Humorismo

O Encontro Mundial de Humorismo 2023 completa a súa programación con música ao vivo, paneis, novos espectáculos e unha exposición

A Casa Museo Picasso acollerá a partir do venres 28 a exposición ‘El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad’, con obras de Mingote, Quino, Gallego y Rey ou Flavita Banana; e esa mesma tarde Siro López participará na conversa ‘Picasso e a caricatura’
O Encontro Mundial de Humorismo 2023 completa a súa programación con música ao vivo, paneis, novos espectáculos e unha exposición
20230327 RP EMHU 2023 © Leo López 1
20230327 RP EMHU 2023 © Leo López 1

A plataforma Movistar Plus+ colabora co EMHU a través da presentación do programa ‘Showriano’, con Eva Soriano, e que contará con Leo Harlem como convidado

O alumnado da Escuela de Impro Coruña actuará o sábado 29 de abril en Afundación, mentres que a Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá o 4 de maio un concerto especial de ‘La banda sonora de nuestra risa’ que contará con Luis Piedrahita como narrador

As invitacións para asistir aos espectáculos que conforman a programación paralela do EMHU pódense retirar gratuítamente desde hoxe a través da web oficial www.emhu.es 

A Coruña, 27 de marzo de 2023.- O Encontro Mundial de Humorismo desvela o programa completo da súa terceira edición coa presentación das actividades paralelas, as escolma de propostas de acceso libre ou mediante retirada gratuíta de convite e que terán lugar durante a celebración do evento, entre os días 28 de abril e 7 de maio, na Coruña. A exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, a conversa Picasso e a caricatura, unha sesión de improvisación co alumnado da Escuela de Impro Coruña, o concerto La banda sonora de nuestra risa, conducido por Luis Piedrahita e coa interpretación da Banda Municipal da Coruña, e a presentación do programa Showriano, con Eva Soriano, súmanse á programación do EMHU 2023.  

O director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, deu a coñecer esta mañá a programación paralela do evento. Fíxoo desde o Pazo de María Pita, na Coruña, onde ofreceu unha rolda de prensa acompañado pola alcaldesa da cidade, Inés Rey; o delegado da Xunta de Galicia na provincia, Gonzalo Trenor; e a responsable de Cultura, Orixe e Proximidade de Hijos de Rivera, Goretti Castro. No acto tamén estiveron presentes artistas que participarán na nova edición do EMHU. É o caso de Carmen Méndez, Javier Veiga, Ledicia Sola, Marta Doviro, Oswaldo Digón e Xosé A. Touriñán

A programación paralela do EMHU 2023 comezará na propia xornada inaugural do evento. O venres 28 de abril, antes da estrea en Galicia de Buenismo Show, a Casa Museo Picasso acollerá a apertura da mostra El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad. Co gallo da celebración do 50º cabodano do pintor, o EMHU, o Instituto Quevedo del Humor e o Concello da Coruña impulsan unha exhibición que conta con traballos de Mingote, Quino, Gallego y Rey ou Flavita Banana, entre outras sinaturas. A través dos cadriños, achegan a súa visión e ideas sobre o bombardeo histórico plasmado por Picasso nunha das súas obras máis universais. A exposición poderase visitar até o 30 de xuño no horario habitual do recinto municipal. Esa mesma tarde, a partir das 19:00 horas, Siro López ofrecerá un parladoiro nomeado Picasso e a caricatura, na que o humorista gráfico, a través do seu propio arquivo, porá sobre a mesa a relación do malagueño con esta arte. A cita, ao igual que a exposición, será de acceso libre.  

Ao día seguinte, o sábado 29, a sede de Afundación acollerá un espectáculo de improvisación -de acceso libre até completar a capacidade do auditorio- creado polo alumnado do curso de nivel avanzado da Escuela de Impro Coruña, entidade dirixida por Víctor Grande e Oswaldo Digón. Precisamente Digón será un dos humoristas de Galicia que, no marco do EMHU 2023, estree unha nova peza: a cita coa súa Ansia Viva, na que estará acompañado polo músico Luis Tinaquero, chegará o xoves 4 de maio ao auditorio de Afundación. Un día antes, o mércores 3, e tamén no mesmo recinto, terá lugar a estrea absoluta de As R(h)umorosas, unha creación colectiva de Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro na que as cómicas, a través da comedia, a música e a poesía, imaxinarán e darán voz a algunhas mulleres galegas ilustres. As entradas para estas dúas funcións, incluídas na programación de pago do evento, están dispoñibles en www.emhu.es.

