquirir a partir de 7,50 euros na páxina web https://corunacultura.sacatuentrada.es/. A seguinte parada o 19 de setembro en Xunqueira de Espadanedo e o 21 de outubro en Santiago de Compostela.
Dequenvessendo
Dequenvesendo bebe da tradición para actualizar o folk galego. O grupo nace no 2016 no seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional. Desde os seus inicios, o grupo deixa a súa impronta en foliadas de prestixio como os Cantos de Taberna de Folgoso do Courel ou en citas como o Festival da Carballeira de Zas.
A experimentación sonora e o achegamento ao traballo de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers dán paso, desde a tradición, ao folk contemporáneo. As influencias de diversos estilos musicais resoan nos seus directos e o grupo acada a súa actual formación, de 6 membros multiintrumentistas, no ano 2018. Neste tempo a banda convértese nunha peza chave da programación musical de míticos locais como Casa das Crechas ou Cova Céltica e acada o recoñecemento en eventos de primeiro nivel. É o caso do Festival de Ortigueira, cita na que se proclama gañadora do Concurso Runas 2019 xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojima.
Neste 2020 o grupo impulsa e finaliza, exitosamente, unha campaña de micromecenado apoiada por máis de 160 persoas co obxectivo de publicar o seu primeiro LP. Este verán Dequenvessendo regresa con forza aos escenarios para presentar ante o público Canto das xacias, un traballo que ten coma protagonista a cultura galega a través da súa poesía e do seu imaxinario popular.