Cultura
Exposición na Facultade de Ciencias da Educación: Pingas de humor crítico de Xoán Andrade
O ilustrador Xoán Andrade presenta unha selección da súa obra na exposición "Pingas de humor crítico", que recolle unha compilación do seu traballo ao longo da súa traxectoria, tendo en conta diferentes ámbitos nos que traballou.
A exposición ten lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, no andar 0. Nesta mostra, Xoán Andrade expón unha variedade de traballos, desde cadros de humor e caricaturas ata ilustracións de materiais educativos para a lectura e escritura en galego, así como para a educación afectivo-sexual. Tamén se poden apreciar os seus debuxos para traballos históricos e etnográficos, así como deseños de logotipos e carteis.
A Asociación veciñal Agra, co apoio económico da Deputación da Coruña, reproduciu as copias dixitais escollidas polo autor, tanto ilustracións realizadas con medios tradicionais, como a tempera ou a pluma estilográfica, como pezas feitas con programas de deseño gráfico.
No que respecta á temática, destaca unha selección de cadros de humor gráfico de marcado carácter social. Un dos obxectivos do traballo de Xoán Andrade é mellorar a sociedade ilustrando as súas contradicións cun humor crítico que incita á reflexión, aínda que tamén poida arrincar un sorriso.
A exposición foi inaugurada o pasado mércores 8 de novembro ás 12:15 horas, contando coa presenza do autor no andar 0 da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. As caricaturas están expostas na biblioteca, onde tamén se exhibe material do proxecto Chirlo-Merlo de lectura e escritura en galego, do cal Xoán Andrade é coautor.