A programación paralela do EMHU 2023 inclúe tamén unha nova edición do concerto La banda sonora de nuestra risa, unha propuesta singular na que o EMHU e a Banda Municipal de Música da Coruña unen forzas, por segundo ano consecutivo, para ofrecer un espectáculo musical na que a risa estará garantida. Se no 2022 a banda percorreu grandes momentos musicais da historia do cinema ou da televisión, desta quenda, baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopis e acompañada de novo por Luis Piedrahita como mestre de cerimonias, a agrupación reinterpretará himnos xeracionais que, grazas ao humor do director artístico do EMHU, non deixarán indiferente ao público. O acceso ao concerto, que terá lugar o xoves 4 de maio a partir das 19:30 horas no Teatro Colón, será gratuíto previa retirada de convite a través da web www.emhu.es

Presentación de ‘Showriano’ no EMHU 2023

Entre as novidades desta edición do EMHU, está a participación, como plataforma colaboradora, de Movistar Plus+, unha vinculación que se traduce na presentación do novo programa Showriano, conducido pola cómica Eva Soriano. Na súa cita coruñesa, que terá lugar o venres 5 de maio no Teatro Colón, Soriano contará con Leo Harlem como convidado, entre outras sorpresas. Precisamente ambos humoristas serán protagonistas, xunto con Sílvia Abril e Ana Morgade, da nova gala exclusiva do EMHU que se estreará o sábado 6 en Palexco: Animus Iocandi (19:00 e 22:00 horas). As invitacións para asistir á presentación de Showriano pódense retirar, desde este luns, en www.emhu.es

EMHU 2023

A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. O evento, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, reunirá durante dez días na cidade herculina os espectáculos a as figuras máis destacadas da comedia a nivel estatal. Moitas delas actuarán en producións únicas, creadas exclusivamente para o EMHU. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntará a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera o 29 de abril; da nova gala Animus Iocandi, coa que o EMHU regresará ao Palexco para que o público escache coa risa da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que nesta ocasión contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón.

O Encontro Mundial de Humorismo contará na súa programación troncal con algúns dos espectáculos en xira máis demandados polo público neste momento. É o caso de Buenismo Show, cuxa estrea en Galicia terá lugar o 28 de abril no marco do EMHU; ao igual que La capital del pecado 2.0 de Juan Dávila, cuxa función está programada para o 1 de maio; ou Estirando el chicle desde un castillo, un programa especial do podcast presentado por Carolina Iglesias e Victoria Martín que se gravará, ao vivo, na tarde do 30 de abril desde o Castelo de Santo Antón. Ademais, entre as propostas que se poderán ver na Coruña, están Sin datos no hay paraíso (29 de abril), cos ‘influencers’ Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo CarreñoLa comedia salvó mi vida, con Ignatius Farray (30 de abril); La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes (6 de maio); y Garabato controlado (5 de maio), cita que suporá a estrea en España do novo espectáculo do arxentino Juan Barraza

O EMHU tamén será o espazo no que se celebren dúas estreas absolutas de producións galegas: As R(h)umorosas, de Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, e Ansia viva, de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero. Tamén conta con selo galego o filme Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica que dirixe Javier Veiga sobre a obra teatral e que se proxectará, antes da súa chegada ás salas, o domingo 30 de abril no Teatro Colón. A exhibición da película estará acompañada dunha breve conversa e espectáculo que contará coa participación de Marta Hazas, David Amor, Xosé A. Touriñán e do propio Veiga. 

20230327 RP EMHU 2023 © Leo López 3
20230327 RP EMHU 2023 © Leo López 3

HORARIOS PROGRAMACIÓN EMHU 2023

Venres 28 de abril
18:30 horas | Casa Picasso: El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (apertura)

19:00 horas | Casa Picasso: Picasso e a caricatura (acceso libre ata completar capacidade)
21:30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show (estrea en Galicia)

Sábado 29 de abril
12:30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar capacidade)
17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso
19:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa

Domingo 30 de abril
16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo
18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte

Luns 1 de maio
19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)

Mércores 3 de maio
19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)

Xoves 4 de maio

19:30 horas | Teatro Colón: La banda sonora de nuestra risa (gratuíta previa retirada de convite en emhu.es)
21:00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)

Venres 5 de maio
19:30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)
21:00 horas | Teatro Colón: Showriano (gratuíta previa retirada de convite en emhu.es)

Sábado 6 de maio
12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina
19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)

22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi

Domingo 7 de maio
20:00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon

O Encontro Mundial de Humorismo 2023 completa a súa programación con música ao vivo, paneis, novos espectáculos e unha exposición